As cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca deste martes caracterizáronse pola baixada nos prezos dos becerros de recría de Frisón e dos leitóns, mentres que o vacún maior, becerros de cruce, ovos e porco cebado soben lixeiramente.
En concreto, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes baixaron en todas as categorías respecto á pasada semana. Así, na de menos de 20 días, a cotización media foi de 153 euros, fronte aos 167 da pasada poxa. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén caeu lixeiramente ata os 182 euros por xato, nove menos que a pasada semana. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio foi de 197 euros, catorce menos que na última poxa.
Nos becerros de Cruzamento industrial, as oscilacións nos prezos foron, en xeral, á alza. Na de menos de 20 días as cotizacións medias caeron nos machos ata os 239 euros, fronte aos 254 da pasada poxa. Sen embargo, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu levemente ata os 335 euros de media, fronte aos 333 da anterior sesión. Pola contra, nas femias, destinadas sobre todo a cebo para a exportación, o prezo medio baixou a unha media de 244 euros, fronte aos 249 da anterior poxa. En canto aos xatos de máis de 51 días, o prezo medio ascendeu nos machos ata os 463 euros, fronte aos 437 euros de media da última subasta.
No vacún maior a tendencia xeral foi a unha leve suba dos prezos. Deste xeito, quedaron en 1.080 euros de media en categoría primeira, 724 en segunda -a máis numerosa- e 439 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.085, 721 e 444 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Suba nos ovos e sen cambios no coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana nas categorías M e a S nos 1,13 e 0,90 euros, respectivamente. Para a XL acordouse unha suba do 0,02% ata os 1,42 euros a ducia e do 0,01% para a L, que quedou nos 1,27 euros.
Suba no porco cebado e baixada nos bacoriños
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou subir as cotizacións da pasada semana un 0,015% nas categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,470 e 1,445 euros por quilo, respectivamente. Na Canle II a suba foi do 0,018% ata os 1,877 euros por quilo e o desvelle mantívose tamén sen cambios nun intervalo de prezos de entre 0,92 e 0,98 euros o quilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións esta semana quedaron sen cambios nos 1,810 euros o quilo. No resto de países da Unión Europea as cotizacións mantivéronse estables ou cunha lixeira suba.
En canto aos leitóns, acordouse seguir coa baixada das cotizacións, esta semana un 2% ata os 51 euros para os procedentes de varias explotacións e os 56 euros para os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira: