Vivendas en madeira, o potencial do CLT

A madeira contralaminada (Cross Laminated Timber) é un material que se está popularizando na construcción, en substitución do formigón e do ladrillo, polas calidades que aporta e pola súa sustentabilidade a nivel climático

Vivendas en madeira, o potencial do CLT

Vivenda en madeira elaborada con paneis de CLT, entre outros materiais, situada en Ribeira. / Arkke Arquitectura.

O Cluster de Madeira e o Deseño de Galicia organizou recentemente as XI Xornadas de Arquitectura e Deseño onde se expuxeron os novos horizontes da madeira, o deseño e a arquitectura, baixo a pretensión de xerar un punto de encontro para a reflexión e a xeración de novas ideas. Un dos puntos clave do evento foi a ‘pequena vivenda en CLT’, abordado polo arquitecto Óscar Ramos que explicou as vantaxes e potencialidades dunha nova maneira de construír, na cal, a madeira é o futuro.

O CLT (Cross Laminated Timber) son paneis de madeira contralaminados. Óscar Ramos defíneo coma un “produto industrializado de alta tecnoloxía conformado de madeira de pino ou abeto”. O resultado deste proceso adopta un formato de taboleiro “que pode medir ata 13 metros, cunha anchura de 3 metros, e con espesores moi variables que oscilan desde os 6cm ata os 30cm, aproximadamente”. Trátase de grandes pezas de madeira que cada vez teñen un maior peso na fabricación de vivendas debido ás súas propiedades. “Polo avance da sustentabilidade, polas características territoriais de Galicia, e especialmente polo seu sector forestal, este tipo de produtos teñen moito potencial aquí”, explica Ramos.


Vantaxes: sustentabilidade, eficiencia e maior rapidez


As pezas resultantes de CLT tenden a ser de grandes dimensións. Isto permite “un ensamblado en obra moi robusto e rápido, co cal acabas tendo un volume estrutural da vivenda moi compacto e resistente”, detalla o arquitecto de Arkke Arquitectura. Este produto, relativamente recente en Galicia, “permite montar a estrutura dunha casa duns 200m2, aproximadamente, nuns 5 días”. A rapidez da súa execución é un dos seus puntos fortes, a diferencia doutros materiais de construción convencional coma o formigón, o cal require un tempo de secado, e polo tanto, unha execución máis lenta.

Realizada a estrutura “o proceso de construción non defire do normal, esa madeira vai recuberta polo material que queira por dentro e por fora”, amplía Ramos. En calquera caso, o comportamento térmico do conxunto estrutural manifesta unha serie de vantaxes, debido “á condición do material e á súa transpiración, por exemplo, que permiten un maior confort térmico e, así mesmo, xerar un espazo residencial moito máis saudable”, comenta Óscar Ramos.

Vivenda feita por Arkke Arquitectura con estructura de madeira contralaminada

Vivenda feita por Arkke Arquitectura con estructura de madeira contralaminada

Ademais da súa adaptabilidade a unha construción sostible e de boa calidade, o CLT permite unha gran precisión tanto na súa fabricación coma na montaxe. “Fronte á construcción tradicional baseada no formigón e o ladrillo, o clt aporta menores espesores, maior lixeireza e unha importante mellora enerxética, xa que a propia estrutura da casa é un material illante”, amplía Ramos. Desta maneira, a casa pode ter un menor consumo e un mellor confort interno.

“A propia estrutura da casa pola condición da madeira xa sería illante” (Óscar Ramos)

“As casas con CLT constrúense cunha tecnoloxía e man de obra moito máis especializada que a tradicional, o que fai que o prezo de construcción sexa competitivo en vivendas por riba dos 200 m2. O CLT e outros derivados tecnolóxicos de madeira están introducindo un cambio de actitude e un novo xeito de entender a construcción que xa está sendo demandada polos clientes; o nivel de información e interese ao respecto é cada vez maior”.


Existen dificultades ou inconvenientes co uso do CLT a nivel estrutural?


Ao pensar en madeira, pódese asociar con risco de incendios, de pragas, ou incluso dunha caducidade. Os tratamentos que recibe xunto aos coidados na construción de vivendas soen ter en conta este tipo de factores externos. En canto aos incendios, o arquitecto de Akke explica que “calquera tipo de construción feita cun material determinado ten que cumprir os requisitos que establece o código técnico de resistencia ao lume, co cal, unha casa aínda que estea feita de madeira, ten que ter respectar as medidas que marca a normativa e as correspondentes medidas contra os incendios”.

“En canto aos incendios, calquera tipo de construción sexa de madeira ou ladrillo ten que seguir os criterios do código técnico de resistencia contra os incendios” (Óscar Ramos)

O que o código técnico valora ao respecto, segundo especifica o arquitecto, son os tempos de evacuación que o edificio. “Se nun edificio de formigón hai que calcular un tempo de 60 minutos, isto implica que a estrutura ten que resistir o lume esa duración para que se poida evacuar en condicións de seguridade; despois o incendio seguirá progresando ou non, e o edificio pode colapsar, pero houbo o tempo suficiente para abandonalo”, destaca Ramos. Para conseguir esta resistencia fronte ao lume, con madeira, simplemente habería que ir a maiores espesores, pero os parámetros de seguridade utilizados van ser os mesmos.

En canto ao ataque de xilófagos ou, de cara a evitar a presenza de humidades, ademais dun trato específico que a madeira pode recibir, Óscar Ramos especifica que “é fundamental construír dunha maneira que se manteñan uns niveis de estanquidade, ventilación e de protección suficientes contra a presenza destes factores”. Un exemplo que expón é a necesidade de que a estrutura da vivenda non estea en contacto co solo, ou mesmo o emprego de certos materiais coma láminas anti-termitas.

“Ao estar empregando outro tipo de material construtivo, o que temos é que utilizar outras técnicas de traballo”, determina o arquitecto. Desta maneira, os requirimentos vanse centrar na busca dunha man de obra especializada. Esta necesidade de converxer cara un xeito distinto de construír pode supoñer unha das dificultades. Este cambio ben dado polo tratamento que necesita este material e a súa forma de construír.

Proceso de construcción dunha vivenda de 200 metros cadrados, en CLT, na Coruña. / Arkke Arquitectura.

Proceso de construcción dunha vivenda de 200 metros cadrados, en CLT, na Coruña. / Arkke Arquitectura.


Importancia estratéxica


No ano 2011 Arkke Arquitectura construíu a súa primeira casa con este material, conseguido a través dunha importación. Hoxe en día xa existe unha empresa galega que fabrica CLT. Para Óscar Ramos, este material representa unha aposta pola sustentabilidade “primeiro, por consumir produtos de proximidade, e segundo, porque reduce o consumo de enerxía nos fogares, ó ser un material máis illante”. Durante o 2021, Arkke Arquitectura realizou dous proxectos en CLT localizados en Ares e Viduido (Ames), se ben “orzamentáronse moitos máis que non encaixaron en CLT finalmente”.

Unha das potencialidades de Galicia pode vir do entendemento e posta en marcha de iniciativas entre sectores forestal e construtivo para construír vivendas en madeira nun territorio cunha ampla superficie arborada. “Este é un camiño que se comezou a andar non fai moitos anos, pero vai ir a máis. A medida que se vaia depositando confianza da madeira, en torno a ela, vaise situar un sector tecnolóxico que previsiblemente vai ter un gran potencial”, comenta Óscar Ramos.

Finlandia é un exemplo, pois trátase dun país con ampla traxectoria madeireira. Unha boa xestión da súa materia prima permítelle manter un equilibrio entre expansión do uso de madeira dentro do país e exportacións. Deste xeito, o arquitecto comenta que “o país non se está deforestando, ao contrario, canto máis produce, maior superficie arbórea ten”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información