‘Que foi do ‘catastrazo’ nos Concellos de Galicia?’

Artigo de opinión do responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, quen subliña que só un 23% dos municipios aplicaron bonificacións do IBI de rústica

‘Que foi do ‘catastrazo’ nos Concellos de Galicia?’

A suba do IBI de rústica penalizou principalmente a agricultores e gandeiros.

Dos 313 Concellos galegos, a día de hoxe unicamente teñen bonificado o Imposto de Bens Inmobles ou IBI de rústica a penas 72, estando por tanto sen bonificar o recibo anual “da contribución” rústica en 241 Concellos, pese ás promesas de aplicación de reduccións e bonificacións fiscais feitas por moitos deles nos últimos anos. Falamos polo tanto de que a penas o 23% dos Concellos galegos teñen bonificación.

Isto quere decir que actualmente neses 241 concellos non bonificados (o 77%), as explotacións agrarias están a pagar todos os anos a subida do popularmente chamado “Catastrazo”, ou revisión catastral realizada en Galicia entre os anos 2013 e 2018. A revisión supuxo que granxas, naves, e outras instalación do rural, que ata ese momento estaban exentas do pago da contribución, comezaran a tributar.

Este proceso foi un claro intento do Ministerio de Facenda de sanear as contas dos Concellos a través da revisión e suba dos bens do Catastro de Urbana e Rústica en toda España en xeral, e nos concellos de Galicia en particular. Deste xeito, aumentaron significativamente os pagos do IBI das explotacións gandeiras a través da valoración catastral dos elementos construtivos dos produtores, tales como naves, establos, ou galpóns.

Tanto é así que Facenda pasou en Galicia de recadar 9.455.201 euros en concepto de catastro de rústica no ano 2013 a nada menos que 18.828.578 millóns de euros no ano 2019. Estes nove millón de euros adicionais saíron fundamentalmente dos petos dos agricultores e gandeiros naqueles Concellos onde non se teñen aplicado as bonificacións.

En total, desde que se iniciou a revisión do IBI de rústica no 2013, pódese calcular que Facenda recadou uns 40 millóns de euros adicionais na comunidade.

“Desde que se iniciou a revisión catastral, Facenda recadou 40 millóns de euros adicionais en Galicia, principalmente a cargo de agricultores e gandeiros”

Campaña informativa
Unións Agrarias, conxuntamente con Ventonoso, iniciou no ano 2015 unha campaña informativa concello por concello, onde advertía aos titulares das explotacións agrarias do inicio do procedemento e do impacto que tería nas súas rendas. Unións insistía na necesidade de que as revisións catastrais efectuadas se axustasen á realidade, dado que se estaban a dar moitos erros ao catalogar moitas instalacións de uso agrario como almacéns de uso urbano, tendo consecuencias na valoración e nas posibles bonificacións.

Igualmente daquela recomendaba aos veciños a que instaran aos Concellos a dúas medidas. Primeira, aplicación de cotas mínimas de liquidación do 0.3% (a Lei permitía ata o 0.9%), e segunda, bonificacións do 95% sobre o importe resultante. Ambas medidas estaban previstas na propia Lei e a súa aplicación dependía exclusivamente da vontade dos Concellos (salvo os que estiveran inmersos nun proceso de rescate financieiro).

Resultado da revisión catastral
Se non se aplicase ningunha medida de bonificación, a un establo que trala revisión catastral pasase a ter un valor catastral de 100.000 euros, corresponderíalle un recibo de 900 euros cada ano co 0,9% de cota. Non obstante, de aplicarse as recomendacións de Unións Agrarias, ese valor coa cota do 0.3% pasaba a 300 euros de recibo, e ao aplicarse o a bonificación do 95%, pasaba a un recibo de contribución anual de a penas 15 euros.

Pero como se vén de explicar, estas recomendacións, pese a moitas promesas electorais, foron asumidas ata o de agora por a penas 72 Concellos do rural, quedando 241 Concellos galegos onde se está a aplicar o recibo da contribución con todo rigor ás instalacións agrarias (naves, galpóns, invernadeiros), cando poderían estar reducindo as cotas e bonificando as taxas ata o 95%. Para iso, sería suficiente coa publicación dunha Ordenanza Municipal que así o dispuxera.

Posibilidade de bonificacións onde non se implantaron
No escenario actual que está a pasar o rural galego, agravado como consecuencia dos efectos da pandemia da Covid19, parece un bo momento para retomar as demandas dun alivio da presión fiscal daqueles Concellos que ainda non puxeron estas medidas en marcha, e que como se vén de salientar, son a maioría dos Concellos do rural galego.

“É posible aprobar ordenanzas fiscais municipais ao longo deste ano para que novas bonificacións entren en vigor no 2022”

Así, por provincias na Coruña teñen Ordenanza Municipal de Bonificación 29 Concellos dun total de 93, en Lugo son 26 Concellos de 68 os que teñen bonificación, en Ourense apenas 5 Concellos de 92, e en Pontevedra son 12 de 61 Concellos os que teñen Ordenanza Municipal de bonificación. É tamén de salientar que moitos destes Concellos nos que non se aplicaron bonificacións son algúns dos máis importantes en actividade gandeira da súa provincia.

Qué facer entón nos Concellos onde non hai bonificación?. Pensamos que os profesionais do agro e os veciños deberían de trasladarlle formalmente ao Concello a solicitude para que a poñan en marcha ao longo do presente ano, aprobando a Ordenanza Fiscal Municipal correspondente, de xeito que poidera entrar en vigor xa na vindeira campaña tributaria.

Hai por tanto ainda amplo marxe no rural galego para que os Concellos asuman unha carga impositiva xusta sobre os profesionais do agro, pasando das palabras e as promesas aos feitos, e procedendo á posta en marcha das Ordenanzas Municipais que permitan colaborar coa recuperación do agro, reducindo os impostos na mesma medida que os Concellos que xa teñen posta en marcha estas medidas de xustiza e equilibrio impositivo.

Concellos galegos con bonificación do Catastro de Rústica (*)

(Fonte: Boletíns Oficiais Provinciais de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra)

A CORUÑA
– Ames (30 – 95%)
– Arteixo (95%)
– A Baña (50 – 95%)
– Betanzos (95%) – pensionistas
– Cabanas (95%)
– Coristanco (90%)
– Curtis (50 – 95%)
– Fene (95%)
– Frades (95%)
– Irixoa (50 – 95%)
– Lousame (95%)
– Malpica (95%)
– Mazaricos (95%)
– Melide (50 – 90%)
– Muxía (12 – 87%)
– Muros (70%)
– O Pino (50 – 95%)
– Ponteceso (95%)
– As Pontes (95%)
– San Sadurniño (50 – 95%)
– Santa Comba (50 – 95%)
– Santiago de Compostela (90%)
– Santiso (50 – 95%)
– Tordoia (50%)
– Touro (50 – 95%)
– Vedra (50 – 95%)
– Vilasantar (30 – 95%)
– Vimianzo (95%)
– Oza – Cesuras (50 – 95%)
* Do resto non consta que existan bonificacións.

LUGO
– Baralla (75%)
– Barreiros (50 – 95%)
– Begonte (95%)
– Cervantes (50 – 95%)
– O Corgo (95%)
– Folgoso do Courel (95%)
– Foz (95%)
– Friol (95%)
– O Incio (95%)
– Lugo (95%)
– Muras (95%)
– As Nogais (95%)
– Ourol (95%)
– Palas de Rei (50 – 95%)
– O Páramo (90%)
– Pedrafita do Cebreiro (95%)
– A Pobra do Brollón (40%)
– A Pontenova (50 – 90%)
– Portomarín (50%)
– Ribeira de Piquín (50 – 95%)
– Riotorto (50 – 70%)
– Sarria (95%)
– O Saviñao (95%)
– Trabada (50 – 95%)
– Triacastela (95%)
– O Vicedo (95%)
* Do resto non consta que existan bonificacións.

OURENSE
– Os Blancos (30 – 45%)
– Calvos de Randín (50%)
– A Mezquita (90%)
– Monterrei (90%)
– Piñor (90%)
* Do resto non consta que existan bonificacións.

PONTEVEDRA
– Arbo (95%)
– Cambados (95%)
– Dozón (95%)
– A Estrada (50 – 95%)
– Forcarei (60%)
– Agolada (50 – 95%)
– Lalín (95%)
– Moraña (95%)
– Ponteareas (95%)
– Rodeiro (95%)
– Sanxenxo (80%)
– Silleda (95%)
* Do resto non consta que existan bonificacións.

*Jacobo Feijoo

Jacobo Feijoo é o responsable da área de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias - UPA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información