Baixada de prezos nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria rexistrou unha variación de prezos este martes, con baixadas destacadas nos becerros carniceiros. A próxima semana suspéndese a poxa de becerros de recría

Baixada de prezos nos becerros carniceiros en Silleda

Na xornada de hoxe, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca (Silleda) rexistrou unha baixada de prezos nos becerros carniceiros, mentres que no vacún maior hai suba en case todas as categorías.

En canto á afluencia de gando, nesta xornada pasaron polo recinto un total de 782 animais, dos cales 730 foron adxudicados; cifras moi inferiores ás da pasada semana, que superaron os 1.000 animais.

Desde a organización indican que con motivo do festivo do 1 de maio, o martes 30 de abril suspéndese a poxa de becerros de recría e só se celebra a de cebados e vacas.

Prezos do vacún
Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 149 euros (+19 euros respecto da pasada semana); os de 21 a 50 días a 170 euros (+11 euros) e os de máis de 50 días a 211 euros (+2 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 337 euros e baixaron 47 euros con respecto á xornada anterior; os de 21 a 50 días chegaron aos 442 euros e subiron 21 euros o seu valor medio e os máis adultos incrementaron o seu valor en 97 euros, ata alcanzar un prezo medio de 649 euros.

23_04_2024_page-0001

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 762 euros, é dicir 67 euros menos que a semana pasada. Os machos de cruces industriais, diminuíron o seu valor en 8 euros, ata quedar en 1.041 euros. Mentres, as femias incrementaron en 58 euros e quedaron nun valor medio de 1.003 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.191 euros de media os machos (-94euros) e a 1.026 euros as femias (-32 euros). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron o seu valor 140 euros até conseguir un prezo de referencia de 1.075 euros.

No vacún maior houbo subida en case todas as categorías, fóra dos animais extra, que baixaron 89 euros o seu valor medio e quedaron nos 2.263. Os animais da categoría primeira subiron 26 euros e alcanzaron os 1.171 euros de valor medio, mentres que os de categoría segunda subiron 60 euros, até os 810 euros. Por último, nesta xornada non se vendeu vacún de desfeito. Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia incrementaron o seu valor medio en 77 euros, con respecto da semana pasada, e pasan a cotizarse de media a 2.645 euros.

Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 107 euros (cun prezo de 5,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 102 euros e cun prezo por quilo de 5,1 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 1 euro.

23_04_2024_page-0002

O mercado do ovo presenta baixadas do 0,02 e 0,04 con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,02 e alcanzan os 2,31 euros e nos da M e a S a baixada é de 0,04 e quedan nun valor medio de 2,13 e 1,82 euros, respectivamente.

O prezo do coello tamén baixou 0,10 e está nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información