A cuarta edición da feira de enerxía Enerxétika, conta con 270 firmas de 17 países, o que supón un 4% máis que na última cita, celebrada en 2022. Delas 110 son expositores directos de España, Portugal, Francia, México e Israel, un 23,6% máis. Podes consultar aquí o listado de expositores.
Entre estes expositores estarán presentes empresas de enerxías convencionais e renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial ou servizos.
Enerxétika 2024, que conta co patrocino de Red Eléctrica, incluirá un atractivo programa onde as xornadas serán unha peza clave. Serán preto de 70 que se agruparán en 27 xornadas que profundarán en temas como almacenamento de enerxía e transición enerxética en Galicia, a biomasa como unha oportunidade estratéxica para Galicia, política enerxética en Portugal, o mercado eléctrico chileno, hidróxeno verde, rehabilitación enerxética integral de edificios, mobilidade eléctrica, instalacións de autoconsumo ou xeotermia, entre moitos outros.
Podes consultar aquí o programa completo de xornadas.
Ademais, o programa volverá contar co SIE, o Salón de Innovación Enerxética, espazo que se centra en poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia e as enerxías renovables, e que nesta ocasión mostrará 11 proxectos. Sumaranse destacados encontros sectoriais de entidades que apostan pola feira para reunirse e levar a cabo diversos actos.
Por outra banda, a feira acollerá unha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética. Incluirá zonas temáticas con demostracións, actividades, paneis informativos e espazos de proxección tanto para aprender sobre enerxía en xeral como para coñecer medidas de aforro e eficiencia aplicadas á nosa vida cotiá. Desenvolverá ademais un programa específico para escolares.
Outra interesante proposta para público xeral será a posibilidade de probar vehículos eléctricos, híbridos e de hidroxeno de última xeración e prestixiosas marcas.