Que viños compraron os españois no supermercado no ano da Covid19 ?

Publicidade
Que viños compraron os españois no supermercado no ano da Covid19 ?

A compra de viño con Denominación de Orixe Protexida (DOP) na canle alimentación (tendas, mercados, supermercados…etc) disparouse durante 2020 debido ao Covid19, crecendo un 32% en volume de vendas, que no caso dos brancos chegou ao 47%. Os principais incrementos rexistráronse durante os meses de abril e maio, nos que a hostalaría permaneceu pechada ao público.

Son datos publicados esta semana polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv), a partir da análise dos datos do panel de alimentación publicados recentemente polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

En xeral, as compras de viño na canle de alimentación española creceron de forma notable durante os 9 primeiros meses de 2020, tanto en termos de volume (+22,4%) como de valor (+24,8%), até alcanzar os 303,6 millóns de litros e os 856,5 millóns de euros.

viños alimentacion 2020 oemv volume

Respecto ao mesmo período de 2019, as compras aumentaron en 55,5 millóns de litros e en 170 millóns de euros, cun prezo medio que subiu un 1,9% até os 2,82 euros/litro (+5 céntimos).

Os viños tintos, brancos e rosados con DOP creceron de forma espectacular na alimentación española no acumulado de xaneiro a setembro tanto en valor como en volume. Así, en volume as súas vendas en alimentación creceron o 35%, até alcanzar os 126,7 millóns de litros e os 517,5 millóns de euros. Estas cifras supoñen o 41,7% do volume e o 60,4% do gasto total en alimentación.

Desta forma, o viño con DOP estivo a piques de superar ao viño tranquilo sen indicación como o viño máis demandado en volume (si o supera xa no período interanual), mentres que consolida o seu liderado en valor, cun prezo medio de 4,08 euros/litro, apenas 4 céntimos inferior ao rexistrado nos 9 primeiros meses de 2019.

O tinto é o viño con DOP máis demandado con 85,3 millóns de litros e 360 millóns de euros, cifras que supoñen subidas que roldaron o 26%, a un prezo medio estable (de 4,19 a 4,21 euros/litro). O tinto representou preto do 70% das compras de viño con DOP, aínda que creceu por baixo de brancos e rosados: o viño branco con DOP incrementou as súas vendas nestes 9 meses un 47%, até os 33,7 millóns de litros e os 136,7 millóns de euros, a un prezo medio tamén estable (de 4,06 a 4,05 ?/litro). Por último, o rosado con DOP baixou de prezo na canle alimentacíon un 15,2% (de 3,26 a 2,77 euros/litro), polo que as súas compras creceron máis en volume (+76,3%) que en valor (+49,5%), até os 7,8 millóns de litros e os 21,2 millóns de euros.

O viño tranquilo sen DOP nin IXP creceu menos que a media, até os 131 millóns de litros (+18,8%) e os 177,4 millóns de euros (+16,4%), o 43% do volume e o 20,7% do gasto total. O seu prezo medio baixou un leve 2% até os 1,35 EUROS/litro (-3 céntimos).

viños alimentacion 2020 oemv valor

Por outra banda, un bo mes de setembro mellorou a evolución acumulada do viño con Indicación Xeográfica Protexida (IxP), cuxas compras en alimentación creceron un 9,4% en volume e un 16,2% en valor, até rozar os 20 millóns de litros e superar os 50 millóns de euros. O seu prezo medio subiu un 6,2% até os 2,51 euros/litro.

O cava e outros espumosos con DOP mantivéronse estables en prezo, con 4,77 euros/litro, crecendo por tanto de forma similar en valor e volume, case un 19%, até os 15,2 millóns de litros e os 72,6 millóns de euros.

O viño de licor creceu máis en valor (+18%) que en volume (+11%) ao subir o prezo medio un 6,3% até os 3,66 euros/litro. As súas compras situáronse nos 9,4 millóns de litros e nos 34,4 millóns de euros.

Por último, destacar a forte caída do viño de agulla, que sitúa as súas compras en apenas 1,4 millóns de litros e 4,7 millóns de euros.

Por outra banda, destaca a boa marcha das bebidas con viño, categoría que inclúe tintos de verán, sangrías e aromatizados e cuxas compras aumentaron nestes 9 meses un 14,2% en volume e un 25,8% en valor, até os 69,3 millóns de litros e os 117 millóns de euros. O seu prezo medio subiu un 10% até os 1,69 euros/litro (+16 céntimos).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información