O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución mediante a cal se aproban as bases reguladoras para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo. Estas achegas están dotadas dun orzamento total de 3 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades -1,5 millóns de euros para 2024 e 1,5 para 2025-, co fin de facilitar a execución dos proxectos.
O obxectivo destas axudas é reforzar os servizos públicos e dotacións básicas proporcionados á poboación rural das aldeas modelo, favorecendo a implantación de actividades que xeren emprego e fixen poboación.
As actuacións subvencionables a través desta liña de axudas son, entre outras, a rehabilitación de espazos públicos ou edificios destinados a servizos públicos, a mellora de vías públicas, as redes de servizos (alumeado, auga, saneamento, enerxía, comunicacións…), servizos asistencias e culturais ou a rehabilitación de elementos patrimoniais como hórreos, fontes, lavadoiros ou muíños.
Neste sentido, estas achegas prestan especial interese á modernización dos núcleos rurais, polo que tamén se poderán empregar estas subvencións para dixitalizalos e implementar e-servizos mediante Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) específicas para a provisión de servizos no medio rural.
Solicitudes
Cada Concello poderá presentar unha única solicitude de axuda, que poderá incluír ata un máximo de tres proxectos diferentes a executar dentro da aldea modelo. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Por outra banda, serán subvencionables aqueles gastos vinculados coa construción, adquisición e mellora de inmobles, terreos e os custes xerais relacionados coa obra civil, a maquinaria e o equipamento. As axudas poderán cubrir o 100% dos custes subvencionables ata un importe máximo de 150.000 euros.