Baixa afluencia de gando en Silleda e baixada dos prezos da recría e o vacún maior

Coa xornada festiva redúcese o número de becerros para a cría e vacas adultas e caen as cotizacións en ambas seccións. Mantense a concorrencia dos tenreiros carniceiros, que logran un novo prezo medio de récord

Baixa afluencia de gando en Silleda e baixada dos prezos da recría e o vacún maior

Becerros de cebo nas instalacións da Central. // Imaxe de arquivo.

A festividade do Día de Galicia deixou unha mínima afluencia de gando na Central Agropecuaria de Galicia este martes. As seccións da recría e o vacún maior foron as máis afectadas, onde o número de animais se reduciu case á metade en ambas categorías, con respecto das cifras que manexan habitualmente. Tamén se resentiron os prezos, con baixadas xerais en ambas.

Mentres, no caso dos becerros carniceiros mantívose a afluencia habitual e logrouse un novo récord no prezo medio desta categoría. Así, os 1.155,19 euros rexistrados este martes superaron os 1.153,91 euros do pasado 11 de xullo, que ata o momento se situaba como o máximo prezo medio.

No porcino, esta semana os prezos dos leitóns experimentaron unha baixada. O porco cebado continúa sen cambios. Tamén no mercado do ovo continúan as baixadas en boa parte das categorías.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 64 euros, é dicir 21 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 116 euros, o que supón 20 euros menos que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 140 euros, cunha baixada de 12 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais tamén predominaron as baixadas, pero con algunhas excepcións. Os becerros máis novos cotizáronse a 281 euros, o que supón unha baixada de 26 euros con respecto da semana pasada. Pola contra, as femias tiveron un incremento do valor en 24 euros, ata situarse nos 221 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 347 euros, é dicir 4 euros menos. As femias descontaron 57 euros, ata quedar nos 216 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 613 euros, o que supón un incremento de 22 euros. As femias seguiron a mesma tendencia ata os 421 euros, ó experimentar unha suba de 7 euros.

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 650 euros, polo que se reduce en 37 euros con respecto da semana pasada. Pola contra, nos cruces industriais houbo incremento dos prezos. Os machos tiveron unha suba de 29 euros e acadan os 1.171 euros e as femias contan con 51 euros máis, o que as sitúa nos 1.145 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos tiveron unha baixada de 56 euros, ata quedar nos 1.349 euros e as femias sumaron 252 euros, polo que agora teñen un valor de referencia de 1.324 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema incrementaron o seu valor medio en 118 euros e acadan os 1.339 euros.

A tendencia foi claramente á baixa no vacún maior. A única excepción foron as vacas da extra que incrementaron en 38 euros o seu valor, ata situarse nos 2.094 euros. As vacas de primeira cotizáronse a 1.137 euros, o que amosa unha baixada de 4 euros. Nos exemplares de segunda o prezo medio foi de 748 euros, logo dunha baixada de 21 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 449 euros, polo que descontaron 28 euros con respecto da última feira. Nesta xornada, tal e como recolle o resumo de cotizacións da Central, non se adxudicaron animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia.

25_07_2023_ Central Agropecuaria Vacun

Baixada dos prezos dos leitóns e os ovos

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado, pero houbo baixadas nos prezos do leitón. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha baixada de 3 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa quedan a 94 euros (cun prezo de 4,7 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 89 euros e cun prezo por quilo de 4,45 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana con baixadas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL e da L se manteñen sen cambios e están a 2,94 e 2,59 euros a ducia, respectivamente. Mentres, os da M e a S tiveron unha baixada de 0,03 euros e quedaron en 2,11 e 1,86 euros a ducia, respectivamente. As galiñas de descarte semipesadas descontan tamén 0,02 euros e cotízanse entre os 0,23 e os 0,31 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

25_07_2023_Central Agropecuaria Porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información