As posibilidades da loita biolóxica contra a praga da rata toupa

Un estudo anatómico sobre o órgano vomeronasal deste roedor herbívoro, que nos últimos anos está a colonizar as pradeiras da montaña luguesa, avala o uso de cairomonas de depredadores para “provocar estrés e alterar os ciclos reprodutivos da rata toupa a fin de diminuír a súa poboación”

A investigadora Sara Ruiz Rubio e o profesor Pablo Sánchez Quinteiro, coordinador do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC en Lugo

A investigadora Sara Ruiz Rubio xunto ao profesor Pablo Sánchez Quinteiro, coordinador do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC en Lugo

O órgano vomeronasal da rata toupa (Arvicola scherman) ben podería ser o talón de Aquiles desta praga de roedores herbívoros que desde hai anos está a colonizar as pradeiras dalgúns dos municipios da montaña luguesa, como Pedrafita ou Triacastela, nos que a súa presenza crecente provoca importantes perdas económicas aos agricultores e gandeiros.

O estudo anatómico e morfofuncional do órgano vomeronasal da rata toupa desenvolvido pola investigadora Sara Ruiz Rubio, un traballo no que tamén participaron outros integrantes do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC que coordina Pablo Sánchez Quinteiro, centra a temática dun artigo que acaba de saír publicado na revista americana The Anatomical Record, no que se constata a excepcional relevancia que ten este órgano sensorial para a rata toupa.

O órgano vomeronasal é un dos principais referentes sensoriais da rata toupa xunto co seu olfacto

O órgano vomeronasal é o que permite captar e interpretar sinais de comunicación química emitidas por feromonas ou cairomonas, explican estes investigadores da USC, ao tempo que salientan o gran tamaño e tamén o avanzado grao de desenvolvemento que presenta este órgano no caso da rata toupa, un mamífero subterráneo no que actúa como un dos seus principais referentes sensoriais xunto co olfacto, dado que a vista e o oído son sistemas moi atrofiados, cando non inexistentes, nesta especie de roedores.

rata toupa ensaio USC loita bioloxicaA caracterización anatómica, morfolóxica e funcional do órgano vomeronasal da rata toupa feita pola veterinaria Ruiz Rubio, reforza se cabe a pertinencia da loita química como a alternativa máis viable e sustentable para controlar e erradicar unha praga “cuxo número de individuos segue a multiplicarse en moi diversas localizacións a nivel europeo a pesar da posta en marcha doutras estratexias que resultaron ser insuficientes ou pouco eficaces, tal e como pode ser o caso da distribución de dispositivos de trampeo nas áreas afectadas ou o incremento nestas mesmas localizacións de depredadores (raposo, lobo, aves rapaces, felinos, etc), salientan os autores do estudo.

O número de exemplares deste mamífero subterráneo segue a incrementarse en diversas zonas de Europa sen que as medidas de contención aplicadas até o de agora tivesen éxito

A información achegada pola veterinaria Sara Ruiz Rubio no artigo publicado en The Anatomical Record, un traballo que forma parte da súa tese de doutoramento, revela aspectos ata agora descoñecidos do sistema vomeronasal da rata toupa, ao tempo que apunta o emprego de cairomonas de depredadores que provoquen estrés neste tipo de roedores e alteren os seus ciclos reprodutivos, como posible estratexia apropiada para avanzar no seu control, na progresiva diminución de individuos e a posterior eliminación.

Ensaios en parcelas do concello de Triacastela

Parcelas de ensaio levadas a cabo en pradeiras afectadas por rata toupa no concello de Triacastela

Parcelas de ensaio levados a cabo en pradeiras afectadas por rata toupa no concello de Triacastela

O profesor Sánchez Quinteiro explica que as pescudas realizadas por Sara Ruiz Rubio desenvolvéronse ao mesmo tempo que outros traballos de campo en diversas parcelas de control localizadas no concello de Triacastela, espazos nos que se testaron con diverso nivel de éxito estratexias de loita contra unha praga de roedores que, a través de galerías subterráneas, come desde a raíz as plantas herbáceas que brotan da superficie.

“Os danos son cuantiosos, pois estamos a falar dun roedor cun tamaño lixeiramente superior ao dunha toupa común e que se reproduce durante todo o ano”, salienta Sánchez Quinteiro.

A Consellería do Medio Rural financiou os traballos de campo e de laboratorio, nos que tamén participou o Serida asturiano

A información achegada por esta investigación constitúe un novo argumento científico que avala a estratexia de loita biolóxica proposta polo profesor Sánchez Quinteiro para combater as pragas de rata toupa.

Este traballo do Campus Terra desenvolveuse á par que outros estudos promovidos en Francia sobre a utilidade da comunicación química para combater este tipo pragas de roedores. “Os dous estudos perseguen o mesmo obxectivo”, precisa Sánchez Quinteiro, pero teñen enfoques diferentes, engadiu, pois “mentres os colegas franceses profundan sobre o uso de feronomas que poderían actuar como atracción cara a dispositivos de trampeo, a investigación do grupo de Morfoloxía Animal do Campus Terra da USC céntrase no efecto desestabilizador e no estrés que produce na rata toupa a percepción destas cairomonas, en canto que advirten da presenza de depredadores”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información