Un ano de Covid no sector lácteo: repunta o consumo de leite líquido e soben as exportacións

Un ano de Covid no sector lácteo: repunta o consumo de leite líquido e soben as exportacións

Se hai sectores como a gandería de carne ou o vitivinícola que se viron seriamente afectados pola pandemia e os peches da hostelería, o impacto no sector lácteo foi menor, pois aumentou dun xeito significativo o consumo de lácteos nos fogares, o que paliou as menores vendas na restauración. De xeito paralelo, no 2020 continuou en España a mellora da balanza de comercio exterior de lácteos.

Os datos de consumo no fogar son especialmente significativos. O leite líquido, que arrastraba un progresivo descenso de consumo nos fogares nas últimas décadas, disparou as súas vendas domésticas un 7,2% no periodo xaneiro – outubro do 2020, en comparación co mesmo periodo do ano anterior.

Se se ten en conta que no 2019 as vendas de leite líquido estiveran estancadas (-0,1% en comparación ó 2018), o dato cobra maior relevancia. Outra gama que mantiña unha liña de vendas estable para o fogar, a de iogures, tamén medrou un 4,7% nos primeiros 10 meses do 2020; en tanto que os queixos, que viñan sendo a gama de lácteos con maiores aumentos de consumo no fogar nos últimos anos en España, medraron un 14,5% no periodo xaneiro – outubro do 2020, fronte a unha suba no ano anterior dun 1,6% no total do ano.

Producións industriais
Con todo, as menores vendas na restauración deixáronse notar principalmente na gama de queixos e na de iogures, que reduciron as súas producións en relación a anos precedentes. Se se analiza o destino do leite en España, vese que no último ano a cota do leite líquido pasou do 40 ó 43%, en tanto que a de queixo de vaca baixou do 19 ó 17% e a de iogures do 15 ó 13%.

Outros cambios menores, foron un maior destino de leite para nata de consumo directo, que pasou do 11 ó 13%, unha baixada da manteiga, que pasou do 10 ó 9% e unha suba do leite en po e do concentrado, que non obstante continúan representando producións residuais en España (4% en conxunto).

Destinos do leite en España e en Europa.

Destinos do leite en España e en Europa.

Comercio exterior
A mellora dos datos de consumo de leite líquido acompañáronse dun aumento das vendas de lácteos ó exterior, que medraron un 3,3% en volume de leite equivalente, segundo os datos do Goberno. De xeito paralelo, as importacións baixaron un 3,6%, polo que se mantén a tendencia a reducir lixeiramente a balanza comercial negativa que presenta España no comercio de lácteos.

En leite equivalente, España importa cada ano arredor de 3 millóns de toneladas de lácteos e exporta 1,5 millóns de toneladas, co que ten un déficit que ronda 1,5 millóns de toneladas.

A principal importación de lácteos a España é de queixo, que se situou no último ano en 304.000 toneladas de queixos (- 5.000 toneladas, en comparación con 2019), a maioría procedentes doutros países da UE, como Alemania, Francia ou Holanda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información