Unións Agrarias anuncia mobilizacións no sector do vacún de carne en Galicia ante os baixos prezos que se arrastran desde hai ano e medio, a raíz do confinamento provocado polo coronavirus e os peches e restricións na hostalaría, unha situación de falta de rendibilidade das explotacións que se ve agravada neste momento pola suba dos custos de produción.
O primeiro acto de protesta será unha concentración diante do edificio da Xunta en Lugo o vindeiro venres, día 22, ás 12 da mañá. O seguinte venres as protestas trasladaranse á delegación de Medio Rural en Ourense e o seguinte será na Coruña.
Entre a suba do penso e os abonos estanos a repercutir entre medio euro e un euro en cada quilo de carne que producimos
“Este sector está pasando unha situación moi crítica e moi delicada. A suba dos custos de produción que se está a dar é brutal. O encarecemento dos pensos e os abonos estanos a repercutir en cada quilo de carne que producimos entre 50 céntimos e un euro, en función das explotacións, mentres que as baixadas das liquidacións dos matadoiros cando entregamos os xatos está nun diferencial negativo para nós de 40 céntimos en quilo con respecto á situación que tiñamos antes da pandemia”, explicou José Ramón González, gandeiro da provincia de Ourense e responsable de producións extensivas de Unións Agrarias.
Cada explotación está a ingresar 200 euros menos en cada becerro que vende con respecto a antes da pandemia
“Isto lévanos a unha situación insostible e inviable para as explotacións”, indicou o responsable do sector vacún de carne de UUAA, que calcula que “cada explotación está a ingresar 200 euros menos en cada becerro que vende con respecto a antes da pandemia”.
11.000 explotacións en Galicia, máis da metade na provincia de Lugo
Das 11.000 explotacións de vacún de carne en base a vacas nodrizas que hai en Galicia arredor dunhas 6.000 ubícanse na provincia de Lugo. “Son pequenas explotacións cunha media de entre 25 e 30 vacas situadas nas zonas demograficamente máis sensibles, onde hai máis problemas de avellentamento da poboación, como na zona de montaña dos Ancares ou A Fonsagrada, onde non cabe a actividade de leite e a única alternativa é a produción de carne”, asegurou.
Os gandeiros necesitamos da complicidade da industria e a distribución porque está en xogo a supervivencia das explotacións nas zonas rurais máis delicadas e demograficamente máis sensibles
“Todos os eslabóns da cadea de valor teñen que ser sensibles e darse conta de que temos en xogo a supervivencia das explotacións nas zonas rurais máis delicadas e que só con subir os prezos que se pagan aos gandeiros 50 céntimos, o que significaría recuperar os 200 euros perdidos en cada becerro, estariamos dando viabilidade a estas explotacións”, destacou José Ramón González.
“Necesitamos darlles un empurrón para arriba aos prezos. Falamos dunha suba asumible para o consumidor para que esa pequena diferenza vaia para o produtor, para que o gandeiro poda seguir vivindo, pero no canto diso, observamos que algunhas das cadeas de distribución que operan en Galicia están a situar a carne nos liñais de venda a prezos de derribo”, denunciou.
“Neste momento os becerros de Suprema tiñan que valer a 6€ o quilo porque non os hai”
Unións Agrarias demanda medidas por parte da Xunta de Galicia para compensar as perdas que están a sufrir as explotacións de vacún de carne. “Necesitamos a posta en marcha, igual que o ano pasado, das axudas covid, porque foron un flotador que paliaron en parte as perdas das ganderías e este ano a situación económica das explotacións é aínda peor ca do ano pasado”, asegura José Ramón González.
O responsable de vacún de carne de UUAA denunciou disfuncións no funcionamento do mercado que impiden unha revalorización dos becerros. “Estamos nunha situación ridícula por dúas cousas. O sector do vacún de carne en Galicia xira arredor de Ternera Gallega e a IXP vendeu máis carne na pandemia pero sen embargo os prezos baixaron, igual que agora hai unha falta de becerros marcados de Suprema pero o prezo non sobe”, indicou.
Están adiantando os sacrificios de 10 meses a 9 meses e incluso máis porque non hai becerros de Suprema pero os prezos non soben
“Neste momento, se tes un becerro de Suprema para sacrificar vancho buscar aínda que haxa 300 km pero non cho pagan máis. Están adiantando os sacrificios de 10 meses a 9 meses e incluso máis porque non hai becerros de Suprema pero os prezos non soben. Iso non é de recibo”, engadiu.
Sistema “case medieval”
“O mercado da carne funciona cun sistema case medieval. Até fai nada estabamos cunha serie de intermediarios que sacaban a eficiencia á cadea de valor e seguimos máis ou menos igual. Hoxe se a lei da oferta e a demanda funcionara, un becerro de Suprema tiña que estar por enriba dos 6€ kg/canal, porque non os hai. Pero hai bloqueos que deben ser eliminados”, insistíu.
Estase a incumprir a lexislación vixente, porque case non existen contratos na entrega dos animais aos matadoiros e os poucos que se establecen fanse sen fixar o prezo
“Estase a incumprir a lexislación vixente, porque non se cumpre a Lei da Cadea Alimentaria. Case non existen contratos na entrega dos animais aos matadoiros, que é o aspecto máis básico que fixa a lei, e os poucos contratos que se establecen fanse sen fixar o prezo”, asegurou.
Posta en marcha dun Observatorio de Prezos
“Necesitamos que se poña en marcha de xeito urxente un Observatorio de Prezos que calcule a media dos custos de produción para este tipo de explotacións e que se poñan en marcha os contratos homologados para garantir que todos os animais que se venden van, como di a lei, cun contrato co prezo estipulado por enriba dos custos de produción”, reclama Unións Agrarias.
É imprescindible que a Consellería do Medio Rural se poña a traballar de xeito inmediato e calcule a media dos custos de produción para este tipo de explotacións
Para iso, din, é imprescindible “que a Consellería do Medio Rural se poña a traballar”. “Agora mesmo non se pode cumprir a Lei da Cadea no relativo á prohibición de venda por debaixo dos custos de produción porque non hai ningún referente que nos diga cal é o custo medio de produción, pero con estudos fiables do sector, nós estimamos que o custo de produción deste tipo de explotacións está entre 5,25 e 5,5€/kg canal, mentres que as liquidacións medias están arredor de 4,80€/kg canal, polo tanto estamos claramente por debaixo dos custos de produción”, aseguran.