A asemblea xeral de Acruga oponse ás contas e presuposto presentados pola directiva

Máis de dous terzos dos gandeiros asistentes votan en contra dos principais puntos da orde do día. Enquístase así aínda máis o conflicto entre a candidatura alternativa, encabezada por David López, e o actual presidente, César Dorado

A asemblea xeral de Acruga oponse ás contas e presuposto presentados pola directiva

Asemblea xeral de Acruga, hoxe en Lugo.

A Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) atravesa por tempos convulsos. Logo dun proceso electoral que foi anulado polo xulgado, a directiva que saíra gañadora daqueles comicios por unha estreita marxe procedeu a recurrir a decisión xudicial. Entre tanto, trata de manterse no cargo, pero enfronta un panorama complicado, pois a oposición á continuidade de César Dorado estase a notar con forza. Na asemblea xeral celebrada hoxe, máis de dous terzos dos gandeiros asistentes opúxeronse ás contas e ó presuposto presentados pola directiva.

Dos 220 gandeiros asistentes, 158 votaron en contra das contas do 2022 e do presuposto e plan de traballo do 2023, segundo as cifras que manexa a candidatura alternativa, encabezada polo gandeiro da Mariña David López. O conflicto ameaza así con bloquear o traballo cotiá da Asociación, un escenario que semella pouco sostible.

“Pedímoslle de novo a César que dimita e que cumpra coa resolución xudicial. Pensamos que é a única saída posible” -explica David López.- “Logo de que a asemblea xeral lle tumbase por ampla maioría as contas e o presuposto, preguntámoslle que ía facer, pero non tivemos resposta”, lamenta.

Desde a candidatura alternativa critican tamén os problemas que houbo na organización da asemblea, que tivo un importante retraso na hora de comezo por dificultades de acceso á sala.

Presentación do balance 2022

A actual directiva de Acruga, pola súa banda, emitiu unha nota de prensa na que explica o actual balance da campaña, sen mención ós incidentes da asemblea. No balance da última campaña, Acruga destaca unha evolución positiva dos números da raza. En concreto, sinálase que se aumentaron lixeiramente as ganderías de Rubia Galega, que ascenden a 1.336 (+10). O mesmo ocorre co número de animais dados de alta no libro xenealóxico, no que se inscriben os exemplares de pura raza, e que ao peche de 2022 contabilizou preto de 31.500 animais, a maioría deles pertencentes a explotacións lucenses (25.465).

Para Acruga, un dos datos máis importantes e que demostra a evolución da raza é o que deriva dos pesos dos exemplares ao destete, que soben respecto a anos anteriores, ao que se suma o descenso do peso ao nacemento.

Ambos os factores son moi positivos, afirman, xa que se baixa unha media de 2 quilos o peso ao nacemento, que canto menor é supón unha maior facilidade de parto, mentres que incrementa o peso ao destete, o que supón maior crecemento e máis produción de carne.

A asemblea de Acruga serviu para dar conta tamén da marcha dos diferentes convenios, xa coñecidos, que a asociación mantén coas distintas administracións.

Gandeiros xubilados
Como é habitual nas asembleas anuais de Acruga, esta reunión serviu ademais para render homenaxe aos gandeiros xubilados ao longo do 2022, dos que seis asistiron para recibir a distinción da asociación. Trátase de Celsa Cordal, de Abadín; Karina González, de Cervantes; Virtudes Santos, de Sobrado; Manuel Pérez, de Cervantes; Manuela López, do Corgo; e Daniel Fernández, de Baralla. Todos eles recibiron a insignia de Acruga de mans das autoridades, en representación de todas as administracións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información