Subas nos prezos medios da recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas nos becerros para recría e baixadas nos carniceiros. Cotízanse á alza os leitóns e mantense sen cambios o mercado do ovo

Subas nos prezos medios da recría en Silleda

Recría nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra) rexistrou esta semana subas nos prezos medios dos becerros de recría. A tendencia foi á baixa nos tenreiros carniceiros, pese a que se rexistrou un novo prezo récord por un animal mestizo dunha gandería de Mesía, que acadou os 1.807 euros. O vacún maior apuntou tanto reducións como incrementos dos prezos de referencia en cada sección.

Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado mantense sen cambios, mentres que os leitóns experimentaron unha subas de 2 euros. O mercado do ovo continúa estable esta semana.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa houbo unha suba xeral dos prezos medios en tódalas seccións. O prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 81 euros, o que supuxo un incremento de 12 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 107 euros, logo dunha suba de 7 euros. Os becerros de máis de 50 días rexistraron un aumento de 19 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio queda nos 163 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os tenreiros de 20 días tiveron un prezo medio de 245 euros, o que amosa un incremento de 81 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección experimentaron un incremento de 34 euros e o prezo de referencia atópase nos 234 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días tiveron unha baixada de 23 euros e caen ata os 304 euros. As femias desta idade suman 6 euros ata os 236 euros. Os animais de máis de 50 días foron outra das excepcións. Os machos experimentaron unha redución do seu valor medio de 87 euros e sitúanse nos 341 euros. O valor medio das femias en cambio incrementouse en 4 euros e sitúase nos 303 euros.

A tendencia foi á baixa, con algunha excepción nos tenreiros carniceiros. Nos becerros frisóns o valor medio acadou os 803 euros, só un euro máis que a semana pasada. Os animais de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.066 euros, cunha redución de 74 euros. As femias desta sección experimentaron unha baixada de 12 euros ata os 965 euros. En canto ós becerros de Rubia Galega, o prezo medio situouse 46 euros por debaixo do rexistrado na última feira. Así, estes animais tiveron un prezo medio de 1.125 euros. As femias tiñan un prezo de 988 euros, o que supón unha suba de 7 euros. Nos becerros comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.129 euros, o que os sitúa en 12 euros máis.

No vacún maior non hai unha tendencia clara, con subas ou baixadas dos prezos medios en función da categoría. Os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 1.986 euros, o que supón 61 euros menos que a semana anterior. As vacas de primeira sumaron 24 euros e o valor de referencia foi de 1.170 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio foi de 780 euros, é dicir 4 euros menos. Os animais de desfeito tiveron tiveron un incremento de 115 euros e pasan a situarse nos 510 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 1.360 euros, o que supón 943 euros menos que a semana pasada.

Central Vacun 10_01_2023

Subas nos leitóns

Nas mesas de cotizacións do porcino, o porco cebado mantense esta semana sen cambios. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,665 e 1,64 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,13 euros e os animais de desvelle teñen un prezo de entre os 0,78 e os 0,84 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 2 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 80 euros (cun prezo de 4 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 75 euros e cun prezo por quilo de 3,75 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 euros e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense entre os 0,32 e os 0,39 euros.

O prezo do coello está nos 2,6 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central porcino 10_01_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información