Xeaga, a ferramenta que prepara Medio Rural para xestionar o novo caderno dixital da explotación

A consellería dispoñerá dunha plataforma para incluír a información sobre os fitosanitarios e fertilizantes empregados na granxa e ofrecerá outros servizos ás granxas. Estará dispoñible a comezos de xullo

Xeaga, a ferramenta que prepara Medio Rural para xestionar o novo caderno dixital da explotación

O novo paquete normativo aprobado a finais do ano pasado introducirá ó longo dos próximos meses importantes obrigas para as granxas, entre as que se atopa a de dispoñer dun caderno da explotación dixital. Aínda que a entrada en vigor desta medida será gradual e moitas granxas non terán que incorporalo ata o segundo semestre do vindeiro ano, outras deberán dispoñer del e cubrilo xa este mesmo ano.

Con ese horizonte, cooperativas, empresas e diferentes entidades están a traballar para poñer a punto ferramentas para que os produtores conten con dito caderno dixital. A Administración galega é tamén un dos organismos que habilitará esta ferramenta informática, posto que o propio Real Decreto 1051/2022 recolle que debe facilitárllela ós gandeiros e agricultores, que logo poderán escoller con cal traballar á hora de rexistrar os movementos de fitosanitarios e tratamentos da súa actividade.

A Consellería de Medio Rural aproveitou a feira Cimag-GandAgro, que se celebrou a semana pasada en Silleda (Pontevedra) e que se converteu un ano máis nun punto de encontro do sector agrogandeiro galego, para dar a coñecer xa algúns detalles da súa ferramenta, que estará dispoñible a partir de xullo. Do mesmo xeito que a normativa obriga á Administración autonómica a poñer a disposición dos produtores sistemas informáticos gratuítos, establece que deben estar operativos dende o 1 de xullo, momento de entrada en vigor do Real Decreto.

O novo caderno dixital

O caderno dixital da explotación deberá incluír como mínimo: contidos xerais do cultivo de cada parcela, os tratamentos fitosanitarios aplicados e a fertilización que se fai das parcelas, xa que tamén pasará a ser obrigatorio dispoñer dun plan de abonado. Cada tratamento da explotación, efectuado tanto por persoal propio como por un servizo contratado debe rexistrarse de forma electrónica.

“O rexistro dos tratamentos fitosanitarios que se debe facer no caderno dixital é moi semellante ó que se viña facendo ata agora nas ganderías, só que debe estar dispoñible en soporte dixital”, explica Víctor Novo Vázquez, xefe do servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería de Medio Rural. Deben incluírse os seguintes datos no apartado referido ós fitosanitarios:

-Data de tratamentos.

-Número de identificación da parcela.

-Praga a controlar.

-Identificación do aplicador ou no seu caso do asesor.

-Cultivo, indicando especie e variedade.

-Superficie (en hectárea).

-Produto fitosanitario aplicado (nome comercial e número de rexistro).

-Identificación da máquina ou equipo de tratamento empregado para aplicalo.

-Quilos ou litros do produto fitosanitario utilizado no tratamento.

-Valoración da eficacia do tratamento.

– Tamén valora que se inclúan outras observacións pertinentes.

Esta información debe incluírse no prazo dun mes desde que se aplicou o tratamento do cultivo.

O plan de abonado

O novo marco xurídico tamén obriga a boa parte das ganderías a dispoñer dun plan de fertilización que deberá incluírse no caderno dixital da explotación. Así, o agricultor que faga unha achega de nutrientes terá un prazo dun mes para anotalo no caderno. No apartado de fertilización debe incluírse o plan de abonado, así como os datos dos solos das parcelas, a composición dos abonos orgánicos e as doses e datas de aplicación do fertilizante ademais das regas que se fagan. Estarán exentas aquelas explotacións que teñan menos de 10 hectáreas de cultivo de secaño ou dedicadas a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo.

Prestacións da ferramenta Xeaga e perspectivas

Aínda que a ferramenta que prepara Medio Rural, Xeaga, está polo momento en proceso de posta a punto, o xefe de servizo de explotacións e asociacionismo agrario da Consellería de Medio Rural, Pablo Gómez Casas, xa apuntou algunhas das claves do seu funcionamento. “Unha das principais vantaxes de empregar esta ferramenta é que ofrece toda a información que a Administración ten da explotación”, explica Gómez Casas.

“Unha das principais vantaxes de empregar esta ferramenta é que ofrece toda a información que a Administración ten da explotación”: Pablo Gómez, xefe de servizo de explotacións 

Trala identificación do usuario, mediante certificado dixital ou a chave 365, o propietario da explotación accederá a toda a información sobre a mesma. Por unha banda amosará a localización das parcelas asociadas a esa gandería tanto na actualidade como historicamente. “Poderá coñecerse tamén as parcelas da explotación nunha data determinada”, explica. Amosaranse tanto as parcelas que se inclúan na PAC como aquelas que forman parte da base territorial que manexa a gandería e que están incluídas no rexistro de explotacións.

En canto ó caderno de explotación, a aplicación Xeaga disporá dun apartado específico no que rexistrar os fitosanitarios que se empregan na granxa. Poderá servir ademais para facilitar a xestión destes, xa que ofrecerá un inventario dos fitosanitarios da gandería. “A aplicación realizará un cálculo do stock que vai quedando dos produtos que se foron rexistrando para facilitar a xestión”, indica.

Como a nova normativa tamén obriga a incluír no caderno dixital a fertilización que se faga na explotación, tamén se incluíra un apartado propio para o abonado. Ademais, o Xeaga disporá dun visor das masas de auga que estean próximas ás parcelas para facilitar o cumprimento das distancias de seguridade que se deben manter á hora de realizar os abonados ou o almacenamento de esterco e que se recollen na nova norma.

Á marxe desta información, tamén se incorporan outros datos como o número de animais dados de alta, os seguros agrarios que están vixentes ou no caso das ganderías de leite, tamén se recollerá o histórico das entregas de leite.

Dende a consellería tamén apuntaron que teñen previsto seguir traballando na ferramenta para que poida ofrecer ademais outra información de utilidade para as ganderías como axudas dispoñibles ou mesmo poder formalizar outros trámites mediante ela.

Cálculo do indicador individualizado

Coa información incorporada no Caderno Dixital, a Administración calculará anualmente para todas as explotacións agrícolas un indicador individualizado para cada explotación dos fitosanitarios que emprega. Trátase dun cálculo por hectárea por cada explotación e cultivo. Cos datos de 2023, 2024 e 2025 estableceranse uns valores de referencia para os distintos produtos a utilizar.

A partir do 1 de xaneiro do 2026, no caso de que o indicador de uso individualizado calculado anualmente estea por encima destes valores de referencia adoptarán medidas para aquelas explotacións que fagan un emprego máis elevado de fitosanitarios, unha medida que procura reducir o uso destes produtos e lograr unha produción máis sostible ambientalmente.

Así, naquelas explotacións agrícolas nas que entre o 50 e o 75% da súa superficie estea por encima dos valores de referencia nacionais por cultivo e zona produtiva serán considerados de risco moi alto e terán inspeccións máis frecuentes. Ademais, deberán realizar unha análise das causas cun asesor en materia de xestión integrada de pragas e establecerán as medidas necesarias para corrixir a situación, medidas que quedarán recollidas por escrito.

Prazos

As primeiras ganderías e explotacións que deberán incorporar o caderno dixital son aquelas que manexen máis de 30 hectáreas de terra de cultivo ou 30 hectáreas de pastos permanentes ou 10 hectáreas de cultivos permanentes. Tamén se encadran nesta categoría as explotacións que conten con alomenos 5 hectáreas de regadío ou teñan algunha parcela de invernadoiro. Todas estas explotacións deberán comezar a traballar co caderno dixital a partir do 1 de setembro. Mentres, o resto de ganderías non estarán obrigadas a facelo ata o 1 de xullo de 2024.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información