A Xunta anuncia que o Plan Forestal de Galicia reducirá un 5% a actual superficie de eucalipto

O proxecto prevé diminuir en 20.000 hectáreas a superficie de eucalipto ata o ano 2040, segundo destacou hoxe o presidente autonómico. Prevese aumentar a superficie de frondosas caducifolias, de castiñeiros e de piñeiro

A Xunta anuncia que o Plan Forestal de Galicia reducirá un 5% a actual superficie de eucalipto

O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o Plan Forestal de Galicia 2021-2040. O documento, logo dun longo proceso, está xa listo para os seus trámites finais. Pasará primeiro polo Consello Forestal, o órgano consultivo da Administración no que participa toda a cadea forestal e colectivos ambientalistas, e despois levarase ó Parlamento. Tras eses trámites, será aprobado como decreto polo Consello da Xunta.

En relación á última versión coñecida do proxecto, unha das novidades que anunciou hoxe a Xunta é unha maior limitación para o cultivo do eucalipto. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, subliñou hoxe que o Plan Forestal prevé unha diminución dun 5% da actual superficie de eucalipto, o que supón que de aquí ó 2040 reducirase a presenza do eucalipto en 20.000 hectáreas.

En concreto, a Xunta sinala que reforzará o control de novas plantacións e aplicará un programa de transformación de eucaliptais degradados. Tamén actuará sobre a xestión e produtividade das actuais masas de eucalipto, co obxectivo de que se poida aumentar o volume de madeira cortada cada ano cunha menor superficie no monte. A meta é chegar a cortar un 90% do volume de crecemento anual da especie.

Entre tódalas especies, a Xunta prevé que Galicia poida chegar no 2040 a unhas cortas de 12 millóns de toneladas anuais, fronte ós 9 millóns actuais. Iso implicará pasar dunhas cortas do 60% do volume de crecemento anual do monte ó 70%, o que continuaría garantindo a sostibilidade do seu aproveitamento.

De cara á estratexia de prevención de lumes, a Administración tamén anuncia que porá en marcha medidas para rachar a continuidade das masas de eucalipto. Anúnciase ademais unha nova lei de prevención de incendios.

Frondosas caducifolias e castiñeiros
Outro dos obxectivos do Plan Forestal sitúase en chegar a 425.000 hectáreas de frondosas caducifolias no ano 2040, aumentando a súa vez os bosques de frondosas que teñen unha xestión silvícola activa.

Para o caso concreto do castiñeiro, prevese aumentar a súa superficie en 16.000 hectáreas, a metade para a produción de castaña e a outra metade para madeira.

Piñeiros
En relación coas coníferas, no plan recóllese o fomento de liñas de axuda para repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando mediante esta vía a superficie que ocupan estas especies en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos. Tamén se aplicarán actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas deica o ano 2040 e irase incrementando a porcentaxe de volume de cortas con destino á serra ou usos estruturais ata un 75% nese tempo, segundo o plan da Administración.

Creación de ‘montes protectores’
Outro programa destacado que se anuncia no marco do Plan Forestal é o dos chamados “montes protectores”. Trátase de inventariar e rexistrar aqueles montes ou terreos forestais que teñan un especial carácter protector do solo e regulador do ciclo hidrolóxico. Así, planifícase a creación e inscrición de montes protectores, para chegar a un total de 90.000 hectáreas amparadas por esta figura no horizonte do plan.

Ademais, porase en marcha un programa de conservación de recursos xenéticos e un plan de uso social ou turístico do monte mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico, actuando en 25.000 hectáreas deica o ano 2040.

Xestión conxunta

No ámbito da agrupación da xestión das propiedades particulares, a Xunta márcase o obxectivo de agrupar a xestión de 150.000 hectáreas ao abeiro de proxectos de mobilización de terreos agroforestais e mobilizaranse outras 35.000 ha. de terras forestais mediante actuacións de xestión conxunta, segundo anuncia a Administración.

Desestimado o carácter invasor do eucalipto

Hoxe mesmo trascendeu tamén unha sentencia do Tribunal Superior de Justicia de Madrid na que desestima a demanda do Concello de Teo contra o eucalipto. O Concello de Teo pedira que o eucalipto se incluira no catálogo español de especies invasoras, pero o Tribunal considera que, dado que sobre esa cuestión hai criterios científicos totalmente contrapostos, non é posible concluír a necesidade de catalogar o eucalipto como invasor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información