Robots 4.0 en viñedos galegos para facilitar a vendima

O CSIC e as Adegas Terras Gauga traballan man a man no desenvolvemento dun prototipo para optimizar a vendima coa incorporación de robots autónomos. Outros proxectos buscan mellorar a recompilación de información sobre viñedos para a toma de decisións en aspectos como o tratamento de pragas

Publicidade
Robots 4.0 en viñedos galegos para facilitar a vendima

A investigadora Ángela Ribeiro durante a súa participación nas xornadas sobre robótica celebradas en Lugo.

“A robótica en agricultura ten e vai ter moito sentido e mesmo menos limitacións que outros ámbitos nos que hai postas moitas esperanzas, coma os coches autónomos”. Así de clara se amosaba a investigadora Ángela Ribeiro, que traballa no Centro de Automática e Robótica, centro mixto entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade Politécnica de Madrid, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado recentemente en Lugo.

“En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”

Ribeiro reivindicou ademais os importantes avances en robótica e dixitalización do agro que se están levando a cabo en España e que sitúan ao país na vangarda tecnolóxica. “En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”, recomenda. A investigadora sinala que, mentres en tarefas como a preparación dos solos e sementeiras se ten avanzado moito na robotización, na produción da colleita aínda queda moito sobre o que traballar.

Un dos exemplos sobre este avance da robotización no campo no manexo da colleita é o proxecto Flexigrobots, no que está a traballar Ribeiro nestes momentos. Neste caso buscan o desenvolvemento dunha plataforma para sistemas multi-robot autónomos, flexibles e heteroxéneos que facilite a automatización intelixente no manexo de precisión de cultivos. Trátase dun proxecto internacional no que participan tamén empresas e organismos de países como Finlandia, onde se centran no cultivo de colza; así como en Centroeuropa, que traballan en plantacións de arandos. En España, o CSIC traballa en viñedo. Ademais, está a desenvolverse en viñas galegas, grazas á colaboración da adega de Rías Baixas, Terras Gauda, situada na subzona do Rosal.

Robots Terras Gauda_CSIC Vendimia

Primer prototipo de robot de asistencia á vendima. Colaboración cunha vendimiadora nas Bodegas Terras Gauda en setembro de 2021.

Facilitar a vendima

Aínda que o proxecto aínda está en plena fase de desenvolvemento, xa levaron a cabo probas nos viñedos galegos durante a pasada vendima e patentaron a plataforma de asistencia á vendima, que está pensada para facilitar a vendima, e que resulta especialmente interesante naquelas zonas onde arrastrar as caixas das uvas vólvese un traballo físico esgotador.

A plataforma, na que se carga a caixa, segue ao operario mentres este vendima. Trátase de que identifique e siga a un operario concreto, adaptándose ao seu ritmo de recollida e permanecendo a unha distancia de menos de medio metro. “Nas primeiras probas a persoa que vendimiaba estaba pendente do robot e tentaba inconscientemente adaptarse a el, pero buscamos xusto o contrario, que sexa o robot quen se adapte ao ritmo do vendimiador”, explicaba Ribeiro.

O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado

O robot recoñece e segue a un único viticultor que localiza mediante un identificador situado nun medallón que leva colgado. Ademais, o sistema conta cun receptor GPS para os desprazamentos que teña que realizar aos puntos de recollida e carga.

O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado, xa que se trata de que unha vez que a caixa estea chea, outro robot veña a substituílo e este mentres poida trasladar a caixa ata o punto de recollida. Neste sentido, máis que un único robot, a idea coa que traballan desde o CSIC é en desenvolver unha frota de robots que traballe cooperativamente cos vendimiadores.

Frotas de pequenos robots 4.0

Do mesmo xeito que expoñen no proxecto Flexigrobots coa automatización na vendima, Ribeiro apunta cara a un novo salto na robotización da agricultura, no que se aposte polas frotas de robots de pequeno tamaño que poidan realizar labores de forma autónoma e baixo a supervisión dun operario. “Defendemos a implantación da robótica no campo con frotas de pequenos robots”, explica Ribeiro.

A utilización destas frotas de pequenos robots presenta vantaxes como:

-Son menos perigosos. Ao tratarse de robots de pequeno tamaño os riscos e consecuencias derivados de que se produza un fallo son menores para o ser humano. Con este tipo de tecnoloxía increméntase a seguridade.

-Fácil substitución. Ao traballar cunha frota se un dos equipos se estraga pode substituírse por outro de maneira que poida realizarse a tarefa, a diferenza do que ocorre coas grandes maquinarias automatizadas, onde un fallo pode atrasar de maneira importante a tarefa ou mesmo comprometer o cultivo ao ser máis complexa a súa substitución.

– Ao tratarse de robots de menor tamaño tamén se reduce a compactación do terreo, que adoita ser un dos inconvenientes de utilizar grandes maquinarias en agricultura.

-Tamén supoñen un menor gasto en comparación co desembolso que supoñen outras maquinarias de maior tamaño.

-Do mesmo xeito que a maquinaria tradicional e de maior tamaño, estas frotas, a pesar de ser autónomas, requiren por seguridade da supervisión dun operario.

Aproveitar e adaptar tecnoloxía para o campo

Máis aló do desenvolvemento de novas propostas tecnolóxicas innovadoras, tamén se está traballando en aproveitar e adaptar aos traballos no campo solucións xa existentes. É o caso, por exemplo, da adaptación que fixeron desde o CSIC dun vehículo eléctrico convencional transformándoo nun vehículo automatizado que se empregue na mostraxe do viñedo, para detectar pragas como a Botryte.

monitorizacion viñedo_CSIC

Robot autónomo basado en Twizy para a inspección de viñedos. A Rioxa 2017.

Así, optaron por utilizar o modelo de coche eléctrico Twizy de Renault para este uso. As prestacións que presenta este vehículo, como a súa robustez, a súa autonomía de 80 quilómetros, a súa recarga mediante un enchufe convencional ou o seu baixo prezo (11.000 euros fronte aos 60.000 euros que poden custar outros robots de campo equivalentes) convertérono nunha opción competitiva para a súa automatización.

Con el realizaron mostraxes en viñedos da Rioxa con cámaras RGB-D, que achegan profundidade na toma de imaxes e que permiten unha maior precisión na elaboración de mapas de volumes que permiten contar con información de utilidade como o grao de afectación de patóxenos do viñedo, como a Botryte, para o seu posterior tratamento. “Con estas mostraxes pódese extraer moita información sobre o viñedo, útil para o xestor”, apunta a investigadora.

Cabe destacar que, nesta liña de automatización e adaptación da tecnoloxía, o equipo de investigadores liderado por Ribeiro no CSIC xa deu importantes pasos, debido a que foron dos primeiros en integrar a utilización de drons nos tractores, comezando xa en 2007 co seu uso.

RHEA Tractores autonomos

A frota de robot terrestres RHEA e a Estación Base desde onde se supervisaba o traballo da frota de robots utilizando unha Interfaz Gráfica de Usuario, que proporcionaba unha recreación realista en tempo real do traballo dos robots.

Ademais, participou no desenvolvemento de proxectos europeos de gran impacto como RHEA (Robot fleets for Highly Effective Agriculture and forestry management), co que conseguiron os primeiros pasos en tractores autónomos que realizaban o traballo de campo supervisados por un operario desde unha estación base, co apoio de programas informáticos para a detección rápida dos problemas que xurdían durante o traballo e a procura de solucións eficaces para atallar os mesmos canto antes, preferiblemente sen a intervención do operario e sen deter o traballo dos robots.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información