Coa entrada en vigor da nova PAC 2023-2024 a partir do vindeiro ano arredor do 15% das axudas da PAC que perciban as ganderías galegas estarán supeditadas a que cumpran un ou varios dos chamados ecoesquemas, unha serie de 7 prácticas beneficiosas para o medioambiente e cuxo importe varía considerablemente segundo de cal se trate.
Cales son os ecoesquemas que máis lle interesa a unha gandería media de vacún de leite de Galicia e que se adapten mellor ao noso territorio? Para responder a esta pregunta recabamos a información do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), organismo dependente da Consellería do Medio Rural, e de técnicos das organizacións Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.
Uns 4600 euros anuais en xogo para unha gandería media de vacún de leite
Partimos dunha granxa tipo de vacún de leite en Galicia que non fai pastoreo, con 120 vacas en muxido, 60 hectáreas de base territorial das que en 40 cultivan millo forraxeiro -rotando 30 con raigrás italiano e deixando 10 baleiras no inverno- e 20 son pradeiras permanentes. En función de se se acolle ou non aos ecoesquemas e de cales elixa está gandería poderá recibir uns 4600 euros por esta axuda medioambiental.
Ana Rodríguez, gandeira de vacún de leite en Chantada, economista e técnica do SLG especializada na PAC matiza que “os eco-reximes para as granxas de leite parece que son para o Ministerio de Agricultura, e entendemos tamén que para a Consellería do Medio Rural, os que máis dúbidas teñen sen resolver , polo que o SLG está pendente de plantexar por escrito estas dúbidas tanto ao Ministerio como á Consellería para que resolvan, tamén, por escrito”.
Opcións para a superficie a pradeira permante
As opcións de ecoesquemas para as 20 hectáreas a pradeiras permanentes son, segundo a técnica do Sindicato Labrego, as seguintes:
1.- Sega sostible: 60 días sen segar (a determinar polas Comunidades Autónomas nos meses de xuño, xullo e agosto) e un número máximo de cortes (3 ou 2 en función da altitude á que se encontre a granxa). Débese anotar no caderno de explotación as actividades realizadas en cada parcela.
2.- Illas de biodiversidade: 7% das 20 hectáreas deben quedar sen segar entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto. Tamén é preciso anotalo no caderno as actividades realizadas en cada parcela
Ana Rodríguez precisa que non se pode facer combinacións nas 20 hectáreas de aproveitamento sega entre os dous ecorexímenes. “O que pode facer o gandeiro ou gandeira é comprometer parte das 20 hectáreas en calquera deles que cumpra, e deixar parte das hectáreas sen ningún compromiso”, recomenda.
O importe da axuda da PAC por cada hectárea comprometida sería o mesmo en calquera dos dous ecoesquemas: 62,16 euros/ha previstas para o 2023.
No caso desta gandería tipo, supoñería que se compromete as 20 hectáreas de pradeiras permanentes en algún dos dous ecoreximenes posibles, o importe da axuda por este “pago verde” ascendería a 1.243 euros.
Opcións de ecoesquemas para as terras de cultivo
En canto ás 40 hectáreas de terras de cultivo, a explotación pode acollerse aos seguintes ecoesquemas, tendo en conta que non se pode solicitar por 2 ecorexímenes na mesma superficie:
1. Rotación de cultivos: O ecoesquema contempla principalmente a rotación anual de cultivos na explotación con especies mellorantes (chícharo, trevos, navos…etc) para enterrar como abono verde, pero considerarase tamén rotación a aquela que teña lugar no mesmo ano.
No caso desta explotación, para acollerse a este ecoesquema habería que rotar con outro cultivo en 20 hectáreas, considerándose o raigrás como cultivo secundario a efectos de rotación, algo clave para as ganderías galegas de vacún de leite. Ademáis, habería que destinar un mínimo do 10% da superficie -4 hectáreas- a especies mellorantes, das que 2 deberían ser de leguminosas (trevos, chícharos…etc). Por último, a superficie máxima a barbeito para percibir a axuda por este ecoesquema debería ser dun máximo do 20%, é dicir 8 hectáreas.
2. Sementeira directa: No 40% da superficie, en 16 hectáreas, con rotación. Se se fai sementeira directa na mesma superficie máis dun ano, hai un complemento de 25 €/hectárea.
3. Espazos de biodiversidade: Deberían ser dun mínimo do 7% desas 40 hectáreas que deixarían como elementos non produtivos. Permítense barbeitos, marxes de protección dos ríos, elementos da paisaxe….
O importe para os ecoesquemas de rotación e sementeira directa é de 85,72 €/ha previsto para o ano 2023, que de aplicarse ás 40 hectáreas de terras de cultivo desta granxa dá un total de 3.428,8 euros de axuda ao ano.
O importe para espazos de biodiversidade é de 56,05 €/ha previsto para o ano 2023, co que de acoller as 40 hectáreas de terras de cultivo suma un total de 2.242 euros de axudas ao ano.
“É dicir, supoñendo que esta granxa comprometese toda a súa superficie (as 60 has) en dous eco réximes distintos como mínimo, o importe podería ser para o ano 2023, a 4.672 euros”, precisa a técnica do Sindicato Labrego Galego.
“O ecoesquema que máis compensa para as terras de cultivo é o de rotación, co nabo ou o chícharo como especie mellorante”
Desde Unións Agrarias, Javier Iglesias, asegura que “o ecoesquema que compensa máis a unha gandería tipo de vacún de leite en Galicia para as terras de cultivo é o de rotación, e empregando como especies mellorantes aquelas cuxa semente sexa máis barata e fácil de sementar, como o nabo ou o chícharo”.
¿Canto cobrará de axudas da PAC esta gandería tipo de vacún de leite con 120 vacas en muxido e 60 hectáreas de superficie a partir do vindeiro ano? Empregando a ferramenta CalculaPAC 2023, desarrollada por UPA, Javier Iglesias explica que cobraría de axudas da PAC uns 37.000 euros anuais, repartidos nuns 24.000 euros en axudas asociadas por vaca; uns 8500 por axuda á renda básica, uns 4000 euros polos ecorréximes e uns 1400 euros pola axuda redistributiva. “É dicir, os ecoréximes son unha parte pequena das axudas da PAC, pero importante cos marxes que hai nestes momentos para o leite”, subliña.
“A partir do 2024 vai ser complicado deixar as fincas de millo sen cultivo en inverno”
Polo demáis, o representante de Unións Agrarias lembra que “na nova PAC a partir do ano 2024 todas as terras arables da explotación van ter que rotar de cultivo cada 4 anos, co cal os gandeiros que botan ano tras ano millo na mesma leira e déixana baleira en inverno van ter que pensar que facer, se queren cobrar a PAC”.
Por iso, Javier Iglesias destaca que “coa nova PAC, por tanto vai ser se cabe máis importante que as granxas de vacún de leite de Galicia dispoñan de base territorial suficiente”.