Publicadas as guías para o óptimo aproveitamento de dúas aldeas modelo

As guías de ordenación produtiva para as aldeas modelo de Pedrosa, en Riós, e Bustelo de Fisteus, en Quiroga, fixéronse públicas. Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas poden consultar as guías nos taboleiros de anuncios destes concellos, ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Publicadas as guías para o óptimo aproveitamento de dúas aldeas modelo

A optimización dos usos destas aldeas é o obxectivo que motiva estas guías

A Consellería de Medio Rural publicou o anuncio polo que se someten a información pública os borradores de guías de ordenación produtiva de dúas aldeas modelo: a de Pedrosa, no concello ourensán de Riós, e a de Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga. Deste xeito, poderanse realizar as achegas que se consideren oportunas no prazo dun mes, a contar dende o día seguinte á publicación no DOG.

Estas guías configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

Para a aldea modelo de Pedrosa, en Riós, establécense como usos idóneos o aproveitamento gandeiro en extensivo, árbores froiteiras e cultivos agrícolas de ciclo curto. Esta iniciativa servirá para recuperar unha superficie de 12,68 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se porá en valor, distribuídas en 269 parcelas de 38 propietarios.

En canto á aldea de Bustelo de Fisteus, en Quiroga, apóstase polo aproveitamento gandeiro en extensivo, cultivos de horta, árbores froiteiras e castiñeiros. Neste caso, a figura abrangue unha superficie de 52,03 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 922 parcelas de 164 propietarios.

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelos deben ter en conta que estes borradores de guías de ordenación produtiva se someten a información pública polo prazo dun mes a contar dende mañá, tempo durante o que poderán realizar as achegas e alegacións que consideren oportunas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información