“Que nos digan que a axuda de incorporación é de 14.000 euros e non de 20.000”

José Ramón, un mozo gandeiro de Tordoia conta como o cambio de criterio da Axencia Tributaria sobre as axudas de incorporación fixo que pasase de pagar 330 euros na Declaración da Renda a máis de 6.000

“Que nos digan que a axuda de incorporación é de 14.000 euros e non de 20.000”

Establo novo que construíu José Ramón coa axuda de incorporación

A Axencia Tributaria aumentou este ano a fiscalidade e as sancións ás axudas de incorporación de novos agricultores. Facenda considera estas axudas como unha subvención corrente e non como unha axuda de capital, o que fai que os mozos incorporados teñan que tributar ata 6.000 euros por unha axuda que rolda os 20.000.

José Ramón, un mozo gandeiro de Tordoia (A Coruña) de 30 anos é un dos afectados. Explica que “incorporeime en maio de 2014 a unha explotación de vacún de leite do meu tío e solicitei a axuda, que a Consellería do Medio Rural non me ingresou ata novembro de 2015”.

“A axuda de 20.000 euros investiuse na construción dun novo cortello e na compra de gando para ampliar o rabaño ata 80 cabezas, das que 45 son vacas en muxido”, asegura.

Con todo, este ano na Declaración da Renda atopouse coa sorpresa de que Facenda lle reclama pagar 6.000 euros, ao considerar a axuda como un ingreso particular que non declarou e non unha subvención vinculada ao investimento na explotación gandeira.

“É dicir, se na declaración correspondente a 2014 saíume a pagar 330 euros agora teño que devolverlle a Facenda máis de 6.000 euros”, denuncia.

Ademais, José Ramón critica que “me obriguen a declarala no mesmo ano en que a axuda veu aprobada, non cando a cobrei”, xa que de sabelo adiantaría compras para reducir a cantidade para devolver.

Este mozo gandeiro denuncia tamén a disparidade de criterios entre as delegacións da Axencia Tributaria á hora dos prazos de pago da tributación por estas axudas. “No caso da delegación de Carballo, á que estou adscrito, obríganme a declarar os 20.000 euros de axuda no mesmo ano en que veu aprobada, mentres que na de Santiago permiten declarar a axuda ao longo dos 5 anos en que a Xunta obriga a manter a actividade agraria, co que o pago dos 6.000 euros repártese e faise máis asumible”.

Por último, José Ramón, que recorreu a decisión da Axencia Tributaria, considera un engano que “desde a Xunta dígasenos que nos dan unha axuda de 20.000 euros para incorporarnos, porque en realidade o que nos conceden é unha axuda de 14.000 euros”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información