Preto de 26.000 agricultores e gandeiros galegos recibirán dende este venres o anticipo da PAC

En total o anticipo da PAC ascende a 102,7 millóns de euros. Os fondos corresponden ao pagamento básico, ao pagamento para os agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio o medio ambiente (chamado “pagamento verde”), á axuda adicional de mozos e ás axudas vinculadas

Preto de 26.000 agricultores e gandeiros galegos recibirán dende este venres o anticipo da PAC

Os gandeiros reclamaban da Xunta un adianto da PAC

Un total de 25.905 agricultores e gandeiros galegos recibirán desde mañá, venres 25 de novembro, o anticipo da Política Agrícola Común (PAC) por un importe total de 102.784.491 euros.

Segundo o informe presentado este xoves no Consello da Xunta pola Consellería do Medio Rural, estes fondos corresponden ao pagamento básico, ao pago para os agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente (o chamado “pagamento verde”), á axuda adicional de mozos e ás axudas ligadas (vinculadas a determinados sectores, coma o vacún de leite).

A Comisión Europea permite que as administracións ingresen o adianto destas axudas aos gandeiros e agricultores dende o 16 de outubro, algo que xa fixeron comunidades como Andalucía, Castela A Mancha, Castela e León ou Valencia.

Por provincias, a de Lugo ocupa o primeiro lugar tanto no importe aboado como no número de beneficiarios. Así, os 11.037 agricultores e gandeiros lucenses recibirán un total de 50 millóns de euros, mentres que en segundo lugar quedarían os 9.194 beneficiarios da provincia da Coruña, cunha achega de 35,4 millóns de euros. En terceiro lugar –por importe recibido– estaría Pontevedra, con preto de 10 millóns de euros e 2.856 beneficiarios. Por último, en Ourense serán 2.818 os perceptores da PAC, cun montante total de 7,3 millóns de euros.

Desde o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez salientan que “con este anticipo, os beneficiarios galegos recibirán nun único pagamento a contribución financeira do anticipo da PAC en Galicia para axudar a paliar na medida do posible as dificultades financeiras e os problemas de tesouraría que viñan arrastrando, mentres non se alcance a estabilización dos mercados”.

En Galicia recibirán o pagamento anticipado da PAC o 82% dos solicitantes

Ademais, dende a Consellería de Medio Rural destacan que Galicia conseguiu neste exercicio continuar coa mellora do cociente de pagamentos. “Así, malia ter unha xestión máis complexa do anticipo pola cifra de beneficiarios que o perciben e o número de parcelas declaradas (1,3 millóns), a diferenza doutras comunidades en que as axudas están máis concentradas, acadouse unha porcentaxe de pagamento anticipado do 81,7% das solicitudes”, aseguran dende Medio Rural.

En total, a previsión de axudas da PAC para 2016-2017 sitúase nos 170 millóns de euros para uns 30.000 beneficiarios. Non obstante, segundo a Consellería “son datos aínda provisionais a falta de que se peche a campaña”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información