Tania Pérez Pértega, unha moza gandeira “apagalumes” os 365 días do ano

Con só 25 anos Tania é titular dunha explotación de 70 vacas de carne e un cento de cabalos que pacen en liberdade nos montes de Campo do Oso e Carracedo. Hoxe guiará aos seus poldros cara Mondoñedo para participar na feira das San Lucas que se celebra este mércores

Tania Pérez Pértega, unha moza gandeira “apagalumes” os 365 días do ano

De dereita a esquerda, Tania montando a Chupa Chups, Alba a Chispo, Juan a Nei, Miguel a Madriña, Daniel a Tordo, José Manuel a Jeque e Alejandro a Bucéfalo. 

De pequena, mentres o resto de nenas da Braña, na parroquia mindoniense de Santa María a Maior, quedaban na casa xogando na cociña ou con bonecas, Tania, que é filla única, saía co seu pai ao monte a ver os cabalos e as vacas que a familia ten desde sempre no monte comunal desta parroquia lindeira con Bretoña.

Mamou o oficio de pequena, así que cando hai 8 anos, cando só tiña 17, o seu pai Sergio caeu do cabalo vindo cunhas vacas e quedou tetrapléxico, ela non o pensou e fíxose cargo da explotación.

Aos seus 25 anos Tania vive en exclusiva da gandería e é a única rapaza desta zona titular dunha explotación. En Casa de Seso, o seu fogar familiar, teñen hoxe 70 vacas e un cento de cabalos, que atenden ela e a súa nai, Lucía. É unha rareza nun mundo aínda de homes, pero Tania xa se fixo respectar no sector. “Ao principio viñan os tratantes e despois de que lles fora ensinar as vacas ou os cabalos para vender preguntábanme: ¿con quen teño que falar? O que che vende está aquí, respondíalles sempre eu. E quedaban todos sorprendidos, pero agora xa están afeitos”, conta.

 Ao principio os tratantes de gando preguntábanme “Con quen teño que falar?”, pero agora xa están afeitos

“Eu fago todo o que pode facer un home, atendo os partos, dou de comer aos animais, cambio o gando de sitio, controlo que non enfermen, non me mete medo nada”, afirma. De cativa xogou ao fútbol no equipo feminino de Cobas, en Viveiro, ten permiso de caza e o mesmo monta a cabalo que conduce o tractor, o todoterreno ou o camión dun veciño que emprega para o gando.

Foi a primeira gandeira en guiar a súa manda de cabalos desde o monte ata o centro de Mondoñedo

Tania non para de romper eses teitos de cristal que aínda existen para as mulleres en moitos ámbitos da sociedade e hai tres anos fixo historia ao ser a primeira gandeira en guiar a súa manda de cabalos desde o monte polo centro de Mondoñedo até o Campo dos Paxariños, onde cada 18 de outubro se celebra a Feira das San Lucas, a máis antiga de Galicia.

Recoñece que os tratos escasean e as vendas son poucas (o ano pasado só logrou vender unha besta e un poldro) pero para ela é un orgullo poder seguir facendo o mesmo que facía o seu pai cando era novo e manter deste xeito viva unha tradición de máis de oito séculos de antigüidade, aínda que hoxe perdese a finalidade comercial que historicamente tiña e sexa xa máis un espectáculo para turistas e curiosos.

As novas xeracións manteñen a tradición de xuntar os cabalos e conducilos cara Mondoñedo    

Tania segue marcando os seus animais coa marca que usaba seu pai, SP, na rapa que cada ano se fai no curro de Campo do Oso e séntese moi orgullosa de que o seu pai, que faleceu hai un ano, a vira baixar os cabalos como el facía antes. E ese mesmo entusiasmo trata de transmitirllo ela aos seus amigos, aos que lía cada ano para lle axudar a xuntar o gando e facer cos animais o percorrido de 23 quilómetros que hai até Mondoñedo.

O domingo pola mañá xuntáronse na Cruz da Cancela para reunir aos cabalos que pacen todo o ano ceibos polo monte. Eran 7 e durante todo o día xuntaron 60 bestas e poldros que irán á feira. Entre os axudantes de Tania atópase outra rapaza nova, Alba, que ten tamén xa o vicio dos cabalos no corpo. Pero “é distinto traballar catro días nas San Lucas e chegar co gando ás rúas de Mondoñedo que estar pendente dos animais todos os días do ano, neve ou faga sol”, di Tania. Ou mesmo que haxa néboa, algo moi habitual nesta zona e que fai pechar a metade dos días do ano a nova autovía A-8 no alto do Fiouco desde que foi inaugurada hai tres anos.

Pero este domingo fixo sol e bo tempo e Tania, Alba, Miguel, Alejandro, José Manuel, Daniel e Juan aproveitaron o día e puideron, montados nos seus cabalos, xuntar os animais e deixalos no curro á espera de baixalos hoxe pola mañá até Lindín e despois, xa pola tarde, até Mondoñedo. “Facemos o camiño
en dous tramos porque senón aos animais fáiselles moita tirada”, explica Tania.

Os cabalos e as vacas pacen e manteñen limpas 249 hectáreas de monte comunal

Os cabalos baixan ceibos, igual que viven todo o ano no monte, pacendo as 249 hectáreas de monte comunal nas que hai vacas e cabalos. Aínda que o monte pertence a 80 casas, só tres ou catro veciños teñen animais nel.

Ademais de Tania tamén teñen gando Francisco ou Moisés, de Curros, o fillo de Luciano, que tamén baixa cabalos á feira, igual que Amancio, das Sasdónigas. Xunto con Tania, son os únicos gandeiros dos arredores de Mondoñedo que conservan esta tradición secular que cada ano se renova cando a media tarde soa o estrondo do petar dos cascos dos cabalos polas rúas empedradas do centro da vila que outrora foi capital dunha da sete provincias do Reino de Galicia.

“A rendibilidade é pouca, pero non tes horario nin xefe”

Tania segue loitando no rural pero recoñece que “é moi difícil e máis sendo muller”. “É duro e moi escravo e máis se non naces no medio disto”, afirma, pero despois de 8 anos como titular da súa explotación di que “a rendibilidade é pouca pero se che gusta merece a pena, porque non tes horario nin xefe”.

A liberdade que Tania valora é a mesma que teñen os seus cabalos, que pacen todo o ano no monte. A eles non lles suplementa a alimentación pero ás vacas si, con silo e herba seca no inverno. Para os cabalos antes había saída para eles coa venda a particulares para traballar ou para pacer prados e fincas pero hoxe só se venden para carne, explica.

Ela manda os poldros a varios matadoiros de Asturias, que os usan para facer cecina ou para mesturar con carne de porco noutros embutidos. Véndeos directamente ao matadoiro porque “senón a ganancia vai toda para o tratante”, di. E os prezos non están para iso. Por exemplo, un lote dunha besta máis o seu poldro anda polos 250 euros.

O que Tania leva “moi mal” é poder compatibilizar a súa profesión de gandeira coas afeccións propias dunha rapaza da súa idade. O sábado a súa amiga Alba foi ver o Combo Dominicano a Abadín e volveu ás seis da mañá pero Tania tiña que preparar todo para o día seguinte. “Eu teño que volver antes para a casa, así que ás veces quedo vendo o Luar e xa nin saio”, admite.

E outras veces xa aproveita a viaxe: “De volta para a casa cando saio de marcha a Muimenta, como me cadra xa de camiño, moitas veces paro, cambio os tacóns polas botas e vou ver se hai algún animal de parto ou se escapou algún pola estrada, porque non temos peche de deslinde no monte comunal e escapan”, explica.

Coa xuventude e a frescura dos seus 25 anos, Tania é moito máis madura que moitos rapaces e rapazas do seu tempo. “O meu coche parece o dun vello de 60 anos, hai de todo, botas, varas, lanternas, martelo, tenazas, xabrón por se teño que atender un parto”, admite sen avergoñarse.

Gando cabalar no monte

O gando no monte, “unha barreira contra o lume”

Tania, igual que os que lle viñeron a axudar a xuntar o gando, coma Daniel, que ten unha explotación de cabalos e vacas en Sabucedo, ou Alejandro, que cría gando no monte en Neipín, afirma que “o gando no monte é unha barreira contra o lume polo control da maleza que fai”. “Onte mesmo ás tres da mañá, a sete quilómetros de aquí, no cruce de Lagoa comezou a arder o monte, pero cando prende non logra avanzar porque os animais manteñen a raia o toxo”, explica.

“A obriga de colocar microchip aos cabalos fixo que moita xente deixara de telos no monte”

E laméntanse que as trabas que en moitos casos pon a Administración poidan acabar co gando no monte. “Desde que nos obrigaron a colocar microchips, cada besta que tés no monte compútache para a superficie da PAC, e moita xente xa deixou de ter cabalos porque se ten cabalos non podes ter vacas porque non ten superficie para os dous”, conta.

Eucaliptos, lobo e voitres son problemáticos para ter gando no monte

Nesta zona a cabalo entre a Terra Cha e a Mariña os lumes non son un gran problema, pero si o avance do eucalipto. “Hai moita presión do eucalipto, desde uns anos para aquí son unha praga”, di Tania, que reclama da Xunta que controle “de oficio” o cumprimento da Lei de Montes e non obrigue aos cidadáns a denunciar aos veciños que plantan esta especie nas súas fincas.

Tamén o lobo e os voitres causan estragos. O lobo matoulle o ano pasado a Tania 8 becerros, “que a unha media de 400 euros cada un mira ti que ano”, lamenta. Tamén fan moito mal os voitres que inicialmente eran carroñeiros, pero “desde que non poden quedar animais mortos no monte atacan a animais vivos, coma os xatos pequenos, aos que lles quitan os ollos, a lingua ou a tripa ou os pican polo lombo”, explica.

Una idea sobre “Tania Pérez Pértega, unha moza gandeira “apagalumes” os 365 días do ano

  1. Ofelia Fernández Fernández

    Admírote Tania por tomar as rendas tan xoven, mentras a maioría andan buscando traballo. Creo que coñezo a túa amiga. Traballa nun establecemento enfrente a miña casa.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información