O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, mantivo un encontro co sector para a posta en consideración do Plan Estratéxico da Horta, que tivo lugar hoxe no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón.
Tal e como indicou o conselleiro durante a súa intervención, esta estratexia nace co fin de seguir potenciando o sector, que dada a súa relevancia para o agro galego precisaba dunha planificación destas características. Así, puxo en valor o territorio galego, ao que definiu “moi axeitado para o cultivo de horta”; xa que a comunidade conta con oito indicativos de calidade ligados a este tipo de produción.
Seguindo esta liña, o plan ten como fin principal reforzar a posición de Galicia como referente na produción hortícola de calidade, apostando pola sustentabilidade, a diversidade, o respecto polo medio ambiente, a innovación e a profesionalidade como pancas para ofrecer ao mercado produtos frescos e transformados saudables, xerando valor económico e oportunidades de emprego e emprendemento no territorio.
A estratexia é froito dun traballo de análise, avaliación e diagnose do sector, que se complementa con achegas en mesas de participación cos axentes da cadea de valor e entrevistas semiestruturadas grazas á colaboración coa Fundación Juana de Vega.
Deste xeito, un proceso previo tan detallado permitiu afondar no coñecemento dos diferentes elos da cadea de valor e as súas relacións co obxectivo de establecer os retos aos que se enfronta o futuro do sector. Así, puido constatarse a relevancia que o sector hortícola ten na nosa comunidade, xa que este eido se sitúa como a terceira produción máis importante. En comparación co panorama nacional, Galicia ocupa a cuarta posición entre as comunidades autónomas en termos de valor económico da súa produción, só por detrás de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha.
O Plan Estratéxico da Horta
Así, o documento procura incrementar e diversificar este eido; afondando na profesionalización dos produtores e promovendo o aumento do seu tamaño, co fin de conseguir unidades rendibles economicamente e con capacidade para xerar emprego e riqueza. Seguindo precisou o conselleiro, a Lei de recuperación da terra agraria xogará un papel fundamental neste obxectivo.
Esta estratexia procura mellorar articulación, cooperación e vertebración do sector produtor, polo que se fomentará a colaboración entre os produtores, asociacións do eido e a administración co fin de facilitar o intercambio de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes elos da cadea.
Por outra banda, tal e como salientou José González, perséguese unha maior diferenciación comercial da produción hortícola galega mediante a promoción, lembrando que a orixe galega é sinónimo de calidade e do bo facer dos agricultores. Farase a través de campañas publicitarias e promoción dos selos de calidade diferenciada, que garanten unha elaboración sustentable e respectuosa co medio ambiente. Ademais, este Plan estratéxico busca impulsar a investigación no campo dos produtos transformados, co fin de mellorar a súa produción dende a fase do cultivo ata a de transformación.
Sustentabilidade, innovación e investigación
A estratexia mostra unha clara aposta pola sustentabilidade ambiental da produción hortícola. Para conseguilo, investigaranse novas técnicas de produción baseadas na agricultura rexenerativa e procurarase reducir a pegada climática e ambiental deste tipo de produción. Ao mesmo tempo seguirase apoiando a incorporación de mozos ao agro para favorecer e garantir a remuda xeracional. Tamén se afondará na profesionalización e gobernanza dos consellos reguladores e procurarase aumentar a súa superficie agraria e o número de operadores adheridos, co fin de garantir alimentos de calidade certificada.
Neste sentido, a investigación, a innovación e a transferencia de coñecementos configúranse como elos fundamentais para calquera eido produtivo. Polo tanto, a estratexia contempla a mellora das capacidades investigadoras do centros de investigación, para fortalecer o I+D+i+d e poder responder ás demandas do sector.