Subas dos prezos medios na recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia experimenta un incremento xeral do valor da recría, co prezo medio máximo do ano. Baixan os tenreiros carniceiros nunha xornada de gran afluencia de gando. Continúan á alza os porcos cebados e mantense sen cambios os leitóns e o mercado do ovo rexistra subas

Subas dos prezos medios na recría en Silleda

Recría nas instalacións da Central Agropecuaria. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra) acadou hoxe un novo récord histórico no seu volumen total de transaccións, ao sumar as distintas categorías 977.268 euros e superar así os 949.660 euros rexistrados o pasado 3 de maio. A xornada deixou ademais varios máximos nas distintas seccións.

Así, na categoría de becerros carniceiros acadouse o seu máximo anual en asistencia, con 170 animais, que superaron ós 158 contabilizados o 8 de marzo. Tamén se bateu o récord do ano en canto a reses adxudicadas, con 158 , por encima das 144 que se rexistraran o 8 de marzo e que se situaban como máxima cifra. A facturación tamén marcou un novo máximo, ó acadar ós 136.032 euros, superando os 126.513 euros do 12 de abril. Con todo, a tendencia foi á baixa nos distintos prezos medios das categorías.

Na recría experimentáronse subas en boa parte das seccións e tamén se rexistrou un máximo anual no seu prezo medio, con 265,44 euros (o anterior foi a semana pasada con 264,48 euros), o que supón ademais o mellor prezo medio desta categoría dende o 2 de maio de 2017, cando ascendera a 275,24 euros.

Nas mesas de prezos do porcino mantéñense as subas para o porco cebado e os prezos dos leitóns continúan estables. No mercado do ovo houbo tamén un incremento xeral en tódalas categorías.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da última feira nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 159 euros, o que amosa unha suba de 3 euros con respecto da semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio experimentou un incremento de 2 euros, ata acadar os 184 euros. Os becerros de máis de 50 días tiveron un incremento de 13 euros e cotízanse a 209 euros.

A tendencia foi semellante na recría de cruzamentos industriais. Os machos máis novos, os de menos de 20 días tiveron unha suba de 28 euros e o prezo medio sitúase nos 290 euros. As femias desta categoría incrementaron o seu valor medio en 8 euros e acadan os 228. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días houbo unha suba de 12 euros e quedan nos 326 euros. Nas femias o incremento foi de 5 euros e sitúanse nos 235 euros. Os animais de máis de 50 días tiveron unha suba de 32 euros e cotízanse a 450 euros. As femias desta categoría foron as únicas que experimentaron unha baixada no prezo medio con respecto da semana pasada. Nesta feira cotízanse a 344 euros, o que supón un desconto de 21 euros en comparación co último mercado.

Nos becerros carniceiros, os animais de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 911 euros, o que amosa unha redución de 8 euros. Nas femias a baixada foi de 171 euros e caen ata os 708 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega o prezo medio situouse nos 1.059 euros, unha das únicas categorías que experimentou unha suba, en concreto de 13 euros e quedan nos 1.059 euros. Nas femias houbo unha redución de 248 euros e sitúanse nun valor medio de 773 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo medio quedou nos 930 euros, logo dunha baixada de 164 euros.

A tendencia foi á baixa no vacún maior, aínda que con algunhas excepcións. Nun repaso por categorías, as vacas da extra foron das que lograron un incremento do valor, de 9 euros, e están nos 1.988 euros de media. Nos animais de primeira houbo unha baixada foi de 20 euros e sitúanse nos 1.137 euros. As vacas de segunda teñen un valor medio de 764 euros, ó descontar 13 euros. Os animais de desfeito sumaron 37 euros e acadan os 470 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio queda nos 1.740 euros, o que supón unha baixada de 14 euros.

Lonxa 21_06_2022

Subas nos prezos do porco cebado

Este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou unha suba xeral dos prezos do porco cebado, mentres os leitóns se manteñen sen cambios. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,625 e 1,60 euros o quilo, respectivamente, logo dun incremento de 0,02 euros. Os porcos de Canal II están a 2,078 euros ó experimentar unha suba de 0,026 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que rexistraron unha baixada dos prezos. Ó descontar 0,02 euros, o valor dos porcos de desvelle sitúase entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.

Os leitóns mantivéronse sen cambios. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 49 euros (cun prezo de 2,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 44 euros e teñen un prezo por quilo de 2,2 euros.

O mercado do ovo rexistrou subas en tódalas seccións esta semana. Os ovos da XL e da L tiveron un incremento de 0,05 euros e cotízanse a 2,25 e 1,99 euros a ducia respectivamente. Mentres, a ducia de ovos da M e da S tiveron un aumento de 0,02 euros cada unha das seccións. Deste xeito, os ovos da M están a 1,69 e os da S a 1,49 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas descontaron 0,01 euros e están a cotizarse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Lonxa porcino 21_06_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información