Propostas para reactivar a produción e o consumo de carne

A Xunta avanza na estratexia para o sector cárnico coa participación dos distintos axentes da cadea nas mesas de traballo que analizan a situación actual de cara a redactar medidas concretas a aplicar 

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos,participou no encontro celebrado hoxe no Pazo de Quián, con arredor de medio cento de axentes

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou no encontro celebrado este xoves no Pazo de Quián, con arredor de medio cento de axentes de toda a cadea

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou este xoves na primeira mesa de propostas que se celebra no marco do proceso participativo de elaboración da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia, que virá perfilar os eixes estratéxicos e accións que deben implementarse neste eido até o ano 2030.

Un proceso no que se están a implicar todos os axentes involucrados (gandeiros, industrias, cadeas de distribución ou asociacións e organizacións profesionais agrarias) e que se está a levar a cabo da man da Fundación Juana de Vega, como aconteceu coas Estratexias do sector lácteo e do viño, xa en marcha.

A Estratexia da carne está a ser deseñada pola Fundación Juana de Vega, como aconteceu coas xa implementadas para o sector lácteo e o viño

Dende que en setembro de 2021 tivese lugar o primeiro encontro con todas as partes, leváronse a cabo varias reunións de traballo e mesmo unha xornada participativa para a elaboración de distintos documentos nos que se establezan as fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas relativas á produción, á industria e á comercialización e os mercados do sector cárnico galego. Tamén se están a realizar entrevistas individuais cos principais actores das diferentes cadeas de valor do sector, para complementar a análise co obxectivo de acabar de perfilar o documento definitivo que deberá rexer o futuro do sector.

Propostas

Mentres, este xoves deron comezo no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), as mesas de propostas, concibidas para recoller suxestións dos distintos axentes de cara á redacción de medidas e accións concretas. Así, arredor de medio cento de representantes trataron o relevo xeracional no eido da produción; a interlocución entre gandeiros, industria e distribución no que respecta á cadea de valor; e a promoción de produtos cárnicos xunto coa sensibilización da sociedade sobre a importancia deste sector como xestor do territorio en relación aos mercados e ao consumo.

A Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia busca promover unha produción sustentable con rendibilidade nas explotacións, fomentar o consumo dos distintos tipos de carne e incentivar a formación e a investigación neste eido

Nas vindeiras semanas abordaranse outras cuestións como os aspectos medioambientais, a sustentabilidade das producións e o benestar animal; a posibilidade de novos produtos para a xeración de valor na cadea; e o acceso a mercados exteriores e novos nichos de mercado.

Tamén a reorientación produtiva e o aumento da base territorial das granxas; as necesidades de I+D+i, formación, asesoramento para a industria e a produción; e o estado actual das marcas de garantía e das indicacións xeográficas protexidas como elementos de diferenciación e acceso aos mercados.

Sector estratéxico con potencial de crecemento

A produción cárnica constitúe un eido estratéxico do rural galego. Destacan cifras como as do vacún de carne, que sitúan a nosa comunidade como a terceira rexión produtora do Estado, con máis dun 14% da produción total nacional.

Canto á comercialización, a IXP Ternera Galega posúe unha cota do 55% dentro das indicacións xeográficas protexidas de carne a nivel estatal. Os sectores avícola e cunícola galegos tamén se sitúan entre os principais produtores de España, mentres o resto de orientacións cárnicas ofrecen aínda potencial de crecemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información