Resultados “prometedores” para reducir o uso de cobre en viticultura

O proxecto  Coppereplace foi desenvolvido durante máis de dous anos por 13 socios de Francia, Portugal e España e nel participou a  Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo

Publicidade
Resultados “prometedores” para reducir o uso de cobre en viticultura

Como peche da súa actividade, os socios de Coppereplace reuníronse o pasado 22 de febreiro en Vilafranca del Penedés

Durante algo máis de dous anos, 13 socios de Francia, Portugal e España, entre os que estivo un equipo da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, desenvolveron o proxecto Coppereplace, centrado na busca de alternativas para reducir o uso de cobre como funxicida en viticultura e o seu impacto ambiental. A iniciativa, destacan desde a súa organización, pecha agora a súa actividade “con resultados prometedores” e marcando “un antes e un despois” neste reto “esencial” para os viñedos europeos. Así, subliñan, conseguiuse “un grande achegamento a solucións integradas e sostibles por medio de métodos de produción respectuosos co medio ambiente”.

1,6 millóns de orzamento

A Plataforma Tecnológica del Vino liderou este proxecto, que arrancou en novembro de 2020 e no que participaron ademais da Universidade de Vigo a Associaçao para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense, o Institut Français de la Vigne et du Vin, o Centro de Valorización Ambiental del Norte, a Universitat Politècnica de Catalunya, o Vignerons Bio Nouvelle Aquitaine, a Fundació Eurecat, a Universidade do Porto, así como as adegas Familia Torres, Jean Leon, Sogrape Vinhos e LBS (Gerard Bertrand).

Ademais, o consorcio contou co apoio técnico da consultora Artica Ingeniería e Innovación (artica+i). Por parte da UVigo participou a Área de Edafoloxía e Química Agrícola, do Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, sendo David Fernández Calviño o seu investigador principal en Coppereplace.

O proxecto, cuxo título completo foi “Desenvolvemento e implementación integral de novas tecnoloxías, produtos e estratexias para reducir a aplicación de cobre en viñedos e remediar solos contaminados na rexión Sudoe”, contou cun orzamento de 1,6 millóns de euros, recibindo un financiamento de case 1,17 millóns de euros por parte do Programa de Cooperación Territorial Europa Suroccidental (Interreg Sudoe), a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Como peche da súa actividade, os socios de Coppereplace reuníronse o pasado 22 de febreiro en Vilafranca del Penedés, no Vinseum. Na cita, cada un dos seis grupos de traballos do proxecto presentou os seus resultados para, a continuación, dar lugar a un espazo de debate no que se abordou a posible continuidade do proxecto, a súa relevancia a nivel internacional e algúns aspectos normativos estratéxicos para afrontar o futuro do uso do cobre en viticultura.

Menor pH, maior risco de danos ambientais

Entre estes seis grupos de traballo, o equipo da Universidade de Vigo foi responsable do grupo centrado na identificación de solos vulnerables á contaminación por cobre, analizando en total dez solos diferentes en función do seu pH e contido en materia orgánica. Este traballo enmarcouse e deu continuidade á liña de investigación da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da UVigo centrada nos impactos da aplicación de funxicidas de base cúprica sobre a calidade dos solos de viñedo.

Entre os resultados acadados en Coppereplace, David Fernández Calviño subliña que se identificou “que a vulnerabilidade dos solos de viñedo á contaminación por cobre é maior canto menor é o pH do solo”.

Tamén destaca entre as conclusións do traballo realizado desde a UVigo que “por riba de pH 7, os efectos do cobre sobre a biota do solo reducíronse significativamente” e que “os riscos de que o cobre acumulado nos solos de viñedo cause impactos sobre os organismos do solo ou que contamine as augas da contorna dos viñedos é moito maior en solos ácidos que nos neutros e alcalinos”.

A investigación desenvolvida desde o Campus de Ourense-Campus Auga tamén permitiu concluír que “o uso de bioadsorbentes que incrementen o pH e contido en carbono do solo, poden axudar a reducir os impactos do cobre sobre a biota do solo”.

Máis resultados

Entre os resultados máis relevantes dos demais grupos de traballo de Coppereplace, estivo a presentación de produtos potencialmente alternativos ao cobre e unha guía para a súa implementación sostible ou o desenvolvemento dunha nova patente que “permitirá unha mellor disposición e retención na superficie das plantas”.

Concretamente, Caroline Gouttesoulard, investigadora en protección da vide do Institut Français de la Vigne et du Vin, presentou na xornada de peche os ensaios técnicos realizados en campo e laboratorio para avaliar produtos alternativos ao cobre como axente de control das enfermidades da vide. Así, indicou que algúns dos produtos que mellor responderon foron formulacións alternativas ao cobre, como o gluconato de cobre (Glucosei) e o sulfato tribásico (Vicure) e reflexionou sobre a necesidade de continuar con este proxecto para comparar e ter “datos máis sólidos”.

Pola súa parte, a Universitat Politècnica de Catalunya, representada na xornada de peche polo catedrático Emilio Gil, liderou a actividade técnica centrada na optimización da distribución en spray de fitosanitarios concluíndo que o emprego de tecnoloxías innovadoras conxuntas (como o uso de mapas de vigor NDVI e as doses variables segundo o desenvolvemento vexetativo da planta ou o emprego de microcápsulas), poden axudar a aforrar produto (un 25%) e auga (un 20%) nas aplicacións para o mesmo nivel de control, traducíndose “nun beneficio económico e ambiental”.

Antonio Graça, director de I+D+i de Sogrape Vinhos SA, presentou o traballo realizado en desenvolvemento e implantación dun sistema de xestión integrada con doses baixas ou nulas de cobre, adaptado ás condicións de cada cultivo. Así, sinalou que, aínda que o cobre segue sendo esencial para a protección da vide, pode ser posible reducir as súas doses e que o gluconato de cobre en asociación con aceite esencial de laranxa amosou resultados prometedores en situacións de presión moderada de mildiu (resultados que, dixo, non poden estenderse a todos os escenarios climáticos, reforzando a importancia do contexto á hora de definir unha estratexia de protección fitosanitaria).

Do mesmo xeito, Cátia Santos, responsable del área de economía circular da Associaçao para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense, explicou as actividades de avaliación do impacto económico, ambiental e social das novas técnicas de redución do cobre nos viñedos realizadas en Coppereplace. As enquisas feitas, indicou, conclúen que “coas novas tecnoloxías aplicadas obsérvase unha optimización da aplicación, menos perda de produto e menos contaminación”, engadindo que a redución do cobre observouse ata nun 40% e podería chegar a un 60% con técnicas de precisión.

Por último, Mario de la Fuente, xerente da Plataforma Tecnológica del Vino, puxo en valor a rede de coñecemento creada arredor desta iniciativa dentro do sexto paquete de traballo e da que forman parte 26 entidades de carácter técnico e político dos tres países participantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información