Os gandeiros proseguen as accións contra a distribución na Coruña e Lugo

Os produtores da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo bloquean o Carrefour por terceiro día e cortan tamén o paso ó Alcampo. Agromuralla distribúe leite fresco entre os consumidores

Os gandeiros proseguen as accións contra a distribución na Coruña e Lugo

Os tractores ampliaron esta mañá o bloqueo ó Alcampo da Coruña. / Imaxe: Unións Agrarias.

O sector agrario prosegue o pulso coa distribución en demanda do cumprimento do acordo lácteo. Por terceiro día consecutivo, os gandeiros mobilizados na Coruña manteñen o bloqueo do Carrefour de Alfonso Molina e esta mañá a primeira hora iniciaron tamén o do Alcampo, outra cadea de distribución de capital galo que se está a distinguir por malas prácticas na cadea do leite, segundo a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que convoca a acción. En Lugo, Agromuralla está a distribuir hoxe leite entre os consumidores.

Os gandeiros lucenses, que manteñen unha tractorada na Ronda da Muralla desde o xoves, repartiron esta mañá entre os consumidores leite fresco pasteurizado dunha gandaría da provincia.

Reparto de leite hoxe en Lugo. / Imaxe: Agromuralla.

Reparto de leite hoxe en Lugo. / Imaxe: Agromuralla.

Foi ante o Carrefour do Anxo Carro, onde xa estiveran onte informando ós consumidores, e para esta tarde a partir das catro está prevista outro reparto de leite no centro comercial As Termas, ante un Eroski.

Na Coruña, os gandeiros convocados pola Plataforma do Sector Lácteo optaron por unha mobilización máis contundente, que consiste en cortar na práctica o acceso ós centros comerciais do Carrefour e do Alcampo, previa información ós consumidores que queren acceder en veículo a ambas áreas. A gran maioría dos cidadáns opta por dar media volta, se ben aqueles que insisten en pasar poden acceder a facer as súas compras.

Tanto na Coruña como en Lugo, novos tractores están sumándose estos días ás mobilizacións. Na protesta coruñesa, os gandeiros vanse relevando ao longo do día no control dos accesos ás áreas comerciais e tamén quedan reténs nocturnos para vixilar os tractores.

Concentración hoxe ante o Carrefour de Lugo. / Imaxe: Agromuralla.

Concentración hoxe ante o Carrefour de Lugo. / Imaxe: Agromuralla.

A raíz do descontento dos produtores está na crise de prezos que atravesa o leite no campo. En setembro pasado, cadeas de distribución e industrias asinaron un acordo lácteo co Ministerio no que se comprometían a unha mellora da remuneración de toda a cadea do leite, de xeito que industria e gandeiros mellorarasen as súas contas. A realidade é que case tres meses despois, a maioría dos gandeiros continúa cos mesmos prezos e sen perspectivas de mellora a curto prazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información