A Consellería do Medio Rural defende o recurso ao baleirado sanitario, incluíndo o sacrificio de animais sans, ante a detección de positivos por tuberculose bovina nas explotacións gandeiras.
En concreto, e tras a manifestación de hoxe convocada en Ourense polo Sindicato Labrego Galego en protesta polo baleirado sanitario dunha gandería de Manzadena na que se detectaron positivos de tuberculose, o departamento que dirixe José González fai un chamamento a “non facer demagoxia nin lanzar declaracións irresponsables” e subliña que “dende a Xunta cumprimos escrupulosamente coa normativa para protexer o sector, a sanidade animal e a saúde pública”, lembrando que a tuberculose bovina “é unha enfermidade transmisible ás persoas”.
Neste sentido, dende Medio Rural inciden en que “o sacrificio é obrigatorio, segundo establece a normativa, unha medida de control contemplada no programa nacional de erradicación da tuberculose bovina”, precisando que “traballamos para atallar o foco, ofrecer unha viabilidade futura á explotación e protexer ás restantes libres desta doenza”.
No caso concreto da gandería de Manzaneda, dende Medio Rural aseguran que “os Servizos Veterinarios da Consellería facilitaron ao titular da explotación toda a información sobre o motivo do baleiro sanitario, o proceso para levalo a cabo, o contido da normativa e as liñas de compensación ás que se poderá acoller”.
E no relativo ás compensacións ás ganderías afectadas por un baleiro sanitario por tuberculose bovina, a Xunta recorda que “ademais da indemnización establecida polo Goberno central, en Galicia, financiadas con fondos propios, hai dúas liñas complementarias: para compensar o lucro cesante e para a reposición dos animais sacrificados”.
Ademais, recordan que “os gandeiros tamén perciben o valor da carne dos animais sacrificados, así como os importes dos seguros agrarios subscritos -no caso de que cubran os sacrificios realizados con motivo das campañas de saneamento, tamén subvencionadas polas administracións públicas-. “E a limpeza e desinfección das instalacións é asumida pola Xunta”, engaden.