A Rede do Rural presenta nova web para fomentar a colaboración dende o rural

Contan xa con máis de 400 persoas e colectivos diversos adheridos. Procuran consolidar o intercambio de experiencias a través do portal dixital para fomentar as iniciativas dende o rural galego

A Rede do Rural presenta nova web para fomentar a colaboración dende o rural

A Rede do Rural acaba de lanzar a súa nova web que pretende ser un punto de encontro entre colectivos.

A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, coñecida popularmente como a Rede do Rural, acaba de presentar a súa nova web, rededorural.org. Este espazo busca ser un chanzo máis para xerar conciencia,  fomentar o desenvolvemento e preservar o rural galego, obxectivo inicial desta comunidade, que conta con máis de 400 persoas e colectivos de diversa índole adheridos.

Levan xa 4 anos traballando na organización desta rede de colaboración que pretende agrupar e comunicar a todas aquelas persoas, colectivos e entidades que reivindican o rural galego dende distintos eidos. Precisamente, un dos obxectivos polo que están a traballar é lograr unha nova Estratexia Integral de Desenvolvemento Rural por parte da Xunta, ferramenta que consideran moi necesaria para asegurar a continuidade do rural e atallar eivas como o despoboamento e o abandono que leva anos producíndose e ameazando ás aldeas galegas.

A educación é outro dos piares fundamentais desta rede, xa que os colectivos relacionados co ámbito educativo como asociacións de mestres ou de pais e nais do alumnado foron dos promotores da iniciativa. Ademais, un dos proxectos polos que están a traballar é un Anteproxecto de Plan Específico de Educación para o Rural.

Asembleas en todo o territorio

A rede funciona por medio de asembleas abertas que se van convocando por todo o territorio rural galego. A páxina web pretende ser unha ferramenta máis para coordinar e procurar crear novos grupos territoriais, ofrecendo apoio ós xa creados. “Estamos traballando por encher de contido a páxina e buscamos que sexa un xeito de poñer en contacto á xente”, comentan os promotores da Rede.

A situación actual tamén está a dificultar esta colaboración máis presencial e, de feito, algunhas das últimas asembleas organizadas na Rede leváronse a cabo de xeito telemático. Porén, pretenden que a web sexa unha ferramenta para aproximar e poñer en contacto colectivos e persoas que logo colaboren non só de xeito virtual.

Na Rede do Rural avogan por un enfoque plural para a defensa do rural afastado de partidismos, para evitar que as discrepancias políticas entre os participantes boten por terra a súa principal reivindicación. “Buscamos dignificar e dinamizar o ámbito rural en tódolos aspectos, de xeito comunitario, interxeracional e coa debida revalorización da cultura popular”, sinalan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información