Tameiga, o primeiro monte veciñal en crear unha comunidade enerxética

Os comuneiros montaron paneis fotovoltaicos para autoconsumo no seu centro sociocultural e en dúas naves do polígono industrial que xestionan. Na actualidade teñen instalada unha potencia de 225 kilowatios, pero proxectan aumentala de xeito progresivo

Tameiga, o primeiro monte veciñal en crear unha comunidade enerxética

Placas fotovoltaicas instaladas nos teitos de naves do polígono que xestiona a comunidade de montes.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga, situada na parroquia de Tameiga (Mos, Pontevedra), integra diversas liñas de traballo, a maiores da xestión do seu espazo forestal. A comunidade administra parte do polígono industrial de Monte Faquiña, ubicado nos seus terreos, e xestiona o seu propio centro sociocultural. Un dos últimos pasos do monte veciñal foi a creación dunha das primeiras comunidades enerxéticas de Galicia, iniciada con paneis solares ubicados no centro social e nos teitos de naves do polígono.

A comunidade enerxética é unha nova figura que se abriu nos últimos meses para posibilitar que agrupacións de persoas ou entidades produzan, consuman, compartan ou vendan a súa propia enerxía.

Na idea inicial dos comuneiros de Tameiga non estaba a creación dunha comunidade enerxética. Antes da irrupción da pandemia, nos anos 2018-19, “estabamos implementando programas de xestión e control de custos e observamos como cada ano había un incremento de consumo eléctrico, polo que procuramos reducir o gasto cambiando iluminación, instalando bombas máis eficientes, etc., ata que chegamos a un punto que non conseguimos baixar máis o consumo”, explica Gonzalo Pérez, comuneiro e coordinador da comunidade.

Visto que a actividade da comunidade estaba aumentando e que, a medida que se ampliaban as infraestruturas, medraba cada vez máis o consumo de enerxía, “plantexamos como se podía reducir o gasto e estudamos a opción dunha instalación de enerxías renovables para autoconsumo na parte da nave forestal que temos no polígono”, detalla o coordinador.

“Pensamos no autoconsumo, a través de paneis fotovoltaicos, para reducir un consumo que era cada vez maior” (Gonzalo Pérez)

En paralelo á valoración da iniciativa de autoconsumo por parte da comunidade, no 2021 o Goberno decidiu impulsar as comunidades enerxéticas no marco do ‘Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia’. Este foi o momento no que a xerencia de Tameiga, coa asesoría da cooperativa Nosa Enerxía, decidiu crear unha comunidade enerxética e “apostar pola instalación de paneis fotovoltaicos en tres tellados, tanto no centro sociocultural de As Pedriñas coma en dous tellados máis das naves do polígono”, amplía Gonzalo Pérez.

En total, a comunidade de Tameiga instalou paneis cunha potencia total de xeración de 225 kilowatios, que poden chegar a producir 300 megawatios hora ó ano, unha electricidade que se destina “principalmente á enerxía necesaria nas naves e no centro”, explica Pérez, á vez que engade que “está sendo un modelo que xera interese entre os propios comuneiros, e mesmo xa hai veciños que están vendo a posibilidade de poñelo en marcha nos seus fogares. Neste sentido, nós fomos, en certo modo, un banco de probas”, comenta o coordinador de Tameiga.

A idea da comunidade enerxética de Tameiga é medrar de xeito progresivo, tanto con novos paneis nas naves dos polígonos como con paneis que poidan instalar os propios veciños. “O obxectivo é que a comunidade enerxética sirva para producir e intercambiar a enerxía” -explican-. “Nun futuro, no caso de veciños que non teñan paneis instalados, se houbese dispoñibilidade de enerxía tamén se lles podería vender a baixo custo”, valoran.

Fonte: Comunidade de Tameiga

Sinalización dun roteiro trazado por unha parte do monte veciñal de Tameiga

Desafíos e perspectiva de futuro

Polo momento, este tipo de intercambio ou venda de enerxía non é posible en Tameiga, pois “a posta en marcha de puntos de envorcado á rede aínda non se materializou, a pesar das diversas peticións que se realizaron; polo que estamos pendentes das autorizacións pertinentes para ter os puntos de conexión á rede eléctrica”, sinala Gonzalo Pérez. A adquisición deste enlace permitiríalle á comunidade de Tameiga levar a enerxía excedente do autoconsumo ás casas dos comuneiros.

Outra das trabas que expón o coordinador é “que as comunidades de montes non teñen personalidade xurídica pero si capacidade xurídica plena, é dicir, poderíamos vender enerxía sobrante ou facer negocio con ela, por exemplo, pero non podemos acceder a determinadas axudas, como algunhas do Idae ás que non puidemos optar por esta cuestión”, cuestiona Gonzalo Pérez.

A pesar das trabas, a comunidade continúa avanzando coa pretensión de seguir aumentando a capacidade enerxética, e planificando novos horizontes. “Nun inicio, unha das ideas que tiñamos era a de incluír un coche eléctrico, cun punto de carga, para uso e desfrute de todas as persoas comuneiras, na busca dunha mobilidade sostible; pero por mor da pandemia e as limitacións que implica, deixamos a iniciativa en pausa”, especifica Gonzalo Pérez.

“Agora que conseguimos acceder á enerxía van xurdindo cuestións accesorias á comunidade enerxética co obxectivo de optimizar os recursos e reducir o gasto, e así, ser cada vez máis eficientes”, adianta Pérez. Unha das propostas actuais é a posta en marcha “dun sistema de bombeo que leve o 3% ou o 5% de auga da piscina que, por normativa sanitaria temos que renovar a cada día de uso, cara as balsas antilumes dos montes”, exemplifica o coordinador.

Plan de ordenación
En canto ao futuro que contemplan para o seu monte, de 88 hectáreas de superficie,un primeiro paso radica en “establecer un novo plan de ordenación forestal, co apoio da Xunta, co que se pretende xerar un espazo multifuncional de aproveitamentos e no que se conserven os recursos acuíferos que alimentan as casas da parroquia, autoxestionados polos veciños a través de varias Comunidades de Augas Veciñais.

O monte de Tameiga está na actualidade ocupado de xeito maioritario por piñeiros, con rodais tamén de eucaliptos e, en menor medida, de frondosas. De cara ó futuro, a comunidade proxecta adicar máis espazo á produción de castaña e ós cogomelos. Tamén se manterá a actual extracción de leñas, procedentes de rareos e podas, que se suministran sen custo a tódalas casas comuneiras que a demandan.

A defensa do comunal: de recuperar terreos a un novo intento de expropiación

A comunidade de montes veciñais de Tameiga está conformada por unhas 300 familias; “en número de usuarios estará polos 900 ou 1000 comuneiros”, comenta Pérez. A superficie de monte que abarca correspóndese con dúas parcelas, “unha de 88 hectáreas, aproximadamente, e outra que ten a parte industrializada do polígono de Monte Faquiña, dunhas 40 hectáreas, da que conseguimos recentemente a titularidade, posto que inicialmente non se clasificaran eses terreos como comunais e estaban sendo xestionados polo Concello”, apunta o coordinador.

Tras esa recuperación de terreos, a comunidade atopouse hai uns anos “cun intento de expropiación por parte do Concello de Mos e da SAD Celta de Vigo dun terreo rústico de especial protección forestal para construír unha cidade deportiva e un megaproxecto comercial”, expón Pérez. Ata o momento, “a maxistrada do xulgado contencioso nº3 de Pontevedra revocou a licenza municipal concedida e declarou a cidade deportiva ilegal”, amplía o coordinador e comuneiro. O proxecto inicial afectaba a unha parte do monte da comunidade, de onde se extraen unha parte dos recursos acuíferos para as casas da veciñanza.

Así as cousas, Tameiga é hoxe en día unha comunidade de montes cunha estrutura cada vez máis profesionalizada. Conta cunhas 20 persoas contratadas, incluíndo unha cuadrilla de traballadores forestais e os apartados de xestión socio-cultural e deportiva do centro As Pedriñas, restauración e cafetería do centro, e a parte da administración que lle corresponde das naves do polígono, isto é, mantemento, xestión, arrendamentos, etc.

“Podemos afrontar novos retos, canalizar a axuda de comuneiros que aportan traballo voluntario e plantearlle iniciativas ós comuneiros. Temos unha xunta reitora proactiva”, conclúe Perez

Fonte: Comunidade de Tameiga

Imaxe dunha das concentracións dos comuneiros contra o macroproxecto do Celta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información