No Consello Forestal de Galiza, celebrado o pasado dia 17 de febreiro do 2017, a Consellaria do Medio Rural presentou o borrador dun decreto para regular as novas plantacions de eucaliptus no territorio galego. O borrador presentado é cativo e insuficiente e o que vén a siñificar na práctica é unha moratoria para que se poidan seguir plantando eucaliptus baixo a aparencia de regulalos.
A presentación deste borrador no Consello Forestal do dia 17 de Febreiro do 2017 demostra a mentira do señor presidente da Xunta de Galiza cando, fai máis ou menos un mes, vendeu nos medios de comunicación social a existencia dun consenso do sector ante esta regulación. Mal pode haber consenso onte sobor un documento que se presenta hoxe.
“O borrador do decreto está orientado ao de sempre, a producir eucaliptus a mansalva e de baixa calidade para a industria pasteira”
Valoración do proxecto de decreto
O borrador non contempla a prohibición das novas plantacións de eucaliptus, cando a superficie existente na actualidade plantada por esta especie supera en case 300.000 hectáreas á que estaba planificada no vixente Plano Forestal. Como tampouco contempla a eliminación de eucaliptus nitens, especie considerada como invasora noutras zonas do Estado Español, e que nos montes do interior da nosa nación xa ocupa mais de 20.000 hectáreas.
No borrador presentado, nada se fala de ordenar as plantacions existentes en marcos axeitados, nin de eliminar os eucaliptos plantados en terras clasificadas como agrarias ou agrícolas (onde xa ocupan mais de 35.000 hectáreas). Tampouco fala de eliminar os eucaliptus naquelas áreas forestais que dispoñan de solos aptos para plantacions de frondosas caducifolias, tanto de madeira como de froito; para usos gandeiros ou para froitos silvestres .
Por non falar, o texto nin fala de orientar a mesma produción de eucaliptus como madeira de calidade. Unha vez máis, o borrador do decreto está orientado ao de sempre, é dicir, a producir eucaliptus a mansalva e de baixa calidade para fornecer a industria pasteira. E tamén está orientado a reservar terra para a plantación de cultivos enerxéticos de cara a un futuro inmediato.
Postura de parte do sector forestal
A pesar de que o borrador presentado para regular as novas plantacions de eucaliptus é cativo e insuficiente, unha parte (non toda) do sector que eles chaman forestal, mais que non é forestal senón monte, solicitaron a retirada deste borrador. Mais non solicitaron a súa retirada por ser cativo e insuficiente. Solicitaron a súa retirada por ser excesivo.
Esta parte do sector “monte” conformado pola industria forestal (Confemadera, Monte-Industria, Cluster da Madeira e empresas da primeira transformación), polas empresas de servizos forestais (Asemfo e Serfoga), a rama forestal de Unións Agrarias (Asefoga), e algúns titulares das terras (Asociación Forestal de Galicia e Promagal), defenden que non deben regularse as plantacions de eucaliptus.
“Hai unha parte do sector ‘monte’ que pide que cada quen plante eucaliptus onde queira, como se estivesemos na lei da selva”
Os colectivos citados piden que cada quen plante eucaliptus onde queira, como se estivesemos na lei da selva. Que o único que ten que regular as plantacións de eucaliptos é o mercado. Como se o mercado fose un ente abstracto e mesmo benefactor. Cando no réxime capitalista no que vivimos, o mercado é unha ferramenta controlada polo capital para defender os seus intereses económicos.
No seu delirio pro-eucaliptos sen control, mesmo chegaron a tachar de intervencionista o intento da Administración Pública por tentar unha regulación (cativa e insuficiente) das novas plantacións de eucaliptus.
Poderíase entender a sua postura se tamén tacharan de intervencionista á mesma Administración Pública que promulgou un decreto non só para obrigar ás comunidades de montes a investir o 40% de todos os seus ingresos en mellora e protección forestal do monte, senón para indicarlles en que actividades teñen que investir ese 40% de todos os seus ingresos. Mais para eles, aquí a Administración Pública non foi intervencionista. Promulgou un decreto axeitado… axeitado os seus intereses económicos.
“Presentaremos achegas a este decreto por cativo e insuficiente, e entendemos que tamén deberían presentalas todas as organizacións do rural”
Alegacións
Na reunión do Consello Forestal de Galiza celebrado o pasado dia 17 de febreiro do 2017, a Organización Galega de Comunidades de Montes manifestou a necesidade de regular a existencia dos eucaliptus no territorio galego. Mais como o borrador presentado é cativo e insuficiente, presentará achegas ao mesmo. Achegas para permitir acadar un monte e un medio rural multifuncional e sustentabel. E dende a nosa humilde opinión, entendemos que tamen deberían presentar achegas todas aquelas entidades e organizacións que viven, traballan e xestionan o medio rural.