Subas no gando de recría en Silleda

Aumento dos prezos dos becerros de recría tanto frisóns como de cruces industriais na Central Agropecuaria de Galicia. Houbo tamén incrementos no vacún maior. O porcino mantense sen cambios igual que os ovos

Subas no gando de recría en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra cada martes en Silleda (Pontevedra), rexistrou esta semana subas na recría. Tamén algunhas das categorías de vacún maior experimentaron un incremento dos prezos. Pola súa banda, as mesas de cotización do porcino e o ovo mantivéronse esta sesión sen cambios.

En concreto na recría, as subas producíronse nas seccións con animais máis novos, mentres que tanto os becerros frisóns como os de razas industriais ou os de Rubia Galega de máis idade acusaron unha baixada dos prezos. Nos animais de raza Frisoa, os tenreiros de menos de 20 días incrementaron o seu valor en 20 euros, ata situarse en 81 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días a suba foi de 8 euros e cotízanse a 102 euros. Porén, os animais de máis de 50 días reduciron o seu prezo en 13 euros ata quedar nos 106 euros de media.

A mesma tendencia apreciouse no caso dos cruces industriais. Así, os becerros de menos de 20 días chegaron ós 227 euros, logo dun incremento de 27 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días produciuse unha suba de 11 euros ata os 253. As femias desta categoría tamén aumentaron o seu valor e situáronse nos 187 euros, tras sumar 14 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días a baixada de 51 euros deixou o prezo medio nos 327 euros. As femias desta sección, pola contra, rexistraron unha suba de 13 euros e pasan a cotizarse a 287 euros.

Os becerros de máis de 50 días de Rubia Galega tamén experimentaron unha redución do valor esta semana. Sitúanse nos 487 euros de media, tras unha baixada de 37 euros.

Os becerros carniceiros de cruces industriais rexistraron unha suba de 21 euros e acadan os 842 euros de media. As femias desta raza atópase nun valor medio de 680 euros, despois de descontar 24 euros. Nos becerros de Rubia Galega houbo unha baixada de 26 euros e cotízanse agora a 956 euros. Esta semana non se adxudicaron becerros frisóns. Os 15 tenreiros adxudicados nesta sesión e que contan co selo de Ternera Gallega Suprema quedan cun prezo medio de 1.003 euros, logo dun incremento de 140 euros.

As vacas de máis calidade experimentaron esta semana subas. Así, os exemplares da categoría Extra pasan a cotizarse a 1.932 euros, tras unha suba de 160 euros. Nas vacas de primeira o incremento foi de 38 euros e quedan en 1.121 euros. Pola súa banda, as vacas de segunda reduciron o seu valor en 14 euros e pasan a situarse en 715 euros. Nos exemplares de desvelle, a baixada foi de 6 euros para quedar en 443 euros. No caso dos animais de Ternera Gallega, esta semana pasan a cotizarse a 1.233 euros, logo dunha suba de 304 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacuno-29_09_2020-

Sen cambios no porcino

As mesas de negociacións do porcino mantivéronse novamente esta semana sen cambios. Deste xeito, o porco cebado da categoría selecta está a 1,325 euros o quilo, mentres que o normal se atopa a 1,3 euros. Nos Canal II o prezo medio é de 1,688 euros por quilo e os exemplares de desvelle cotízanse entre os 0,47 e os 0,53 euros.

Nos leitóns, os animais procedentes dunha única gandería mantéñense nos 35 euros, situándose a 1,75 euros por quilo. Mentres, nos exemplares procedentes de varias, o prezo por quilo é de 1,5 euros e por animal acada os 30 euros.

O mercado do ovo mantense tamén sen variacións. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,52 euros a ducia, os da L atópanse a 1,12 euros, os da M están a 0,94 euros e os da S véndense 0,78 euros a ducia.

As galiñas de desvelle semipesadas, as situadas entre os 2,1 e 2,2 quilos, incrementan o seu valor en 0,01 euros polo que quedan nun valor entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello tamén experimentou esta semana un incremento do seu valor en 0,15 euros e pasa a cotizarse a 2 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-29_09_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información