Quiroga exalta este fin de semana o seu viño da Ribeira Sacra

Publicidade
Quiroga exalta este fin de semana o seu viño da Ribeira Sacra

A localidade lucense de Quiroga exalta este fin de semana os seus viños da Ribeira Sacra na súa XXXV Feira do Viño, centrada especialmente nos viños artesáns que elaboraran en pequenas producións os veciños deste concello.

Dende o día 6 e ata o 14 estase a celebrar tamén o Concurso de Tapas entre diferentes establecementos hostaleiros da vila. Entre os clientes que cubran unha tarxeta farase un sorteo no que optan a distintos premios: 300 euros en metálico, estancias en aloxamentos da Ribeira Sacra, ceas para parellas e cestas de produtos da comarca.

Este venres 14, ás 17:00 horas terá lugar a XIII Carreira popular “Feira do Viño”, na que está inscritos máis de 400 persoas. Tamén se teñen en conta aos máis pequenos que ás 16:15 horas un percorrido simbólico antes dos maiores.

Programa do sábado e domingo

Ao longo da fin de semana poderanse degustar no recinto feiral os viños dos colleiteiros e adegas de Quiroga.

O sábado ás 11.45 horas terá lugar a inauguración no recinto feiral a cargo de Xosé Lois Foxo, director e fundador da Escola de Gaitas e da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense  e a continuación terá lugar o “Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas”. Pola tarde amenizarán o recinto feiral a Banda de Gaitas San Martiño e o grupo tradicional Os Palletas.

A partir das 18.00 h. está prevista a recepción de autoridades no Museo Etnográfico e unha gala no Auditorio Municipal coa presenza da Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de gaitas San Martiño e os grupos de danza “San Martiño” e “Arume da Queiruga”. No mesmo acto farase entrega dos premios do XIII Certame “Cartas de Amor Vila de Quiroga”.

E para a noite, terá lugar o pregón a cargo da actriz Eva Isanta Foncuberta (Maite Figueroa, “La Cuqui” da serie de Telecinco “La que se avecina”). O xornalista Xosé Manuel Orriols fará a presentación previa ao pregón e despois farase entrega dos premios do “Concurso de Camisetas” con motivos humorísticos e retranqueiros arredor do viño.

Para o domingo, alborada e animación no recinto feiral a cargo do grupo tradicional local “Os do Recanto”, recepción de autoridades no Concello e entrega de trofeos aos colleiteiros participantes na mostra. Pola tarde amenizará a charanga Europa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información