Unións critica que a Xunta traslade aos gandeiros a responsabilidade de controlar a rata-toupa

O sindicato lamenta que non se teña habilitado unha liña de axudas para paliar os danos nas pradeiras, como fixo Asturias, con contías entre os 380 e os 700 euros por hectárea afectada

Destrozos provocados pola rata-toupa nas pradeiras de Ganadería Gayo

Destrozos provocados pola rata-toupa

O sindicato Unións Agrarias critica o que considera “inacción” por parte da Consellería de Medio Rural para frear a praga de ratas toupa nos concellos da montaña de Lugo. A organización agraria lamenta o desleixo da administración autonómica, “que ten deixado pasar case dous anos ata a posta en marcha da primeira actuación ao respecto: un plan piloto que non é máis ca un ensaio e que, de dar resultados, deberá ser asumido polos propios agricultores e gandeiros”, lamenta UUAA.

O sindicato considera “inaceptable” que en todo este tempo a Xunta de Galicia teña feito “ouvidos xordos” ás peticións de axuda dos afectados e que non se teña habilitado ningunha liña de axudas para paliar os cuantiosos danos” ocasionados pola praga. 

“A posta en marcha de ensaios para probar distintos métodos para o control da praga que nos últimos días están a ser realizados por persoal de TRAGSA en distintas fincas da zona chega moi tarde e dá boa mostra do escaso compromiso da administración cara aos problemas que afectan ao noso medio rural”, afirma Unións Agrarias, que non entende que, a pesar das reiteradas peticións de axuda lanzadas pola organización, a Xunta de Galicia “teña adiado calquera medida ao respecto”. 

A Consellería pensa deixar en mans dos afectados a instalación dos trampeos, unha actuación que tería un custo económico engadido ao dos cuantiosos danos que estes animais levan meses provocando ante a pasividade do goberno galego

“Lamentamos que máis aló destes trampeos experimentais, o goberno galego non conte cun plan de acción integral nin orzamento destinado á erradicación desta praga de roedores na totalidade da superficie afectada. Pola contra, as informacións dispoñibles apuntan que a Consellería pensa deixar en mans dos afectados a instalación dos trampeos. Actuación que tería un custo económico engadido aos cuantiosos danos que estes animais levan meses provocando, ante a pasividade do goberno galego”, engade.

O exemplo de Asturias

Neste sentido, UUAA lamenta que a Xunta de Galicia non teña tomado exemplo doutras comunidades autónomas da cornixa cantábrica como o Principado de Asturias; que no 2017 habilitou axudas de 700 euros por hectárea nas pradeiras de sega e 380 euros nas de pastoreo para os gandeiros afectados por un andazo similar ao que padece a montaña lucense.

En marzo de 2019 agricultores e gandeiros da contorna de Becerreá e Triacastela daban a voz de alarma ante os destrozos que uns pequenos roedores estaban a causar nos prados da zona. Un problema que non deixou de medrar, e que se ten extendido aos municipios das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Samos. Máis de 1.600 hectáreas e 3.000 parcelas están afectadas, segundo os cálculos da propia Consellería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información