O Sindicato Labrego Galego (SLG) requírelle a Medio Rural explicacións logo de detectar deficiencias no informe anual de execución do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR) correspondente ó ano 2019. En concreto, trátase dunha serie de medidas contempladas no PDR e que logo dun lustro, seguen prácticamente sen executar.
Corresponden a accións de formación, intercambio de coñecemento, asesoramento ás explotacións, desenvolvemento de mercados de venta directa ou estratexias de loita contra o cambio climático que, en conxunto, suman un orzamento que ascende a preto de 40 millóns de euros, que se poderían perder se non se xestionan debidamente, segundo a organización agraria.
Dende o Sindicato Labrego ven difícil que neste último ano se poida gastar todo o orzamento destinado para accións de transferencia de coñecementos e formación, cando apenas se investiron 2 millóns dende o 2014, dos 11.360.000 euros cos que se contaba. Recordan que no 2019 só se xestionaron 219.000 euros en formación profesional e adquisición de competencias, pero non se destinaron fondos para actividades de información e demostración ou en intercambios e visitas formativas. “Sen formación e información, o sector primario está morto”, afirman dende a organización agraria.
Máis de 15 millóns por gastar en asesoramento agrogandeiro
Outro dos apartados nos que o Sindicato Labrego detectou unha mínima inversión foi no caso dos servizos de asesoramento, xestión e substitución das explotacións agrícolas. Neste caso, dos 16.680.000 euros de orzamento dispoñibles segundo a organización agrarias só se gastaron 943.822 euros. “No Sindicato Labrego seguimos apostando por un asesoramento público, pero nestes momentos, coas oficinas agrarias comarcais desmanteladas, quen asesora ás granxas son os mesmos comerciais das empresas que lle venden insumos, co cal a imparcialidade non existe”, critican.
A falta de apoio a mercados locais é outra das eivas que detectaron. Denuncian que non chegou a realizarse investimento neste ámbito pese ós 4.520.000 euros dispoñibles para desenvolver canles curtas de distribución. Critican que non se incentivaran estes mercados de proximidade “cando parece que unha parte importante da sociedade está demandando este tipo de comercialización para realizar as compras de alimentos, suplindo o baleiro deixado pola Xunta con iniciativas persoais e a creación de grupos de consumo”, valoran.
Dende o Sindicato Labrego tamén recriminan que tampouco se aproveitaran os 4,5 millóns de euros destinados a accións para frear o cambio climático e proxectos medioambientais ou os 2,2 millóns de euros dispoñibles para plans de xestión forestal.
Falta de transparencia
A organización agraria reclama, ademais, maior transparencia por parte da Consellería de Medio Rural na xestión dos fondos destinados á prevención de lumes forestais. Solicitan coñecer que parte dos 30,5 millóns de euros que se destinaron durante o ano 2020 ó plan de prevención contra incendios forestais están financiados con fondos deste PDR e en que tipo de accións se gastaron.
“Un ano máis, a política de prevención de incendios está a resultar desastrosa, polo que vemos necesario fiscalizar en que medidas concretas se están a investir eses cartos e cantos recursos se lle están a detraer ao Plan de Desenvolvemento Rural, cunha dotación para estes fins de 160 millóns de euros, da que se gastaron 22 millóns en 2019, e da que xa se levan gastados máis de 90 millóns dende 2014 con escasos resultados en materia de prevención”, valoran.
Previsión de gastos
Ante este informa anual, o Sindicato Labrego tamén lle solicitou á Consellería que concrete os fondos que prevé queden dispoñibles a finais deste ano, así como se haberá fondos suficientes para cubrir as axudas temporais excepcionais, no marco Feader, en resposta á pandemia do coronavirus. Ó mesmo tempo, dende a organización agraria inciden na importancia de garantir liñas de axudas como as adicadas á mellora do rendemento global das explotacións, a incorporación de gandeiros mozos, as dirixidas a pequenas explotacións, a medidas agroambientais, a conversión e mantemento de agricultura ecolóxica, así como as adicadas a zonas desfavorecidas de montaña e rexións con limitacións naturais.