A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistra este martes subas no vacún maior e nalgunhas seccións da recría. Mentres, nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, con algunhas excepcións. As mesas de cotización do porcino acordaron subas nas distintas categorías do porco cebado e nos leitóns. O mercado do ovo continúa estable e cos prezos da semana pasada.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría de raza frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días; experimentaron unha suba de 6 euros e o prezo medio é agora de 93 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio incrementouse en 1 euro e sitúase nos 111 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha baixada de 37 euros e o prezo medio foi de 126 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia tamén foi á alza en boa parte das seccións. Os tenreiros máis novos, os de menos 20 días, tiveron un prezo medio de 277 euros, o que deixa unha suba de 56 euros. Os tenreiros de entre 20 a 50 días incrementaron o seu valor en 8 euros e o prezo medio acada os 287 euros. Nos animais de máis de 50 días houbo unha baixada de 59 euros con respecto da semana pasada e sitúanse nos 382 euros de media.
En canto ós prezos dos becerros carniceiros, a tendencia foi á baixa, aínda que con algunhas excepcións. Nos tenreiros frisóns, o valor medio marcouno o único exemplar vendido por 882 euros, fronte ós 683 euros que se pagaban á semana pasada. Os becerros de cruzamentos industriais cotizáronse de media a 987 euros, o que deixa unha suba de 36 euros. As femias descontaron 46 euros con respecto da feira anterior e o valor medio está nos 876 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 1.061 euros, o que supón unha baixada de 88 euros. Nas femias, o valor medio sitúase nos 1.029 euros, é dicir 15 euros menos que a semana anterior. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 1.003 euros, o que supón 67 euros menos que a media da última feira.
No vacún maior a tendencia foi á alza, con algunhas excepcións. As vacas da extra experimentaron unha suba de 19 euros e o valor medio foi de 1.962 euros. Os animais de primeira incrementaron o seu valor medio en 4 euros, de xeito que pasan a situarse nos 1.139 euros. As vacas de segunda tiveron unha suba de 18 euros e o prezo medio é de 775 euros. O único animal de desfeito que se vendeu fíxoo por 449 euros, o que supón 24 euros por debaixo da media que se fixou a semana pasada. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.468 euros, o que amosa unha redución de 209 euros con respecto da semana anterior.
Subas no porcino
Despois de varias semanas sen cambios no prezo dos leitóns, este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou subas en tódalas seccións. O porco selecto e o normal tiveron unha suba de 0,010 euros e o prezo por quilo é de 1,745 e 1,72 euros, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,234 euros, logo dunha suba de 0,013. Os animais de descarte experimentaron a suba máis destacada, cun incremento de 0,040 euros cotízanse agora entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.
Nos leitóns, a suba foi de 2 euros. Agora os exemplares chegados dunha única granxa están nos 57 euros (cun prezo de 2,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 52 euros e cun prezo por quilo de 2,6 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.