Leiras nas que noutros tempos se cultivaban patacas, millo, trigo ou nas que pacía o gando e que agora fican abandonadas ou se transformaron nunha plantación forestal. É unha estampa de sobra coñecida e que dá conta da situación actual da terra agraria en Galicia. Hoxe, só a quinta parte do territorio está adicado a cultivos ou pasto e polo menos outro tanto está abandonado, ao que hai que sumar masas arboradas sen xestión. Pero, como chegamos ata aquí? E o máis importante, como saímos desta? Pode ser de utilidade para afrontar esta situación a nova lei de recuperación da terra agraria de Galicia?
Estas foron algunhas das cuestións que abordou o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Edelmiro López Iglesias durante a súa participación nunha recente xornada organizada pola Consellería de Medio Rural sobre a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.
A superficie arborada case se triplicou dende mediados do século XX e abarca 1,4 millóns de hectáreas mentres que as terras de cultivo ocupan agora só o 21% do territorio
Nos últimos 60 anos producíronse importantes cambios nos usos dos solos que foron transformando a paisaxe agraria en Galicia. López puxo sobre a mesa algunhas das cifras que dan conta desta realidade. Por unha banda produciuse un forte retroceso do espazo agrogandeiro, tanto é así que hoxe as terras dedicadas a estes usos ocupan só o 21% da superficie, unhas 622.000 hectáreas, fronte a 1.570.000 hectáreas de terras de cultivo ou de pastos que había a mediados do século pasado.
Ó mesmo tempo, incrementouse a superficie de arborado, pasando de 540.000 hectáreas a 1.400.000 hectáreas, o que supón preto do 50% do territorio. Aumentou aínda máis a superficie de terra abandonada debido, en gran medida, ó cese de actividade agraria e gandeira e á desaparición dos usos tradicionais das terras de monte. Así, temos hoxe un mínimo de 600.000 hectáreas de monte de mato ou abandonado, nas que medra de forma incontrolada a vexetación.
Máis de 1,7 millóns de propietarios de terra
López sinala que unha das principais causas detrás desta situación é a acusada división da propiedade da terra en Galicia e a súa desconexión da xestión das superficies, unha situación que levamos décadas arrastrando e que se agudizou nos últimos tempos. Os datos manexados no 2020 apuntan a que 1,73 millóns de galegos son propietarios de terra, en concreto teñen unha media de 1,6 hectáreas de terreo agrario ou forestal repartidas en 5 ou 6 parcelas. “Todo galego adulto é propietario de terra ou acabarao sendo”, sinala o experto.
“Todo galego adulto é propietario de terra ou acabarao sendo”
A forte división da propiedade contrasta coa acelerada caída de man de obra na agricultura. “En Galicia tivemos unha abrupta e tardía desagrarización, nós afrontamos en 60 anos un fenómeno que noutros países de Europa se repartiu en máis de século e medio”, indica Edelmiro López. Reduciuse nun 95% a man de obra do sector agrario e isto trouxo tamén un declive da economía e a demografía do rural, así como unha crecente desagrarización do medio rural.
“Na actualidade, a maioría dos propietarios das terras e da poboación do rural está desvinculada da xestión da superficie agraria ou forestal”, explica o profesor. Contrasta que fronte ó 1,73 millóns de propietarios, en Galicia apenas se contabilizan unhas 76.400 explotacións vinculadas ó sector agrario e delas só unhas 30.000 teñen unha actividade relevante. “Tres colectivos (persoas que viven no rural, propietarios das terras e persoas ou empresas interesadas no seu aproveitamento) que historicamente coincidían no rural, cada vez fano menos”, apunta.
Neste punto agroma tamén un dos retos que sinala López e ó que debe facer fronte a nova norma: conseguir un marco legal que aporte un novo equilibrio entre propietarios e usuarios (tanto activos como potenciais) que priorice o aproveitamento axeitado da superficie en base a unha ordenación de usos fronte ós dereitos da propiedade, sobre todo por parte daqueles que non utilizan a terra.
Vinculado a esta redución da man de obra, o abandono das terras e a falta de mobilidade das terras agrarias derívase a intensificación da actividade gandeira, sobre todo no sector leiteiro. Estes cambios son tamén determinantes para comprender o que acontece en boa parte de Galicia onde hai unha gran demanda de terra, como ocorre nas comarcas gandeiras da Coruña, Lugo e nordeste de Pontevedra.
As 3 Galicias rurais e os 3 tipos de propietarios
Para comprender a situación actual da terra agraria de Galicia, López bota man dunha clasificación acuñada polos investigadores Eduardo Corbelle e o finado Rafael Crecente. Os autores apuntan a que na comunidade se identifican 3 Galicias rurais, con características diferenciadas e que tamén cómpre ter presente á hora de abordar a xestión e estruturación da terra para poder atender ás súas necesidades.
“Precisamos ter presente a diversidade de situacións e problemáticas do rural galego, porque pouco se parece a situación e as necesidades das comarcas leiteiras coas zonas despoboadas de Ourense”
Constatan un rural urbanizado e forestado, que se estende polo Eixo Atlántico e outras áreas costeiras e periurbanas. Existe un rural activo, onde a terra está destinada sobre todo a un uso agrogandeiro, de cultivo e pastos; e por último apréciase un rural abandonado, onde predomina o mato e a masa forestal de crecemento espontáneo e sen ningún tipo de xestión.
A estas realidades engádense tres perfís de propietarios da terra. Por unha banda, atópanse as terras en mans de propietarios individuais que desenvolven unha actividade agrogandeira, trátase dunhas 864.000 hectáreas. Mentres, arredor dun 1,1 millóns de hectáreas de terra pertencen a propietarios desvinculados do sector primario e outras 665.000 hectáreas están nos montes veciñais. “Se combinamos os tipos de propietarios e as 3 Galicias rurais temos alomenos 9 tipos de situacións que requiren políticas diferentes. Precisamos ter presente a diversidade de situacións e problemáticas do rural galego, porque pouco se parece a situación e as necesidades das comarcas leiteiras coas zonas despoboadas de Ourense”, resalta López Iglesias.
Os lumes de 2017, un factor clave
Nunha análise propia sobre a evolución das políticas de xestión e estruturación do territorio levadas a cabo nas últimas décadas, López apunta varios feitos significativos para comprender como chegamos a ter esta situación actual das terras. Unha revisión das actuacións nesta liña na segunda metade do século XX amosa como os procesos de concentración parcelaria foron case as únicas accións impulsadas. “Tiveron efectos positivos, pero limitados, cun custo elevado e foron lentas e pouco racionais en ocasións, iso levou a que foran os mercados agrarios e forestais os que determinaron a evolución das estruturas e os usos do solo”, explica López.
Un dos puntos de inflexión para o experto chega coa posta en marcha de novos instrumentos e políticas entre 2006 e 2009 como o Banco de Terras no 2007, creado para impulsar a mobilidade das terras agrarias e que contemplaba sancións para as propiedades abandonadas. Tamén destaca nestes cambios a lei de prevención de incendios forestais, dese mesmo ano; ou a creación das chamadas Uxfor, Unidades de Xestión Forestal conxunta. Pese a seguir activos boa parte deles -Non as Uxfor-, López sinala que a falta de impulso real da súa aplicación fixo que non chegasen a ter os efectos que se agardaba destas ferramentas.
“Os incendios puxeron de manifesto os límites dunha política centrada na extinción e a necesidade de abordar as causas estruturais dos lumes”
A vaga de lumes que arrasou Galicia no 2017 supón para López un dos factores desencadeantes dos cambios recentes anunciados nas políticas agrarias e forestais. “Os incendios puxeron de manifesto os límites dunha política centrada na extinción e a necesidade de abordar as causas estruturais dos lumes”, sinala. As conclusións aprobadas no 2018 na Comisión Parlamentaria sobre os incendios xa non centran o foco só nos incendios, senón que os vinculan cos problemas estruturais do medio rural, en particular co abandono de terras e as deficiencias na xestión do territorio.
Para López, a nova Lei de recuperación da terra agraria é a plasmación dese xiro nas políticas de estruturación e xestión do territorio e ven completar un ciclo de ida e volta para retomar medidas que, segundo el, quedaran en suspenso nas prioridades políticas dende 2009.
Destaca que esta lei preséntase como unha “caixa de ferramentas” útil coa que poder afrontar a reestruturación da terra, pero que chega con 10 anos de atraso, onde os problemas se foron agravando e queda pendente que realmente se leve á practica e se axusten as liñas de axuda e programas cos instrumentos desta nova norma.
Magnífico o análise do Profesor como sempre, gran coñecedor do mundo rural galego.
De acordo con toda a súa análise e quixera apuntar unha suxerencia máis para intentar remendar algo máis a situación do noso rural.
Eu vivo no rural, traballei e traballo no rural e son propietario de terras nunha zona de intensidade gandeira e próxima a zonas onde esa intensidade xa descendeu e prima o forestal. Teño claro que a intención dos creadores do banco de terras e das uxfor foi boa pero na práctica vexo que non funciona. Onde hai demanda de terra para gandería non é necesario banco de terras porque o precio e a interés polas terras a alugar é moi superior ao do banco e onde aparecen fincas no banco non hai interés por proximidade e valor agronómico, ás veces, das parcelas.
A concentración parcelaria resulta cara a todos -faise cos imposto de todos- e sobre todo lenta, moi lenta, para o que son as demandas de terra das explotacións máis dinámicas que necesitan facer unha programación de cultivos e xa non falemos do lio da tramitación das axudas da PAC.
A ordenación do territorio é fundamental sempre que se faga cumprir, cousa que en moitos lugares tan so se está empezando, facendo manter distancias de plantacións a cultivos, e no mellor dos casos instando á corta das plantacións se non son legais, e se están feitas despois da entrada en vigor da lei do 2012 (porque as anteriores ainda quedarán uns anos máis)
Entón que máis se pode facer? Pois eu vou propoñer outra medida que xa se ten valorado seguro en distintos ambitos de toma de decisións e que creo que NUNCA sairá adiante sobre todo porque o político que se atreva a formulala será denostado de por vida. Deberíase facer unha reforma do imposto de bens inmobles de naturaleza rústica GRAVANDO ás parcelas de menor superficie e que se encontren en estado de abandono, ou polo menos non cultivadas co uso que corresponde según a calificación do suelo, e en menor medida as que son parcelas grandes e productivas que estas xa contribúen á riqueza do pais. E falo con coñecemento de causa: eu teño parcelas de monte de pequenas dimensións que non me molesto nin ir a velas porque sei que non son productivas, a ningún lindeiro lle interesa mercar nin permutar e ademáis NON ME COSTA NADA TELAS, porque o imposto de rústica que pago calcúlase polo valor catastral das parcelas máis grandes. Se me costase 1,2,3….X euros ao ano xa me encargaría de desfacerme delas, eu e todos os outros nas mesmas condicións. Xa se concentraría así a propiedade, en mans de alguén que decida xuntalas e traballalas ou subsidiariamente en mans públicas.
Axilidade e gratuidade nos trámites administrativos de trnsmisión de propiedade, ordenación efectiva do territorio e unha fiscalidade adecuada serían os tres pés nos que se debería basear a reestructuración da propiedade rural galega, canto antes, se non é tarde xa en moitos lugares do Pais.
Non me quero apropiar da idea, nin moito menos, pero algúnha vez xa a teño escoitado a moi bos coñecedores do noso mundo que foron moi pouco agradecidos.