Vacas que van de compras

Os gandeiros que manteñen paralizada a entrada de mercadorías no Lidl e no Eroski de Lalín tratan de acceder a ambos establecementos con dúas vacas para facer visible o malestar do sector. Na Coruña aumentan os bloqueos e actos contra a distribución, que continúan tamén na provincia de Lugo

O sector gandeiro prosegue as súas protestas contra as cadeas da distribución en diversas vilas e cidades galegas. O acto máis mediático do día programouse en Lalín, onde medio cento de produtores tratou de acceder a un Lidl e a un Eroski con dúas vacas, coas que querían facer visible o malestar do sector cos grupos de supermercados. Na Coruña, onde desde o xoves pasado están bloqueados o Alcampo e o Carrefour, os actos contra a distribución estanse a extender a dous Lidl e a un Dia; en tanto continúan tamén as accións en Monforte, Sarria e Lugo.

Galería de fotos (1/11).

As mobilizacións dos produtores orixináronse polo descontento do sector coa falta de resultados do acordo lácteo, asinado en setembro. Daquela, as cadeas de distribución comprometéranse a trasladarlle ás industrias unha suba dos prezos para que estas a súa vez lle fixesen chegar esa mellora ás granxas.

Cadeas como Mercadona, Lidl e Eroski mesmo cuantificaran en setembro a suba para os gandeiros en 2 céntimos. A realidade foi distinta, ó entender do sector produtor. Só Mercadona levou á práctica ó anunciado, en tanto o resto de cadeas mantiveron os mesmos pagos ás industrias.

En cambio, a maioría dos supermercados si lle subiu ó prezo do leite ó consumidor. Esta situación leva a que entre os gandeiros haxa máis que reticencias ante o anuncio de Eroski de comercializar unha nova marca branca coa que di que cobrarán máis os produtores.

Orixe do leite
O segundo punto que molesta ós gandeiros é a falta de identificación da orixe do leite. “Non nos serve que os briks poñan onde se envasa o leite, queremos que poña cal é a orixe” -explicaba hoxe Román Santalla (Unións Agrarias) na asemblea do bloqueo de Lalín.- “Que lle quede claro a Lidl que non imos permitir que traia o leite de Francia ou Alemania”, advertía Santalla ás portas da cadea alemá, á que os gandeiros concentrados en Lalín trataron de acceder cun par de vacas. A seguridade do supermercado e as portas pechadas a cal e canto impedírono, o mesmo que pasaría despois no Eroski.

En Lalín, os gandeiros manteñen desde o luns bloqueado o acceso de camións de mercadorías a ambos supermercados. O luns tamén bloquearon o paso de consumidores, se ben nos días seguintes levantaron esa restricción para non perxudicar ás tendas que comparten centro comercial con Lidl e Eroski. Un retén nocturno vixila toda a noite para impedir a entrada de camións.

Bloqueos na Coruña
Os bloqueos contra grandes superficies, organizados pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, con participación das organizacións agrarias e das cooperativas, continúan tamén na Coruña, onde ós bloqueos do Carrefour e do Alcampo, iniciados o pasado xoves, se lle sumou onte un Lid da Grela. Desde mañá, está prevista tamén a distribución de información entre os consumidores dun Dia e dun Lidl do Burgo. Tamén continuaron hoxe os actos de información nun Eroski de Sarria e nun Lidl de Monforte.

Agromuralla en Lugo
Entre tanto, en Lugo, a mobilización convocada pola asociación Agromuralla centrouse esta tarde en repartir información entre consumidores dun Gadis. Na noite do martes, Agromuralla protagonizou tamén un acto reivindicativo co encendido simultáneo de todas as luces e farolillos dos tractores arredor da muralla ás 10 da noite. Para este xoves, a asociación ten prevista unha concentración de mulleres a partir das 12 horas ante o edificio multiusos das Xunta. Agromuralla, igual que fixera na concentración de setembro, pediu unha visita da conselleira para que os informe da situación do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información