Coa entrada en vigor da nova PAC 2023-2027 a partir do vindeiro ano arredor do 15% das axudas da PAC que perciban as ganderías galegas estarán condicionadas a que cumpran un ou varios dos chamados ecoesquemas, unha serie de 7 prácticas beneficiosas para o medioambiente e cuxo importe varía considerablemente segundo de cal se trate.
Cales son os ecoesquemas que máis lle interesa a unha gandería media de vacún de carne de Galicia e que se adapten mellor á realidade galega? Para responder a esta pregunta recabamos a información do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), organismo dependente da Consellería do Medio Rural, e de técnicos das organizacións Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.
Para facer o cálculo partimos dunha gandería media de vacún de carne coas seguintes características:
-40 vacas nutrices
-30 hectáreas de superficie de pradeiras permanentes
-Realiza pastoreo con todos os animais en todas as hectáreas
-As 30 has son declaradas con aproveitamento pastoreo
-Cumpre a carga gandeira de 0,4 UGM mínima e 2 UGM máxima
-As vacas pacen o mínimo de 120 días ao ano
-O gandeiro comprométese a anotar no caderno dixital todos os movementos dos animais nos 15 días posteriores ao movemento
Dende o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) explican que os ecoesquemas aos que se pode acoller esta gandería -pero tamén unha de ovino ou de caprino ou unha de vacún de leite en ecolóxico que non semente millo- son o de pastoreo extensivo ou no caso de que non fixera pastoreo o de illas de vexetación ou sega sostible. O importe da axuda nos dous casos sería o mesmo: 62,16 €/ha.
1.864,8 euros de axuda para unha ganderia media de vacún de carne
Porén, Ana Rodríguez, gandeira de vacún de leite en Chantada, economista e técnica do SLG especializada na PAC, precisa que “o máis práctico para o gandeiro ou gandeira é que escolla o eco-rexime de pastoreo extensivo en toda a superficie da explotación, posto que a xestión é máis simple e vai cobrar o mesmo: 62,16 euros por hectárea no 2023, pero nos anos seguintes a previsión é que diminúa o importe deica os 51,42 euros por hectárea no 2027”.
Este ecoesquema consiste en que o gando sae a pacer durante un periodo mínimo de entre 90 e 120 días ó ano, cun mínimo de 650 horas. Pode facerse tanto en pastos permanentes como temporais, adicados ó pastoreo, polo que quedan exceptuados os prados de sega.
A canto ascendería o importe desta axuda nesta ganderia tipo? A técnica do Sindicato Labrego calcula que “para o ano 2023, supoñeríalle un importe estimado de 1.864,8 euros -resultado de multiplicar os 62,16 euros x 30 ha- por acollerse con todas as súas hectáreas ao eco-rexime de pastoreo extensivo, non tendo variacións no importe aínda que escollera sega sostible ou illas de biodiversidade”.
Máis información:
-Que ecoesquemas lle interesan máis a unha gandería de vacún de leite en Galicia?
-Os ecoesquemas da PAC melloran a súa adaptación a Galicia: requisitos e pagos