Queixas en Friol pola demora nas concentracións parcelarias, solicitadas hai 12 anos

Queixas en Friol pola demora nas concentracións parcelarias, solicitadas hai 12 anos

José Ángel Santos Sánchez, alcalde do municipio lucense de Friol

O alcalde do concello lugués de Friol, José Ángel Santos, esíxelle á Consellería de Medio Rural que acometa de inmediato a concentración parcelaria da parroquia de Seoane e o núcleo de Mundín.

En 2007, os veciños da parroquia de Seoane xuntáronse para dar un paso importante en materia de reestruturación da propiedade solicitando á Consellería de Medio Rural, a concentración parcelaria no seu territorio, afectando a uns 75 veciños.

A superficie de toda a parroquia suma 370 hectáreas, das cales o 95% destínanse a uso agrícola e gandeiro, sendo nesta zona a actividade gandeira a única fonte de ingresos para as familias afectadas. Na actualidade están rexistradas 22 explotacións gandeiras, das cales 14 están destinadas a vacún de carne e 8 a produción de leite, cun total de 600 reses. Estas 22 granxas son o sustento de 40 familias nesta parroquia.

Nos últimos anos, as explotacións desta zona fixeron un importante esforzo de transformación e modernización para ser máis competitivas, renovando instalacións, parque de maquinaria, aumentando o número de cabezas por explotación, etc, o que foi un investimento sen precedentes nesta área, aproximadamente 11.000.000 de euros.

Ademais, incorporáronse ao sector agrícola 12 mozos que esperaban poder amortizar os investimentos realizados, dimensionando as súas explotacións e cumprindo así cos compromisos adquiridos cando solicitaron a axuda.

Sen embargo, o alcald de Friol denuncia que “estes compromisos son case imposibles de cumprir debido ao minifundio existente nesta parroquia, con pequenas parcelas nas que non é posible desprazar o gando ao pastoreo”. Ademais, a transferencia que se realiza é por vía pública, co conseguinte perigo tanto para o gando como para os usuarios destas vías, que a diario corren riscos completamente innecesarios e evitables acometendo a concentración.

Os veciños da parroquia de Seoane e do núcleo de Mundín reiteraron continuamente a súa preocupación e descontento pola falta de interese da Consellería do Medio Rural en relación coa concentración parcelaria desta zona, que está paralizada e é a panca esencial para que este sector subsista e sexa competitivo, podendo así atender ás demandas actuais do mercado.

Unha concentración parcelaria solicitada hai 12 anos

Segundo o alcalde José Ángel Santos, do Partido Popular de Galicia, “a inacción do conselleiro do Medio Rural para levar a cabo esta concentración parcelaria, só pendente dun decreto, é incomprensible tanto para min como para estes veciños, que ven perigar a continuidade das súas explotacións, polas que apostaron con todo o seu esforzo persoal e económico sendo o seu único modo de vida”.

O alcalde considera inxustificable que a Consellería do Medio Rural non actúe para levar a cabo un expediente de consolidación territorial e reestruturación da propiedade, solicitado hai 12 anos, imprescindible para o desenvolvemento da zona que o demanda, e que conta con todos os informes e trámites necesarios para o seu decreto e posterior execución.

Por este motivo, o alcalde esíxelle ao titular de Medio Rural, José González, o desbloqueo inmediato desta situación, axilizando o expediente desta demandada e necesaria concentración parcelaria, para que se faga realidade, xa que é fundamental para as 40 familias que actualmente viven do sector agrícola gandeiro nesta zona e, polo tanto, o Concello estará á espera de que se decrete esta concentración nos próximos días e comecen os traballos necesarios para acometer esta demanda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información