Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas enganchadas

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas enganchadas

As árbores que quedan enganchadas ou apoiadas noutras próximas tras seren cortadas sole ser unha situación habitual e que implica un elevado risco para as persoas que participan nas labores forestais.

Neste sentido, a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), ten a disposición do sector unha práctica guía sobre “Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas enganchadas”.

A) Recomendacións xerais para evitar que as árbores quedan apoiadas ou enganchadas:

• Planifica correctamente os traballos.
• Emprega procedementos seguros e axeitados para a corta polo pé.
• Se malia todo acontecese que, ao derrubar unha árbore, esta queda apoiada sobre outra árbore, derrúbaa canto antes, utilizando sempre un procedemento de traballo seguro.

Extrema as precaucións en situacións tales como:

• Leiras nas que xa existen árbores apoiadas/enganchadas debido a derribas por ventos etc.
• No momento de comezar un aproveitamento manual dunha leira polo interior da masa forestal debido a distintas causas (presenza de edificacións, estradas, liñas eléctricas, danos a leiras colindantes etc).
• En tarefas de corta manual con motoserra durante un aproveitamento debido a erros de planificación, execución incorrecta de técnicas de corta polo pé etc.
• En traballos de clara/entresaca cando se realiza a corta polo pé de xeito manual.

B) Recomendacións específicas:

As tarefas que realices para desenganchar unha árbore apoiada, poden desencadear situacións perigosas, polo que debe procederse con extremo coidado.

Libera as árbores enganchadas/apoiadas en canto sexa posible. Deixar unha árbore enganchada/apoiada supón un perigo importante para todo o que acceda a esa zona.

Traballos previos:

• Non transites, nin traballes na zona de influencia de caída da árbore enganchada, mentres non se realice a corta polo pé segura da árbore.
• Avisa a todo o persoal da localización da árbore enganchada.
• Asegúrate de que ninguén entre na zona de influencia de caída da árbore.
• Revisa a existencia de pólas inseguras na zona de traballo.
• Avalía con detalle as posibles traxectorias de caída da árbore para elixir o método de corta máis seguro.
• Non abandones o monte sen delimitar a zona de influencia de caída da árbore enganchada (p.e. con cinta de alta visibilidade).

Derriba de árbores:

No caso de árbores que consideres que poidas voltear manualmente con seguridade, lembra:

ISSGA ARBORES ENGANCHADAS 1-Corta a bisagra, empezando polo seu centro e mantendo unha pequena parte desta no lado sobre o que queres que vire a árbore.

-Con axuda dunha panca de derriba, empuxa en dirección contraria a onde te atopas, tal e como se observa na imaxe.

Cando teñas que utilizar medios mecánicos, selecciona o máis axeitado en función das condicións do lugar de traballo, do arboredo, e as limitacións da maquinaria:

– Guindastre máquina de saca/procesadora
– Cabrestante máquina de saca/procesadora
– Cabrestante manual ou tráctel

Engancha a árbore pola parte inferior do tronco (o máis abaixo posible) e tira dela ata que caia ao chan.

Os operarios que participen na operación situaránse fóra da zona de perigo (zona de caída da árbore a derrubar e zona de alcance en caso de rotura do cable).

Recoméndase o uso de cabrestantes manuais de corda en lugar dos de cable, para evitar os perigos derivados da rotura do cable.

C) Lembra:

ISSGA ARBORES ENGANCHADAS 2 ISSGA ARBORES ENGANCHADAS 3

-NUNCA cortes unha árbore sobre a que hai outra enganchada/apoiada.
-NUNCA permanezas/transites na zona de influencia da árbore enganchada/ apoiada se non é para abatela de xeito seguro.
-NUNCA derrubes unha árbore sobre outra árbore enganchada/apoiada.
-NUNCA gabees por unha árbore enganchada/apoiada para intentar baixala ao chan

E sobre todo, NUNCA TRABALLES DE XEITO ILLADO NO MONTE

Descarga aquí a guía completa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) sobre “Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas enganchadas”

Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información