Subas nos prezos dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento das cotizacións dos tenreiros carniceiros, así como na recría de cruces industriais. O vacún maior cotiza á baixa. As mesas do porcino acordan baixadas para porco cebado e leitóns. Mantense sen cambios o mercado do ovo

Subas nos prezos dos becerros carniceiros en Silleda

Tenreiros no recinto feiral de Silleda nunha sesión. // Foto de arquivo.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou subas nos prezos dos becerros carniceiros, así como incrementos na recría de cruzamentos industriais. Mentres no vacún maior, a tendencia foi á baixa. Tamén acordaron unha baixada dos prezos nas mesas do porcino, tanto para o porco cebado como nos bacoriños. O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana.

En concreto, na recría os becerros frisóns acusaron baixadas nas categorías con maior afluencia. Nos becerros de menos de 20 días o prezo baixou 4 euros e quedou nos 103 euros. A única femia desta categoría que se adxudicou marcou un prezo de 64 euros. Na categoría de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa, houbo unha baixada de 6 euros, o que deixa un prezo medio de 113 euros. Nas femias produciuse unha suba de 9 euros e atópanse a 70 euros. Os tenreiros de máis de 50 días foron a excepción nos machos, cunha suba de 10 euros, co que conseguen un prezo medio de 141 euros.

Nos cruzamentos industriais predominaron as subas, sobre todo para os machos. Así, os becerros de menos de 20 días cotizáronse a 235 euros, ó experimentar unha suba de 31 euros. As femias, pola contra, descontaron 5 euros e sitúanse en 177 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días houbo unha suba de 5 euros, o que deixa un prezo medio de 289 euros. Nas femias, o incremento foi mínimo, algo menos dun euro, e agora están en 210 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, o prezo medio foi de 405 euros, logo dunha suba de 24 euros. As femias descontaron 12 euros e están en 342 euros.

A tendencia foi á alza nos becerros carniceiros nesta xornada. Nos machos frisóns o prezo medio foi de 657 euros, o que supón un incremento de 102 euros con respecto da semana pasada. Nos cruzamentos industriais a suba foi de 55 euros e cotizan a 902 euros. Nas femias, pola contra, apreciouse unha baixada de 10 euros, co que o prezo medio foi de 777 euros. Nos becerros de Rubia Galega houbo un incremento de 78 euros e logran acadar os 1.003 euros. As femias, pola súa banda, descontaron 34 euros e están en 801 euros. Os animais co selo Ternera Gallega Suprema están en 905 euros, 7 euros menos que a semana pasada.

No vacún maior houbo unha baixada xeral dos prezos. Nas vacas extra foi de 58 euros e sitúanse en 1.869 euros. As vacas de primeira descontaron 61 euros, o que as sitúa en 1.087 euros. Os animais de segunda foron a excepción cunha suba de 26 euros, de xeito que se cotizan a 756 euros. As vacas de desfeito descontaron 10 euros e quedan en 468 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia cotizáronse a 1.684 euros, o que supón unha suba de 34 euros.

Central agropecuaria Vacuno 13_07_2021

Baixadas no porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron novas baixadas das cotizacións tanto no porco cebado como nos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,05 euros, polo que se cotizan a 1,435 e 1,410 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,831 euros, logo dunha baixada de 0,065 euros. Os porcos de desfeito acusaron tamén unha baixada de 0,06 euros, polo que agora cotízanse entre os 0,57 e os 0,63 euros o quilo.

Nos leitóns tamén houbo baixadas, que foron de 6 euros por animal. Así os exemplares procedentes dunha única granxa quedaron nos 45 euros (cun prezo de 2,25 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías situáronse nos 40 euros, a 2 euros o quilo.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue unha semana máis en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Porcino 13_07_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información