Subas na recría e os becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha lixeira recuperación dos prezos da recría, os tenreiros carniceiros e o vacún maior. As mesas de porcino e ovo mantéñense sen cambios

Subas na recría e os becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), experimentou este martes unha lixeira recuperación dos prezos, logo da baixada xeral acontecida a semana pasada. Tanto a recría como os becerros carniceiros rexistraron incrementos en case tódalas categorías. Tamén subiron as cotizacións de case todo o vacún maior. Mentres, as mesas de cotización do porcino mantivéronse sen cambios, ó igual que os prezos dos ovos e do coello.

Na recría de gando frisón tódalas categorías experimentaron subas con respecto das semana pasada. Nos animais máis novos, os de menos de 20 días, o incremento foi de 2 euros e sitúanse nun prezo medio de 64 euros. A sección máis representativa e numerosa, na que se encadran os becerros de entre 20 e 50 días, rexistrou unha suba de 17 euros, polo que cotízanse a 95 euros. O maior incremento produciuse nos becerros de máis de 50 días, que suman 18 euros e pasan a un prezo medio de 106 euros.

Nos cruzamentos industriais, a tendencia foi tamén á alza, coa única excepción dos becerros de menos de 20 días, que acusaron unha baixada de 8 euros, ata quedar nun prezo medio de 163 euros. Os animais de entre 20 e 50 días pasan a cotizarse a 225 euros, logo dun incremento de 3 euros. A suba máis significativa da recría (66 euros) experimentárona os becerros de máis de 50 días, que acadan un prezo de 328 euros.

Os becerros carniceiros tamén experimentaron subas. No caso dos exemplares de cruces industriais, o prezo medio situouse nos 885 euros para os machos, logo dun incremento de 128 euros. Nas femias, a suba foi de 56 euros, polo que pasan a cotizarse a 772 euros. Esta semana só se adxudicou un único animal de raza frisoa por un valor de 297 euros, 66 euros menos que o prezo medio da feira anterior. Os exemplares co selo Ternera Gallega Suprema cotizáronse a 908 euros, 98 euros por encima do martes pasado.

A tendencia mantívose á alza no vacún maior, aínda que coa excepción das vacas de segunda, que experimentaron unha baixada do prezo de 10 euros, ata situarse nos 719 euros. Mentres, os exemplares da categoría primeira cotizáronse a 1.107 euros, logo dun incremento de 19 euros. As vacas de desvelle acadaron un prezo medio de 450 euros, tras sumar 6 euros. Os animais que dispoñían da clasificación Vaca e Boi de Galicia, tiveron un prezo medio de 1.221 euros, 65 euros por debaixo do valor acadado para este selo a semana pasada.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacuno-25_08_2020

Sen cambios no porcino

En canto ás mesas de cotización do porcino, os prezos mantivéronse sen cambios no caso do porco cebado e os leitóns volveron quedar esta semana sen cotización.

Os prezos nas categorías selecta e normal continúan a 1,325 e 1,30 euros respectivamente, mentres os animais de Canal II atópanse a un valor de 1,688 euros por quilo. Os porcos de desvelle sitúanse entre os 0,45 e os 0,51 euros por quilo.

No mercado do ovo tampouco houbo cambios esta semana. Deste xeito, os ovos da categoría XL cotízanse a 1,61 euros a ducia, os da L páganse a 1,20 euros, os ovos da categoría M están a 1,07 euros e os da S a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle teñen un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello continúa asentado, unha semana máis, nun prezo de 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-25_08_2020

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información