Tendencia a alza nos prezos do gando en Silleda

A Central Agropecuaria tivo unha tendencia a alza en xeral nos prezos de hoxe, con destacadas subas nos animais de recría

Tendencia a alza nos prezos do gando en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas nos prezos da recría frisoa. A tendencia xeral foi a alza, con subas tamén en case todas as categorías do vacún maior.

En canto á afluencia de gando, na xornada de hoxe pasaron polo recinto un total de 1.050 animais, dos cales foron adxudicados 1.008; son cifras menores que a pasada semana, que se bateu récord na afluencia de recría.

Prezos do vacún
Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 133 euros, é dicir 61 euros máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 148 euros, o que supón 29 euros máis que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días obtiveron un prezo medio de 182 euros, cunha suba de 29 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais a tendencia foi á alza, agás na dos máis novos, que tiveron unha baixada de 35 euros e quedáronse nos 315 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 395 euros, é dicir 26 euros máis. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 550 euros, o que supón un incremento de 18 euros.

27_02_2024_page-0001

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 854 euros, é dicir 257 euros máis que a semana pasada. Pola contra, os machos de cruces industriais baixaron o seu valor en 3 euros ata os 1.063 euros. Mentres, as femias sumaron 67 euros no prezo de referencia con respecto do valor da semana pasada e quedan nos 898 euros.

Seguindo cos becerros carniceiros, nos animais de Rubia Galega, os machos tiveron unha baixada de 29 euros ata quedar nos 1.073 euros e nas femias houbo un incremento de 68 euros, polo que agora teñen un valor de referencia de 908 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema descenderon o seu valor 42 euros ata acadar un prezo de referencia de 1.075 euros.

A tendencia foi tamén á alza no vacún maior, con excepcións nunha categoría. Os animais da extra tiveron un valor medio de 2.073 euros (+17 euros). As vacas de primeira cotizáronse a 1.160 euros, o que amosa unha baixada de 3 euros. As vacas de segunda incrementaron o seu valor en 3 euros e quedan cun prezo de referencia de 762 euros. Nos animais de desfeito o valor medio foi de 528 euros, polo que sumaron 73 euros con respecto da última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia tamén viron incrementado o seu valor medio en 141 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 1.768 euros.

Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino tiveron un incremento esta semana. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,03, quedando en 1,755 e 1,730 euros, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,247 euros (+0,039). Os animais de descarte cotízanse entre 0,87 e 0,93 euros o quilo.

27_02_2024_page-0002

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 102 euros (cun prezo de 5,1 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 97 euros e cun prezo por quilo de 4,85 euros. Ambos conseguiron un incremento de 2 euros.
O mercado do ovo volve a rexistrar subas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,81 euros a ducia. Mentres, os da L tiveron unha suba de 0,02, quedándose nos 2,28 euros. Así, os da M e os da S incrementaron o seu valor en 0,05 e quedáronse nun prezo medio de 2,02 e 1,74 euros, respectivamente.

O prezo do coello está nos 2,35 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información