Os ovos campeiros de Granja Campomayor súmanse ao selo de Galicia Calidade

Na actualidade 4 empresas galegas do sector do ovo están avaladas por este distintivo de calidade da Xunta. Granja Campomayor, con sede en Palas de Rei, leva dende 1940 producindo ovos de calidade

Publicidade
Os ovos campeiros de Granja Campomayor súmanse ao selo de Galicia Calidade

Entrega do selo de Galicia Calidade a Granja Campomayor

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega en Palas de Rei do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa lucense Granja Campomayor.

Con este recoñecemento, os ovos campeiros desta compañía poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con ovos certificados de catro empresas galegas: Coren, Pazo de Vilane, Avícola Tratante e agora Granja Campomayor. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá á empresa lucense incluír o distintivo ademais de nas etiquetaxes, nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

Granja Campomayor: producindo ovos de calidade dende 1940

Granja Campomayor é unha empresa afincada en Palas de Rei (Lugo) dedicada á produción e comercialización de ovos para consumo e os seus derivados. Naceu en 1940 nunha antiga casa de labranza con 300 galiñas, e hoxe é unha das produtoras de ovos máis importantes de España.

En 2012 iniciou a produción de ovo campeiro coa integración de 5 naves que aloxan 120.000 galiñas campeiras. Na granxa tamén colabora con granxeiros para a produción de ovo ecolóxico e ovos de codorniz. Cada día saen das instalacións de Campomayor arredor de 600.000 ovos, chegando a 14 millóns de ducias ao ano.

A empresa vén de poñer ademais en marcha unha planta de pasteurización de ovo, que lle permite producir 100.000 kg ao mes deste produto.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 53 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información