Subas nos prezos medios dos xatos cruzados de recría e baixada nos frisóns

A Central Agropecuaria de Galicia lembra que o martes 26 só haberá subasta de becerros cebados e vacas

Subas nos prezos medios dos xatos cruzados de recría e baixada nos frisóns

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou subidas de prezos en case todas as categorías do vacún maior, mentres que na recría e nos tenreiros carniceiros houbo oscilacións. A organización lembra que o martes 26 de marzo suspéndese a subasta de becerros de recría, como xa estaba anunciado; só haberá a de vacas e becerros cebados.

En canto á afluencia de gando, na xornada de hoxe pasaron polo recinto un total de 1.033 animais, dos cales foron adxudicados 985; son cifras máis baixas que a pasada semana, que se bateu marca na afluencia de recría.

Prezos do vacún
Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 116 euros, é dicir, 17 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 142 euros (-6 euros) e os machos de máis de 50 días obtiveron un prezo medio de 178 euros, cunha baixada de 4 euros.

Nos becerros de recría de cruces industriais a tendencia foi á alza. Os de 15 a 20 días cotizáronse a un valor medio de 368 euros (+53 euros); nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 421 euros, é dicir 26 euros máis. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 578 euros, o que supón un incremento de 28 euros.

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 987 euros, é dicir, 133 euros máis que a semana pasada; as femias incrementaron o seu prezo en 188 euros e quedaron nun prezo de 569 euros. Os de cruce industrial subiron 1 euro e chegaron aos 1.064 euros; as femias sumaron 29 euros e alcanzaron un prezo medio de 927 euros. Pola contra, os machos de Rubia Galega baixaron o seu valor 4 euros, ata os 1.069 euros. Mentres, as femias sumaron 26 euros no prezo de referencia con respecto do valor da semana pasada e quedan nos 934 euros.

Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema subiron 92 euros ata conseguir un prezo de referencia de 1.167 euros.

05_03_2024_page-0001

A tendencia foi tamén á alza no vacún maior, con excepción nunha categoría. Os animais da extra tiveron un valor medio de 2.133 euros (+59 euros). As vacas de primeira cotizáronse a 1.171 euros, o que mostra unha suba de 11 euros. As vacas de segunda baixaron o seu valor en 19 euros e quedan cun prezo de referencia de 743 euros. Nos animais de desfeito o valor medio foi de 530 euros, polo que sumaron 2 euros con respecto á última feira. Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia tamén viron incrementado o seu valor medio en 364 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.132 euros.

Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino tiveron un incremento esta semana. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,03, quedando en 1,785 e 1,76 euros, respectivamente. Os porcos de Canle II están a 2,286 euros (+0,039). Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo (+0,03).

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 104 euros (cun prezo de 5,2 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 99 euros e cun prezo por quilo de 4,95 euros. Ambos conseguiron un incremento de 2 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana con subas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,81 euros a ducia. Mentres, os da L tiveron unha suba de 0,02 euros e quedaron en 2,30 euros a ducia. Nos ovos da M e da S o incremento foi de 0,04 euros e páganse a 2,06 e 1,78 euros, respectivamente. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense igual e cotízanse entre os 0,26 e os 0,34 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,35 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).
05_03_2024_page-0002

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información