Nas últimas semanas varias gandarías reportaron ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) problemas na cadea de distribución de vacún de carne. Concretamente estanse a producir demoras na recollida dos xatos nas granxas para o seu traslado aos matadoiros, en ocasións de até máis dunha semana.
Con esta situación, preocupadas pola posibilidade dun funcionamento deficiente da cadea, son varias as posibilidades que están a barallar as gandarías, sen que a Consellaría do Medio Rural (CMR) estea a aportar información que concrete estas circunstancias.
Dende o SLG solicitan á Conselleria do Medio Rural que “aclare se estes atrasos efectivamente se deben a que os matadoiros están saturados e acumulan demoras de días e, de ser así, cal é o motivo desta saturación”. “Tamén hai rumores -engaden- de que, ante a imposibilidade de fornecer carne fresca abondo ao mercado, estanse a pór en circulación xatos conxelados, polo que consideramos que cómpre que a Xunta se pronuncie sobre a realidade desta hipótese canto antes”.
Segundo o Sindicato Labrego, as gandeiras e gandeiros sinalan tamén que, “de non ser atallada con celeridade, en poucas semanas esta problemática vaise agravar”. Así, explican que “até o 31 de maio pode haber liberdade de movementos de animais, pero a partir desa data será preciso que as reses teñan administrada a vacina da lingua azul. Sen embargo, moitas zonas están inda sen vacinar -e nas zonas vacinadas está a haber unha alta incidencia de efectos secundarios-, o que pode repercutir en que máis gando do habitual sexa levado a matadoiro ante as posibles dificultades para movelo a partires do 31”.
Canda a incertidume de non saber cando van ser recollidos os animais para o seu traslado aos matadoiros, o Sindicato Labrego tamén asegura que “no sector tamén medra a inseguridade con respecto á axuda de 200€ anunciada pola Consellaría para aqueles xatos marcados co selo nos matadoiros da IXP Vacún de Galicia, xa que polo dagora non temos constancia de que fora percibida por ningunha granxa”.
Ante esta situación, dende a organización labrega reclaman á Consellaría do Medio Rural “que se pronuncie o antes posible para concretar cales están sendo os motivos da ralentización da cadea de distribución do vacún de carne e pór solucións; aclarar en que medida a campaña de vacinación da lingua azul pode afectar a estas dinámicas comerciais e indicar en que data contempla abonar as axudas de 200 euros por xato sacrificado nos matadoiros da IXP anunciada fai catro meses”.