As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Os ecoesquemas da PAC melloran a súa adaptación a Galicia: requisitos e pagos

Os novos pagos ambientais que terá a Política Agraria Común amoldaranse ás prácticas gandeiras habituais na comunidade, como a rotación millo – pradeira ou os periodos de sega dos prados

Os ecoesquemas da PAC melloran a súa adaptación a Galicia: requisitos e pagos

A nova proposta para os ecoesquemas da PAC, que o Ministerio de Agricultura pechará este outono, amóldase mellor que a inicial ás características da gandería galega, de xeito que ofrece diversas posibilidades para que as granxas de vacún de leite e de carne, así como as de ovino e caprino, perciban os futuros pagos medioambientais da Política Agraria Común. Non é unha cuestión menor, pois estes pagos, que entrarán en vigor no 2023, supoñen unha cuarta parte do total de pagos directos da PAC.

En relación á proposta presentada a comezos de ano, o Ministerio fixo unha serie de adaptacións para atender as demandas das comunidades da Cornixa Cantábrica, que entendían que aquel deseño de ecoesquemas orientábase máis á agricultura mediterránea.

Cos cambios introducidos, flexibilízanse por exemplo os requisitos de periodos de sega, pois entre outras cuestións, non se esixe proceder á sega despois da floración, coa conseguinte perda de calidade da forraxe que iso levaría consigo. No ecoesquema de rotación de cultivos, tamén se teñen en conta as rotacións dentro dun mesmo ano, co cal poderían entrar algunhas rotacións millo – pradeira, sempre en cando cumpran cos requisitos do ecoesquema, como os relacionados con especies mellorantes, entre elas as leguminosas.

Cada parcela poderá estar adscrita só a un ecoesquema, aínda que cumpra cos requisitos de varios

Outros ecoesquemas que presentan interese para Galicia son o de pastoreo extensivo, no que a Xunta reclama ampliar os abanos de carga gandeira mínima e máxima, e o de espazos de biodiversidade en terras de cultivo e cultivos permanentes.

Unha cuestión a ter en conta é que cada parcela só poderá computar para o cobro dun ecoesquema. Aínda que nalgunha parcela se poidan cumprir diversas prácticas medioambientais, só se percibirá axudas por unha delas.

Os ecoesquemas teñen dúas orientacións principais, a de lograr unha agricultura cunha menor pegada de carbono e a de avanzar na agroecoloxía, fomentando a biodiversidade, así como a conservación da paisaxe, do solo e da auga.

Estes son os sete ecoesquemas da última proposta do Ministerio de Agricultura, debatida hoxe na Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas. Espérase que, salvo algún axuste menor, sexa a proposta que se lle traslade antes de fin de ano a Bruxelas.

1) Pastoreo extensivo

Esta práctica consiste no pastoreo extensivo durante un periodo mínimo de entre 90 e 120 días ó ano, cun mínimo de 650 horas. Pode facerse tanto en pastos permanentes como temporais, adicados ó pastoreo, polo que quedan exceptuados os prados de sega.

Os beneficiarios poden ser tanto gandeiros de vacún como de ovino e caprino. Tamén se prevé para gando equino e porcino adicado á produción extensiva de carne.

O pastoreo extensivo considérase que contribúe a que os pastos absorban carbono e se compense parcialmente a pegada de carbono da agricultura e a gandería. O Ministerio sinala que os principais estudos na materia calculan que a captura de carbono por pastos nunha gandería pode mesmo superar o 60% do carbono producido en vacún de carne e o 90% en ovino de leite.

  • Carga gandeira: En pastos húmidos, situados naquelas comarcas cunha precipitación media anual superior ós 650 mm. (toda Galicia), a carga gandeira esixida sitúase entre 0,4 Unidades de Gando Maior (UGM) / hectárea e 2 UGM.

    No último ciclo da PAC, unha das cuestións que xerou dificultades nas ganderías galegas foi a definición de Coeficiente Arbustivo de Pastos (CAP) que aplicou Europa. Para o novo ciclo da PAC, a perspectiva é a de que ese CAP se manteña igual, é dicir, en pastos arbustivos teranse en conta as superficies con presenza de especies pratenses, non a altura do mato, con independencia de que o mato sexa aproveitado ou non polos animais.

    En pastos mediterráneos, a carga será entre 0,2 e 1,2 UGM.

  • Pagos: O pago por hectárea calcúlase que rondará os 62,1 euros en pastos húmedos, en tanto nos mediterráneos será de 41 euros. Ese cálculo faise estimando que 7 de cada 10 potenciais hectáreas beneficiadas vanse acoller a este ecoesquema.

    En pastos húmidos, abonarase o 100% do pago para as primeiras 65 hectáreas. A partir desa superficie, só o 70% da axuda.

2) Sega sostible e mantemento de marxes sen segar.

O obxectivo é evitar o abandono de pastos de sega e contribuír ó mantemento da biodiversidade, en especial das poboacións de mariposas que se reproducen e se alimentan nestes cultivos.

Este ecoesquema aplícase a nivel de explotación, tendo en conta todas as hectáreas elixibles susceptibles de sega e sobre as que se realice unha das dúas prácticas seguintes:

a) Establecemento de marxes sen segar, illas ou espazos de biodiversidade en zonas húmidas.

Estes elementos comprenderán unha porcentaxe do 7% do conxunto da superficie de pastos de sega declarados polo titular, porcentaxe que se computa a nivel de explotación, non de parcela. As franxas non segadas poderán rotar de ano en ano.

Estas marxes deberán someterse a explotación gandeira (sega, pastoreo ou desbroce) unha vez se complete o ciclo biolóxico das mariposas, e nunca antes do 30 de agosto. Ademais, non se poderán utilizar herbicidas no seu manexo. Os elementos da paisaxe e estruturais existentes, como valados, computarán a efectos de marxes.

b) Sega sostible.

A sega producirase durante a estación vexetativa principal cunha frecuencia que non superará os 2 cortes ó ano. Establerase ademais un periodo de non aproveitamento dun mínimo de 60 días ó ano, que fixarán as autoridades entre os meses de xuño, xullo e agosto. O obxectivo é favorecer o propio ciclo vexetativo dos pastos e o ciclo de vida das mariposas.

Sempre que sexa posible, en particular en Rede Natura 2000, priorizarase o destino do prado para herba seca ou outras alternativas ó ensilado.

Os beneficiarios deberán incluír no caderno da explotación tanto o calendario de sega como as prácticas realizadas en relación ó establecemento de marxes.

  • Pagos: O pago por hectárea calcúlase que rondará os 62,1 euros en pastos húmedos, en tanto nos mediterráneos será de 41 euros. Ese cálculo faise estimando que 7 de cada 10 potenciais hectáreas beneficiadas vanse acoller a este ecoesquema.

    En pastos húmidos, abonarase o 100% do pago para as primeiras 65 hectáreas. A partir desa superficie, só o 70% da axuda.

3) Rotacións en terras de cultivo

O ecoesquema contempla principalmente a rotación anual de cultivos na explotación con especies mellorantes, pero precisa que tamén considerará rotación a aquela que teña lugar no mesmo ano. Iso abre a opción de que as parcelas adicadas a millo en Galicia se poidan beneficiar deste ecoesquema.

A práctica da rotación, segundo valora o Ministerio, xera elevados beneficios ambientais, pois aumenta a fertilidade do solo, mellora a súa estrutura e redúcese a incidencia de malas herbas, pragas e enfermidades. Por todo elo, os beneficios da rotación inclúen un menor uso de fertilizantes e fitosanitarios e unha redución da erosión.

Requisitos

  • Que o 40% da superficie da terra de cultivo presente cada ano un cultivo diferente ó previo. Poderase rebaixar esa porcentaxe ó 25% en determinados casos, sobre todo en explotacións con presenza de especies plurianuais nas terras de cultivo.
  • Considerarase rotación tamén a aquela que teña lugar no mesmo ano.
  • Como mínimo, o 10% da superficie de terra de cultivo da explotación corresponderá a especies mellorantes, das cales a metade deberán ser leguminosas. Permitirase que a leguminosa non chegue a producir e se empregue como abono en verde, pero tras unha leguminosa non se poderá deixar a terra en barbeito na campaña seguinte.
  • No caso de explotacións con menos de 10 hectáreas, o ecoesquema esixirá só contar como mínimo con dous cultivos, en porcentaxes que se determinarán.
  • No caso dos regadíos, a fertilización, tratamentos e rega deberán quedar recollidos nun caderno de explotación. Para os abonados, deberase contar cun plan elaborado por un asesor.
  • .

    Pagos
    En terras de cultivo de secano húmido, o caso galego, pagaranse 90,22 euros por hectárea, segundo as estimacións do Ministerio. Abonarase o 100% do pago para as primeiras 30 hectáreas e despois un 70%.

    En regadíos, pagaranse 156,7 euros por hectárea.

    4) Agricultura de conservación: sementeira directa

    Con este ecoesquema, prímase a eliminación dos labores sobre o solo, para que a superficie da terra arable quede cuberta por restos vexetais todo o ano. Promóvese así o aumento de materia orgánica, o secuestro de carbono polo solo e a reducción da erosión.

    No caso do regadío, os labores de fertilización, tratamentos e rega, deberán quedar recollidos no caderno de explotación.

    Pagos
    En terras de cultivo de secano húmido, o caso galego, pagaranse 90,22 euros por hectárea, segundo as estimacións do Ministerio. Abonarase o 100% do pago para as primeiras 30 hectáreas e despois un 70%.

    5) Espazos de biodiversidade en terras de cultivo e cultivos permanentes

    Este ecoesquema bonifica o mantemento de espazos que permitan conservar a biodiversidade e que sirvan de refuxio e alimento para aves e insectos, polinizadores, etc.

    Tendo en conta que estes efectos positivos ambientais repercuten en toda a explotación, o apoio financieiro realizarase sobre a totalidade de hectáreas elixibles de terras de cultivo, ou ben de cultivos permanentes da explotación.

    Terras de cultivo
    No caso das terras de cultivo, por condicionalidade, esíxese contar cun 3% de áreas e elementos non produtivos. Para o cumprimento do ecoesquema, en secano pedirase un 7% adicional e en regadio un 4% máis.

    Os elementos non produtivos que se poden computar inclúen muretes, charcas, lagoas, bancais, estanques, abrevadeiros naturais, setos, lindes, etc. No caso do barbeito, só se terán en conta aqueles sementados con especies que propicien a biodiversidade. Tamén se valorarán as zonas de non colleitado de cereal ou oleaxinosa, a fin de beneficiar á avifauna asociada a estes espazos.

    Cultivos permanentes
    En cultivos permanentes, terase que contar cun 4% da superficie correspondente a áreas e elementos non produtivos, incluíndo enclaves de vexetación natural como árbores. Deberán ser terras que estean no Sigpac, como pastos arbustivos.

    Pagos
    En cultivos permanentes, as primeiras 15 hectáreas páganse a 71,63 euros / hectárea, e o resto a un 70% desa cantidade.

    6) Cubertas vexetais espontáneas ou sementadas en cultivos leñosos

    Este ecoesquema apoia o mantemento dunha cuberta vexetal nas entreliñas de cultivos leñosos, como a vide, as froiteiras ou o olivar. O Ministerio valora que é unha práctica que mellora a estrutura e materia orgánica do solo, ademais de contribuír ó secuestro de carbono. Asimesmo, reduce o uso de fertilizantes e fitosanitarios, e mellora a biodiversidade.

    O manexo das cubertas só se poderá facer por medios mecánicos, sega ou roza, depositando sobre o terreo os restos da sega.

    7) Cubertas vexetais inertes en cultivos leñosos

    Esta práctica consistirá na trituración sobre o terreo dos restos de poda. É un manexo que contribúe a reducir a erosión e, ó mesmo tempo, representa unha alternativa á queima ó aire llibre dos restos de poda, o que reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro e a emisión de partículas. Contribúe ademais a aumentar a materia orgánica do solo e a mellorar a súa estrutura.

    Como van quedar os pagos da PAC nas ganderías galegas?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información