Comeza un trampeo piloto contra a rata-toupa en pradeiras da montaña de Lugo

Un equipo formado por dous técnicos de Tragsa e un biólogo especialista en pequenos roedores está a ensaiar en fincas distintos métodos para o control da praga. Hai unhas 2.000 hectáreas afectadas

Comeza un trampeo piloto contra a rata-toupa en pradeiras da montaña de Lugo

Danos nunha pradeira de Triacastela pola rata toupa. / Arquivo.

Semella que a Xunta se decidiu a actuar contra a praga da rata-toupa, que desde fai máis dun ano ten afectadas unhas 2.000 hectáreas de pradeiras de distintos concellos da montaña de Lugo. Nos últimos días, técnicos e persoal contratado pola Consellería do Medio Rural están a realizar probas con distintos métodos de control da poboación de roedores en parcelas concretas para avaliar os seus resultados.

Segundo constatan os gandeiros das zonas onde se están a facer estes ensaios piloto, a efectividade do método empregado mediante a colocacion de trampas para a captura e eliminación das ratas nas súas propias galerías é alta, pero a dificultade para acabar coa invasión de individuos da especie Arvícola terrestris con este sistema radicaría na enorme extensión a tratar, dado que segundo os cálculos efectuados no mes de xaneiro pola propia Consellería a rata-toupa tería colonizadas máis de 1.600 hectáreas de terreo en case 3.000 parcelas pertencentes aos concellos de As Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

Estase a ensaiar cun sistema de control mediante a colocación de trampas nas galerías, pero a enorme extensión a tratar fai que a erradicación da praga mediante este método leve moito tempo

Outro dos problemas deste método estaría no seu custo. Cada trampa custa uns 12 euros e o número idóneo a colocar por hectárea estaría entre 20 e 30 trampas, o que supón uns 300€ por hectárea, aínda que as trampas poden ser reutilizadas, cambiándose de finca a medida que se van trampeando as distintas parcelas afectadas.

Sen axudas previstas

Ao contrario do que acontece noutras comunidades da cornixa cantábrica onde tamén hai presenza de rata-toupa, en Galicia non hai aprobadas polo de agora axudas nin para paliar os danos ocasionados nas pradeiras e cultivos nin para subvencionar a adquisición dos equipos de trampeo por parte dos gandeiros afectados.

Ao contrario do que acontece noutras comunidades onde tamén hai presenza de rata-toupa, en Galicia non hai aprobadas axudas nin para paliar os danos ocasionados nin para subvencionar a adquisición dos equipos de trampeo

Até o de agora os técnicos desprazados pola Consellería están seleccionando fincas piloto onde se están realizando os trampeos experimentais, pero non está previsto que sexa a Administración a que se encargue de aplicar este método de control na totalidade da superficie afectada, senón que cada gandeiro tería que encargarse de trampear, pola súa conta, as súas pradeiras, o que requeriría tamén, ademais do mencionado custo económico, de traballo conxunto e concienciación por parte da totalidade dos gandeiros, xa que se uns trampean e outros non produciríase reinfectación dunhas parcelas a outras e non se resolvería o problema.

A Consellería non ten previsto tratar a totalidade da superficie afectada, senón que cada gandeiro tería que encargarse de trampear as súas propias fincas

A maiores do trampeo nas galerías, a Xunta ten previsto probar sobre o terreo outros métodos de control, como é o caso dun rulo especial, de orixe francés, dotado de púas e que se pasaría pola superficie das pradeiras infestadas perforando o terreo onde se aloxan e crían as ratas.

O veleno non está permitido

Exemplares de rata-toupa

Exemplares de rata-toupa capturados

O que está descartado por completo é a colocación de veleno, que non está permitido empregar polos riscos sobre o medio ambiente e sobre outras especies animais. “A Consellería do Medio Rural está avaliando as posibles medidas a adoptar para facer fronte aos danos causados pola rata-toupa, sempre de acordo coa normativa vixente. É preciso actuar coa máxima prudencia e cautela á hora de tomar as decisións oportunas, co fin de non danar a flora e a fauna nos concellos afectados da provincia de Lugo. Nesta liña, coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estanse a analizar os diferentes métodos de control da poboación deste animal permitidos pola lexislación e compatibles coa actividade gandeira e co medio natural. O obxectivo é escoller a opción máis axeitada e efectiva, así como a menos invasiva co territorio, o ambiente e a fauna”, detallan desde a Xunta, sen aclarar cal será a opción finalmente escollida.

Á fronte destes ensaios piloto atópase un biólogo asturiano especialista en pequenos roedores, que foi contratado polo departamento que dirixe o conselleiro José González xunto a dous técnicos máis da empresa pública Tragsa que tamén están a traballar xa sobre o terreo.

Promesas paralizadas polas eleccións

Os problemas que ocasiona a presenza de Arvicola terrestris nas pradeiras foron comunicados á Xunta de Galicia fai máis dun ano polos gandeiros afectados, que sofren perda de produtividade nas súas pradeiras, contaminación do pasto, dificultades para a recollida e conservación da forraxe, danos na maquinaria e mesmo risco de que o gando contraia algunha enfermidade contaxiosa procedente dos roedores.

Tralas denuncias públicas dos gandeiros, a Consellería avaliou a dimensión real do problema e mantivo xuntanzas in situ cos afectados nas que comprometeu un plan de actuación, mais as promesas caeron no esquecemento tralas eleccións do pasado mes de xullo.

A ‘Arvicola terrestris’ destaca pola súa grande capacidade reprodutiva e estase demostrando que salvo en lugares de alta montaña como os Pirineos, onde as nevaradas duran varios meses, non hai parada invernal

Agora retómanse os traballos para tratar de controlar e reducir unha praga que destaca pola súa grande capacidade reprodutiva. Cada parella de ratas desta especie é capaz de producir nun ano uns 170 novos individuos xuvenís, o que equivale a un crecemento exponencial da praga, se ben nos últimos meses non semella ter ido a máis, segundo os testemuños dos propios gandeiros.

Gandeiros afectados tamén polo incremento de ataques do lobo

Unha vaca xunto á cabeza dun becerro devorado polo lobo

Unha vaca xunto á cabeza dun becerro devorado polo lobo

Non está a ser un bo ano para os gandeiros de vacún de carne dos concellos da montaña de Lugo. Á importante caída de prezos dos becerros que crían como consecuencia do peche da hostalaría a causa do coronavirus, un mal que sofren desde fai meses o conxunto dos produtores en Galicia, engádese a maiores nesta zona a perda de produtividade das pradeiras por mor da rata-toupa, o que encarece os custos de produción nun sistema de cría en extensivo que se basea no aproveitamento do pasto e na recollida de forraxe para o inverno.

Malia a demora da Administración galega á hora de actuar e tomar decisións, semella que a praga non foi a máis e mantense estabilizada dentro da área xeográfica que comprenden os concellos de As Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. 

Pola contra, os gandeiros desta zona da montaña lucense o que notaron nos últimos meses foi un incremento dos ataques do lobo ao seu gando. “Desde hai medio ano está a haber moita incidencia, é impresionante, sentímolos incluso polo día. Nunha das mandas debe haber máis de 10 lobos”, asegura un dos produtores de carne da zona de Triacastela.

Para completar a ecuación, o xabarín, un mal endémico en toda Galicia que semella ademais que ten predilección polas parcelas onde hai presenza de Arvicola terrestris. “O porco bravo abre as galerías da rata-toupa, o que incrementa os danos nas pradeiras e dificulta a súa recuperación”, explican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información