Caída de prezos do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria anuncia as cinco poxas que se suspenden íntegramente no ano por festividades, así como dúas cancelacións parciais só da poxa de becerros de recría, a primeira destas a próxima semana polo Entroido

Caída de prezos do vacún maior en Silleda

O vacún maior rompeu a tendencia da pasada semana e rexistra unha baixada dos prezos medios na Central Agropecuaria de Galicia, con descenso en tódalas categorías. Nos becerros de cebo a tendencia foi á baixa, mentres que na recría houbo subas.

En canto a próximas poxas, a Central Agropecuaria anuncia que a poxa de becerros de recría non se levará a cabo o vindeiro martes, 13 de febreiro, se ben si se celebrarán as de vacún maior e becerros carniceiros. Esta suspensión, consensuada entre a Central e os principais operadores do mercado, como os que trasladan animais a outras comunidades autónomas, estenderase a algunhas outras sesións ao longo do ano. Así, non se celebrará a poxa de becerros de recría tampouco o 30 de abril.

Ademais, debido ás xa referidas suspensións, que se farán na poxa de recría, e tamén á especial merma na concorrencia de animais por tratarse de festividades de gran relevancia, a Central decide suspender a totalidade de poxas (tamén vacún maior e becerros carniceiros) nas seguintes datas: 26 de marzo; 13 de agosto; 24 de decembro; e 31 de decembro.

Así mesmo, como xa era habitual todos os anos, suspenderanse a totalidade de poxas o 28 de maio, debido á celebración esa semana da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Por outra banda, indicar que estes operadores tamén chegaron a acordos similares con outros mercados, se ben as datas non teñen por que coincidir coas establecidas para a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.

Prezos do vacún deste martes
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, subiron 33 euros e quedaron nun valor medio de 119 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 141 euros (+ 8). Os becerros pintos de máis de 50 días acadaron unha suba de 37 euros, o que deixa un prezo de referencia de 176 euros.

06_02_2024_page-0001

Nos becerros de recría de cruces industriais, a tendencia xeral foi á baixa, agás nos machos de máis de 50 días. Así, nos machos de 15 a 20 días a baixada foi de 24 euros e cotízanse a 281 euros; nas femias foi de 37 euros e quedouse en 184 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 367 euros, logo dunha baixada de 30 euros con respecto da feira anterior. Nas femias desta categoría o descenso foi de 23 euros e quedan cun valor de referencia de 252 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos rexistraron unha suba de 41 euros e pasan a cotizarse de media a 573 euros, mentres que as femias tiveron un descenso de 7 euros e sitúanse nun valor medio de 373 euros.

No caso dos becerros de cebo houbo unha oscilación nos prezos. Nos machos de cruces industriais rexistrouse unha suba de 42 euros con respecto do prezo medio da semana pasada, e o prezo de referencia queda en 939 euros. Nas femias produciuse un descenso de 88 euros e acadan un valor medio de 828 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.141 euros, ó rexistrar unha caída de 60 euros. As femias desta raza están nos 922 euros, logo dun descenso de 17 euros con respecto da semana anterior. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 968 euros (-48 euros).

No vacún maior a tendencia foi á baixa en todas as categorías. Así os prezos quedaron da seguinte maneira: na categoría extra cun prezo medio de 1.995 euros (-135); na primeira de 1.146 (-32 euros); na segunda de 748 (-10 euros) e na de desfeito quedou en 471 (-28). No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 2.327 euros (+324 euros).

Mesas de prezos
Esta semana o porco cebado mantense de novo estable ao igual que os leitóns. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de canle II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,8 e 0,86 euros o quilo.

06_02_2024_page-0002

Os leitóns experimentaron mantéñense igual. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 98 euros (cun prezo de 4,9 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 93 euros e cun prezo por quilo de 4,65 euros.

O mercado do ovo presentou lixeiras baixadas esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,83 (-0,03) euros a ducia, os da L están a 2,28 euros (-0,03), os da M están a 1,97 euros (-0,01) e os da S mantéñense sen variación, a 1,69 euros. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,35 euros o quilo, segundo a última Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun), do pasado 1 de febreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información