Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha recuperación dos prezos da recría, tanto de animais frisóns coma de cruce. Baixa o valor dos tenreiros carniceiros e do vacún maior. Continúa á baixa o porco cebado e volven as subas ó mercado do ovo

Subas nos becerros de recría en Silleda

Nave de recría da Central Agropecuaria. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos da recría, cun incremento nos valores de referencia de case tódalas categorías tanto dos becerros pintos como dos de cruzamentos industriais. Caeron os prezos dos tenreiros carniceiros e do vacún maior.

Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado continúa á baixa e os leitóns mantéñense estables. O mercado do ovo logrou esta semana novas subas en tódalas categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, o prezo de referencia dos becerros máis novos, os de menos de 20 días, situouse nos 95 euros, o que supón unha suba de 5 euros con respecto do valor medio de referencia da semana pasada. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando do mercado; o prezo medio incrementouse 22 euros e atópase nos 118 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha suba de 54 euros e o prezo medio foi de 165 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia foi semellante, con algunha excepción. Os tenreiros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 265 euros, o que supón 60 euros máis que o valor de referencia da semana pasada. As femias desta categoría experimentaron unha suba de 37 euros e teñen un valor medio de 230 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio situouse nos 306 euros, o que supón unha suba de 9 euros. As femias incrementaron o seu valor en 16 euros e cotízanse a un prezo medio de 246 euros. Os tenreiros de máis de 50 días foron a excepción cunha baixada de 59 euros e sitúanse nos 447 euros. As femias seguiron a mesma tendencia e descontaron 48 euros, para cotizarse de media a 289 euros.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa. Os tenreiros de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.031 euros, o que supón 11 euros menos que a semana pasada. Nas femias desta sección houbo unha baixada de 122 euros, o que deixa un prezo medio de 809 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega o valor medio situouse nos 1.137 euros, é dicir 137 euros por debaixo. Nas femias seguiuse a tendencia e cotizáronse a 955 euros, o que supón 125 menos. As dúas únicas becerras frisoas que se venderon este martes fixaron un prezo medio de 346 euros, lonxe dos 897 euros que se pagou a semana anterior polo único animal vendido desta categoría. Os animais comercializados baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema foron a excepción, cunha suba do prezo medio de 83 euros, o que deixa o valor de referencia nos 1.076 euros.

O vacún maior tamén experimentou baixadas en case tódalas categorías. As vacas da categoría extra tiveron un valor medio de 2.121 euros, é dicir, 136 euros menos que a semana pasada. Nos animais de primeira o prezo medio estivo nos 1.164 euros, o que supón 19 euros menos. As vacas de segunda tiveron unha baixada de 7 euros e sitúanse nos 759 euros. Os animais de desfeito foron a excepción cunha suba de 3 euros no valor de referencia que queda nos 477 euros. Os animais vendidos baixo o selo Vaca e Boi de Galicia marcaron un prezo medio de 1.341 euros, é dicir 1.836 euros menos que o logrado a semana anterior nesta sección.

Lonxa 08_11_2022 Vacun

Segue a caída do prezo do porco cebado

A mesa de cotizacións do porcino acusou esta semana novas baixadas para o porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal tiveron unha baixada de 0,03 euros e cotízanse a 1,67 e 1,645 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II experimentaron unha redución de 0,039 euros e están a 2,136 euros. Os animais de descarte mantéñense sen cambios e sitúanse entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 56 euros e cun prezo por quilo de 2,8 euros.

O mercado do ovo experimentou esta semana subas de 0,02 euros en tódalas categorías. Tras este incremento, os ovos da XL están a 2,75 euros a ducia, os da L a 2,54 euros, os ovos da M a 2,18 e os da S a 1,93 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense entre os 0,30 e os 0,37 euros.

 

Central Agropecuaria Porcino 08_11_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información